domingo, 27 de febreiro de 2011

Moderno




O Ateneo de Pontevedra fixo saltar as alarmas. O Café Moderno deixa de facilitar as súas instalacións para a celebración de actos culturais, polo menos de xeito continuado. As argumentacións ante esta postura baséanse nos días turbulentos que está a vivir a nova entidade de aforros de Galicia, nos que aínda non saben ben como administrar as súas diferentes instalacións. Lamentablemente todo apunta a un peche encuberto ou suspendido no tempo dunhas dependencias imprescindibles para o tecido cultural pontevedrés e que perfectamente poden convivir coa sede que se atopa fronte a ela. Poucas novas foron tan celebradas na nosa cidade como a recuperación deste espazo por parte de Caixa Galicia, un edificio fundamental para comprender a historia da nosa cidade. Alí Lorca compuxo un soneto para ser publicado naquel soño de revista dun grupo de xóvenes capitaneados por Xoan Vidal Martínez, ata a el se achegaba Castelao para charlar cos seus amigos, foi un dos berces do cinema na nosa cidade e nel se agochan obras de artistas tan senlleiros como Monteserín, Carlos Sobrino, Pintos Fonseca, Laxeiro ou Francisco Leiro. Nas décadas centrais do século XX este ambiente cultural substituíuse por unha oficina financieira, simbolizando o triunfo do capital sobre a cultura. Esperemos non estar ante unha repetición daquel erro. No Café Moderno latexan as ideas, poucos escearios temos en Galicia cunha escenografía tan axeitada para que unha cidade siga a sentir o alento da cultura.


Publicado en Diario de Pontevedra 26-02-2011
Fotografía: Escultura de Francisco Leiro representando a Castelao.
Autor: Rafa Fariña

Ningún comentario:

Publicar un comentario