Este é o título do disco de Óscar Ibáñez que vén de saír á rúa. Cando un o escoita decátase de que o nome non pode ser máis axeitado, posto que esa música nos leva polas ondas dos océanos, capaces de trasladar os sons do noso gaiteiro ata numerosos recunchos do mundo, así como polas referencias a lendas ou a historias agochadas baixo a a súa escuma. Óscar Ibañez imprímelle a este traballo unha fonda importancia, no só polo que supón poñerse hoxe en día a producir un disco, senón por esa dignificación na que leva traballando dende hai moitos anos a prol da gaita e o seu papel dentro dunha música afastada de miopes tradicionalismos. Cando un se deixa arrolar polas cancións que nel se agochan a primera sensación é a do ben que soa todo, o que para un que non é un gran entendido en música fala do mimo e coidado á hora de facer un produto; e nun segundo pensamento, o que me vén a cabeza é, tras xa algúns anos seguindo o seu labor, como é que este é aínda o seu primeiro disco en solitario, o que nos vén falar das dificultades que teñen os nosos talentos para amosar a súa calidade artística. Músicos, novelistas, pintores, poetas... Pontevedra é un berce interminable de creadores que non sempre atopan o respiradoiro para tomar aire e dicir ‘aquí estamos nós’. Quen si que o fixo foi Óscar Ibáñez, e ademais dun xeito abraiante.
Publicado en Diario de Pontevedra 27/10/2012
Ningún comentario:
Publicar un comentario