O Museo Marco de Vigo acolle ata o 24 de abril a máis ampla retrospectiva sobre Virxilio Viéitez, o fotógrafo que convertiu o seu traballo diario, co paso do tempo, nunha sensacional escolma de rostros nos que se pode observar o fluir da vida na Galicia interior da segunda metada do século XX. Un imaxinario absolutamente asombroso ó que o Marco soubo extraer todas as súas posibilidades para amosarse como un referente da fotografía, o medio artísticos que pasou, do ámbito particular, do oficio, ó ámbito público da arte.
Espectacular. Así é como se debe definir o feito de facer un percorrido pola exposición que o Marco de Vigo, co apoio da Fundación Telefónica, artellou sobre a vida e a fotografía de Virxilio Viéitez (Forcarei, 1930-2008). O caudal de imaxes que enchen varias das salas do centro da rúa do Príncipe, lonxe de abafar ó espectador por tal cantidade de obra, emerxe poderoso como un caleidoscopio dunha Galicia rural, chea de imaxes reveladoras dunha estrutura social que os máis novos non coñecen, pero que durante moitas décadas argumentaba unha forma de vivir. A cámara de Virxilio Viéitez é un tesouro valorado dende hai aínda ben pouco, e estas imaxes consolidan a súa importancia, xa non como feito estético, que tamén, senón como rexistro dunha época, testemuña dos rostros, dos feitos, das rúas, das paisaxes, da escaseza, da miseria, do atraso, pero tamén da novidade e a ledicia que significaba o poñerse diante dunha cámara.
‘De domingo’ | En 1955, tras regresar a Galicia despois de coñecer o oficio da man do fotógrafo Juli Pallí en Palamós, abre un estudo de fotografía no seu Forcarei natal. Dende alí traballará para toda a comarca de Terra de Montes, converténdose nun habitual de cerimonias, celebracións, actos sociais, etc. Non eran tempos os desas décadas nas que a presencia de cámaras fotográficas fose habitual, polo que Virxilio Viéitez tivo esa privilexiada mirada para recoller as facianas dos seus veciños, xentes que deixaron de ser anónimas ó quedar atrapadas na súa cámara. Xeracións de habitantes de Terra de Montes foron o obxectivo do seu traballo, máis aínda cando dende principios dos anos sesenta era obrigatoria a inclusión dunha fotografía no carné de identidade. É así como camiñar pola espectacular montaxe aquí ideada supón achegarse ás vidas de todos eles, xentes vestidas ‘de domingo’ coas súas mellores galas, instantes fugaces no interior dun bar ou un comercio, rapaces nunhas rúas conxeladas nunha época xa esquecida, personaxes doutro tempo nos que sobre todo falan as súas miradas, e aí e onde Virxilio Viéitez explota as súas armas, o apropiarse dunhas almas que de non ser por el quedarían sepultadas polo paso dos anos.
Documentos |O comisariado da italiana Enrica Vigano, fondou no arquivo familiar, custodiado e defendido con orgullo pola filla do fotógrafo, Keta Viéitez, que converteu ese inxente material de décadas e décadas de rolos de películas nun tesouro patrimonial dunha enorme importancia para o noso coñecemento cultural e antropolóxico. Os datos que se manexan ante a exposición deixan constancia da súa magnitude: revisáronse case trinta anos de fotografías, manexáronse máis de 50.000 destas imaxes e recuperouse material inédito. Todo este material desprega a súa forza nas diferentes salas onde se distribúe a espléndida selección final de 261 fotografías en branco e negro xunto ás 32 en cor. O seu carón, nunhas vitrinas, amósanse os soportes orixinais destas imaxes agora presentadas ante nós dende as novas tecnoloxías e que o propio fotógrafo non puido coñecer. Unha sala biográfica, con obxectos e elementos do seu estudo, confírelle esa ‘fisicidade’ e proximidade que tanto se bota en falta neste tipo de exposicións, o que, xunto coa proxección dun documental de José Luis López Linares, realizado en 2005 sobre o fotógrafo e o seu oficio, completa un percorrido non só polas súas fotografías, senón pola nosa propia historia.
A exposición, aberta ata o 24 de abril, non a deberíamos perder, para descubrir, non só os seus valores, senón tamén a posibilidade da fotografía como documento, como narración imprescindible e incomparable a ningunha outra, do que fomos e de onde vimos. Por fin valorada na súa xusta medida, esta exposición trascende ó propio Virxilio Viéitez para ser unha exaltación deste oficio, desta técnica convertida xa en arte.
Publicado en Diario de Pontevedra 27-02-2011
Fotografía gentileza do Museo Marco
Ningún comentario:
Publicar un comentario