domingo, 4 de decembro de 2011

Discursos

Foi o de Alfonso Pato, director do festival de cine de Cans, o mellor dos discursos pronunciados na cerimonia de entrega dos Premios Provinciais de Cultura outorgados pola Deputación de Pontevedra. Unhas verbas engaiolantes nas que se reflectiu o verdadeiro milagre da cultura, aquilo que xorde do máis popular, neste caso entre repolos e galpóns, para mesturarse co maxín do cine. A carón destas palabras nacidas ao amparo da sinceridade e da experiencia vivida por organizadores e veciños da parroquia do Porriño, as restantes palabras soaron baleiras, cheas dun sinsentido ingerido nun guión plantexado polos gabinetes duns políticos cada vez máis agochados nas frases feitas ou en clixés repetidos un tras outro nunha espiral desoladora. Fríos achegamentos á cultura, afastados dunha realidade que reclama o seu verdadeiro valor como cumio de sensibilidades ou como expresión do desenvolvemento do individuo, algo que si amosaron cada un dos premiados elixidos de xeito acertado polos membros do xurado. Esas faces da cultura, ben representadas polos nosos creadores, son as que sementan un dos nosos maiores valores como sociedade, do que durante esta fin de semana temos tamén unha boa mostra no Culturgal, unha cita obrigada para seguir rastrexando os seus feitos dende os máis variados ámbitos da creación, iso si, esperemos que afastados dos discursos oficiais.

Publicado en Diario de Pontevedra 3/12/2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario