domingo, 12 de setembro de 2021

A porta da imaxinación

 



Mulleres espidas, campos de millo, cruceiros, romarías, imaxes medievais, aves fantásticas… a pintura de José Solla é un canto constante á imaxinación e a xerar portas para que a nosa mente e a nosa vista se acheguen a un paraíso lúdico e sensorial que só a arte é quen de xerar hoxe en día.

Cando en 2018 o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, me encargou o comisariado dunha ampla mostra retrospectiva que percorrería a obra de quen xa cumplirá os noventa anos o que fixo foi poñerme ante un home que xa coñecía ao coincidir con el en non poucas exposicións en Pontevedra e na nosa contorna durante as súas obrigadas visitas a Bueu e Marín, espazos irrenunciábeis na súa vida persoal pero tamén hórreos dunha inspiración artística que non deixaba de medrar ano tras ano. Esas inspiracións gardábanse nas súas maletas e no Mar de Plata abrollaban en novos cadros, en longas superficies de traballo que fixeron de José Solla un dos máis sobranceiros artistas daquela xeografía austral tan querida para nós. Nesas exposicións de verán José Solla, coa súa xa avanzada idade, amosaba un entusiasmo desbordante sobre as propostas pictóricas das que sempre suliñaba algún aspecto e gustaba comentar cos que compartíamos con el o gozo de velo ano tras ano. Ao traballar durante varios meses no seu refuxio de Bueu, aberto á ría, coas Ons como fondo máxico, e coas areas das súas queridas praias de Agrelo e Portomaior como espazo de distracción, comprobei como ese entusiasmo e paixón pola pintura eran o seu maior pulo para seguir cumprindo anos, para seguir gozando con cada nova obra, revisando as anteriores ou mesmo con cada liña feita sobre o papel.

A exposición que se inaugurou en xullo de 2018, sendo a gran mostra do verán pontevedrés, amosou a súa evolución artística dende aquela figuración cubista dos anos setenta, cos portos que tanto o engaiolaron de novo. Eran auténticos desafíos para o pintor que nacía dende o traballo coas formas e a disolución de elementos e nos que a imaxinación comezaba a impoñerse á realidade. Bodegóns e paisaxes completaban aqueles momentos de autoaprendizaxe. “Cada tarde é un porto”, escribiu Borges, e así foi para José Solla. Aqueles portos eran, ao tempo, o fío que enguedellaba as dúas orelas do Atlántico, ás que tan unido estaba coas súas viaxes, coa súa familia na Arxentina, coa súa terra natal de Marín, co seu universo máxico de Bueu, cunha Galicia que facía levedar unha compoñente mítica e ancestral como sustrato dunha obra que comezou a explorar novas posibilidades tras esa primeira etapa, pechada cunha Medalla de Ouro na II Bienal de Arte de Pontevedra en 1976.

Asomouse José Solla ao noso universo do Románico, aos tímpanos das igrexas para, subido nunha especie de ave do paraíso, abrir a porta aos soños e a unha desbordante imaxinación, enchéndose dende entón as súas obras de toda unha mitoloxía impactante para o espectador, pero sen esquecer nunca o debuxo no que tanto insistía como ferramenta básica de calquera artista e do que denunciaba o pouco caso que se lle facía na educación dos novos creadores. De feito insistiu moito para que na mostra do Museo o debuxo tivese un espazo importante, e así foi como adicamos toda unha sala a visualizar unha serie de traballos rápidos, apuntes feitos nun instante, moitos deles en viaxes polo mundo, en cafeterías ou hoteis, algúns como base de pezas posteriores, pero nos que se podía captar a natureza última do artista, a capacidade de observación e o apunte visceral.

As obras medraban nas súas capacidades, ao tempo que o facía a súa pintura, e a súa imaxinación precisaba de artellar un sistema para darlle acougo a esa frenética creatividade, e así creou as chamadas ‘Portas’, unha especie de panel onde se producía unha sorte de narratividade visual que lembraba os cantares dos cegos da antigüidade con múltiples esceas que nacían dos sustratos dos mitos galegos e que se enchían co universo onírico. Esas pezas tamén permitían a súa plasmación en superficies máis alá do pictórico e así Bueu goza na praza Massó dun dobre panel de pedra, ‘Inés-Palmira’ creado pola Escola de Canteiros de Pontevedra, no que reposa a nosa identidade e tamén a dun home que nos abriu ao longo da súa vida toda unha chea de portas para que cada un de nós academos o paraíso para, como escribía Cortázar, “obrigar á realidade a que responda aos nosos soños”. A iso mesmo se adicou, ao longo de máis de noventa anos, un ser irrepetible, José Solla, que da man da súa nai ía de cativo ás feiras de Marín e onde comezou a pintar recollendo imaxes na súa retina que non o abandoaron nunca, formando parte da súa pintura, e que abofé foron coas que pechou os ollos por última vez.




Publicado no Diario de Pontevedra 11/09/2021

Fotografía. Archivo Gráfico Diario de Pontevedra

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario