Ata o 31 de outubro na Galería Sargadelos de Pontevedra agroman as brumas que empapan dende fai un tempo a obra de Amelia V. Palacios. Unha variedade de miradas hacia unha paisaxe chea de ecos románticos, pero sobre todo chea dunha saudade que so en Galicia pode ter explicación e traducción a través dunha pintura chea de rotundidade pese a súa aparente debilidade. Poucas veces con tan pouco se pode dicir tanto, e ese é o segredo da pincelada desta rapaza que traballa día a día para facer da súa arte maxia. Tal e como aquí vemos.
Percorrer a costa artística que nos propón nesta exposición Amelia V. Palacios supón asomarse a unha experiencia que vai xa máis alá do meramente artístico. Capaz, pese a súa xuventude, de capturar o que é máis complexo nunha paisaxe como é a súa esencia. Economizando pinceladas, pero axustando ata o extremo o que éstas son quen de dicir, a artista acada un abraiante resultado que nos transporta ao medio desas brumas, na recreación desas sensacións que tantas veces fomos quen de sentir ao pé das nosas costas, ou cando as néboas envolven os nosos montes e contemplamos un deses efectos inesquecibles da nosa terra. Tantas veces sometida a esa beleza que agroma de cando en cando para diferenciala de todo canto coñecemos.
Amelia V. Palacios leva xa un tempo a voltas con estas brumas, cunhas néboas nas que quen é artista ten terreo abonado para capturar eses matices que son onde calquera paisaxe acada a súa maior intensidade plástica. Desas experiencias xorde esta mostra na que, tras esas néboas, sobre todo, adiviñamos a presenza dunha artista, xa que ao captar ese intre tan máxico da natureza nos amosa a súa destreza co pincel, nesa reducción do motivo convertido en excusa para a progresión da creadora. Nada vemos, pero sabemos que todo está ahí detrás, envolto baixo ese sostén das nosas vidas que é a natureza. Amelia V. Palacios difumina a nosa percepción do que é e do que non é, transportándonos a ese estado de indefinición que a propia natureza é quen de acadar pero que agora se vai converter no noso hábitat durante o tempo que nos deixemos rodear polas súas pezas.
Durante os minutos que teñamos en común, ben mediante os conxunto das pezas colocadas de forma seriada ou cando éstas se independizan, os nosos ollos non se despegarán desas pequenas fiestras ao exterior. Tamén, en boa medida, debido a distribución das pezas no espazo, que acada un ritmo que o que fai é aumentar a sensación que parte de cada unha das pezas. A ledicia de sentir que alguén é capaz de poñer ante nós un cachiño de natureza, ao xeito máis tradicional da pintura, aínda que cunha linguaxe dos nosos días. Amelia V. Palacios invade así o terreo dos grandes pintores que deixaron que a súa mirada se envolvese desas brumas inigualables para a práctica pictórica, e tamén para asentar o eu do artista nesa concepción romántica do home ante a natureza que, como ninguén, foi quen de amosar o alemán Caspar David Friedrich, ou o gran mestre da néboa que foi o británico Turner. Eles comezaron a facer da natureza a protagonista da obra, afastándose dun home que xa non a interpretaba como un escenario onde situar postais campestres senón como un estado de emocións. E precisamente dende esta compoñente emocional é dende onde temos que entender a interpretación que da natureza fai a nosa protagonista, e esquecéndose daquelo que poida parecer accesorio, ou que se afasta do motivo en si, concentrando toda a súa forza e sabedoría nesa pincelada tan precisa que, aínda que o repitamos mil veces, non deixa de sorprender en alguén da súa xuventude, o que non fai máis que alentar un futuro que xa é presente nesta creadora.
Por iso enfrontarse a súa obra é poñer un pé entre a historia da pintura e a nosa actualidade, da man de alguén que cada vez máis valora a capacidade desta disciplina como xeito de expresión e que, a vista do que aquí se amosa, sérvelle de reflexión permanente con esa natureza da quen ningún pintor é quen de afastarse, sabedor da súa valía, xa non como motivo, senón como sentimento.
Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 21/10/2012
Fotografía: Javier Cervera-Mercadillo
Ningún comentario:
Publicar un comentario