domingo, 18 de maio de 2014

Alén de 'Nimbos'



O gran protagonista do día das Letras Galegas deste ano a ninguén se lle escapa que é un gran descoñecido para o lector en xeral. Boa parte do senso que ten este día é o de abrir as fiestras cara as obras e as vidas daqueles homes aos que o tempo non lles prestou como debería. Un esquecemento que se corrixe, en parte, con este recoñecemento e as diferentes actividades que agroman ao seu arredor. Entre as moitas iniciativas destaca a escolma poética que da súa obra fai a Editorial Galaxia neste volume que, baixo o título de ‘Poesía galega completa’, compilada por Armando Requeixo, consegue unha aproximación fonda e estudada a unha obra que vai alén de ‘Nimbos’, o seu traballo de referencia publicado en 1961, por esta mesma editorial, sendo a única obra publicada en vida do autor e ao que nos suxeitamos os que coñecíamos a este poeta.
Armando Requeixo cumprimenta ao autor de Guitiriz homenaxeado cun imprescindible volume no que, xunto coa súa obra édita, con ese ‘Nimbos’ coma corpus central, tamén hai espazo para a súa poesía inédita: ‘Follas verdes’, ‘Follas ao aire’ e unha escolma de poemas soltos van ser quen de dar a verdadeira medida da súa obra poética e o que significa Galiza como cerna do seu pensamento, no que trascende un fondo existencialismo cun alto compoñente de relixiosidade. Remata o libro cun epistolario de gran utilidade, por enfrontarmos a unha faciana máis íntima do escritor e o seu estreito vencello con nomes como os de Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro ou Ricardo Carballo Calero e o nacemento do seu poemario ‘Nimbos’.
Este alén de Nimbos que tan ben explicita o autor deste traballo amosa, polo tanto, a un home non limitado a esa escolma coñecida, espallándose o seu labor moito máis aló dese poemario e ofrecéndonos un poeta maiúsculo do que aínda hai moito que dicir e que estudar. Nesta escolma atopamos novas irisacións que aloumiñan a percepción dunha poesía chea de riqueza e riquezas, de diferentes estilos nos que a sensibilidade, o simbolismo ou a existencia do home impóñense como carreiros polos que conducirse.

Emociona o compromiso da Editorial Galaxia con este autor que fixo do seu único poemario publicado unha obra de referencia que saiu do prelo desa casa. Agora, máis de cincuenta anos despois daquel feito, son varios os traballos publicados arredor deste home pola editorial: ‘Xosé María Díaz Castro. Nimbos da luz’, ou ‘Nimbos’, cunha edición de Luis G. Tosar, engádense a este admirable traballo a cargo de Armando Requeixo na procura dunha esperanza, a de dar a coñecer esta «Terra sucada, poema de cen versos» que van ben máis alá deses abraiantes ‘Nimbos’.


Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 18/05/2014
Ilustración a cargo de Álex Vázquez 

Ningún comentario:

Publicar un comentario