sábado, 3 de xullo de 2021

O latexo dos libros


Saga/Fuga


No corazón da cidade, na Praza da Ferraría, serán os libros os que latexarán ao longo desta fin de semana que vén a inaugurar o verán (aínda que o tempo se resista a confirmalo) con foguetes disfrazados de libros. Entendamos así cada un dos exemplares dos que poderemos gozar baixo esa carpa que, na chamada ‘Festa dos libros’, acollerá unha chea de títulos e de actividades arredor dese estourido en que se converte cada libro. Un estourido na nosa mente, na nosa alma, no noso corazón, xa que alí é onde inciden directamente os textos que se agochan neses volumes  coa capacidade, según a nosa elección, de afectar a todos eses recunchos de nós mesmos.

Tres días, polo tanto, que aproveitar entre as propostas das nosas librarías que durante estes últimos meses convertéronse en auténticas fortalezas do noso ánimo, caixas de resistencia ante unha pandemia que precisou ben pronto das posiblidades dos libros como xeito de terapia do tipo que cada un lle quixera outorgar. Agora as nosas librarías saen a rúa e agardan da nosa complicidade, de facer do acto da compra de libros moito máis cunha transación económica converténdose nunha forma de confianza e de agradecemento por seguir aí cando todo se tinxía de escuridade.

Ao longo desas xornadas ese espazo encherase de presentacións de libros da man dos seus autores, tamén de sinaturas coas que escritores e escritoras nos agasallarán como acto tamén cómplice entre eles e nós. Cada sinatura converterase entón nun elo que permanecerá nos nosos libros en lembranza dese encontro que se incorporará, xa para sempre, ás páxinas dun libro que pode converterse en parte de nós dependendo do que signifique a súa lectura.

Fronte a San Francisco, a carón dos Soportais, sobres as vellas pedras da Ferraría o latexo dos libros reclamará a presenza de pontevedreses e dos visitantes que ao longo destes días xa nos acompañan. Libros en galego e en castelán, páxinas e páxinas cheas de historias de amor, de aventuras, de poemas, de bandas deseñadas, de ensaios, de receitas de cociña, de filmes... en definitiva dun infindo territorio de posibilidades que fan do libro unha experiencia inagotable que, por moita competencia que teña dende as novas tecnoloxías, sempre será especial  e tamén inigualable.

Acudir a esa chamada será, ao mesmo tempo, reivindicar a unha Pontevedra que tivo sempre no literario unha das súas sinais de identidade e a cultura como unha das súas referencias e elementos diferenciadores en relación a outras vilas galegas. Esta idea de facer dos libros máis cunha feira unha festa volve a situar á nosa cidade dentro desa aposta por replantexar moitas situacións da cultura que se amosaban esgotadas nos últimos tempos e que, xustamente, co bulir dunha cidade que cada vez máis ten a rúa e a complicidade entre diferentes axentes sociais, atopa un activo dinamizador co que non se pode competir e que é quen de xerar unha atmosfera vital que distingue moito do que adoita acontecer á beira do Lérez.

Collan o programa da  ‘Festa dos libros’ e atoparán diversas opcións dirixidas a todos os públicos para facer dos libros unha maneira de seguir construíndonos, de seguir subindo chanzos na nosa realidade cultural e tamén social, xa que ambas dimensións amósanse na nosa cidade como elementos dun mesmo itinerario que se baleirou durante os meses críticos do pasado ano, no que mesmo esta ‘Festa dos libros’ non tivo lugar. É tempo, entón, de recuperar esas sensacións, e de seguir escoitando o latexo dos libros.




Publicado no Diario de Pontevedra 2/07/2021

Fotografía. Festa dos libros de 2019 (Javier Cervera-Mercadillo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario