luns, 12 de maio de 2014

Cando a raíz faise fenda


Define o Dicionario da Real Academia Galega ‘fenda’ como «abertura ou separación alongada de anchura uniforme na superficie dunha cousa, que non chega a separala totalmente», e ao seu carón engade como exemplo do seu emprego o seguinte: «A parede da casa está chea de fendas».
Ata esa casa parece levarnos a autora desta escolma poética de nome ‘Raíz da fenda’ na procura dunha fervenza íntima de sentimentos e de sensacións que poñen a pel de galiña. Unha casa que é a súa propia familia, na que se moverá no seu interior para valorar como esas fendas, ás que ninguén é alleo dentro da súa contorna, afectan ao seu eu. Un exercicio cargado de potencia e dunha forza que fai da poesía un exercicio terapéutico cheo de virtudes, non só para a autora, senon tamén para o lector. «A poesía é só a arte da espera, a casa, a testemuña», di Berta Dávila, que emprega esa poesía para enfrontarse á vida, mirando en fite ao bo e ao malo, a esa moeda caprichosa que unha vez se lanza ao aire nunca sabemos que cara nos vai a amosar. A morte, o amor, o medo, o abandono, a ilusión, a enfermedade... en definitiva unha procura a través da expresió, da palabra, daqueles sentimentos que xorden desas fendas vitais que converten a nosa vida nunha montaña rusa chea dunha vértixe que tantas veces amósase incomprensible. De aí que quizais só a través da poesía, ou dalgunha outra manifestación artística, poidamos ter unha boia á que suxeitarnos, na que permanecer a salvo ante o naufraxio que supoñen algunha desas situacións na vida, tantas veces fráxil, do ser humano.
Berta Dávila, da que falabamos hai ben pouco tempo aquí da súa apaixoante obra ‘O derradeiro libro de Emma Olsen’, amósanos dende o territorio poético outro brilante exemplo da súa literatura e da súa postura ante o que acontece o seu arredor, cerna deste relatorio íntimo e cheo dun bulir incapaz de deixar o lector indiferente polo que se conta, pero como tantas veces na arte, por cómo se conta, amosando esta moza unha abriante capacidade para transmitir sensacións que impacten no lector. Non é de estrañar entón a recepción que tivo esta obra entre o sector literario, unha carreira que comenzou co modesto, pero sempre iluminador, premio de poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu e que vén de coroarse coa concesión do Premio da Crítica Galega para unha obra de poesía. Galardóns que refrendan un proxecto, pero sobre todo a unha autora, Berta Dávila, que asusta polo feito de xeito tan prematuro e sobre todo, anuncia un futuro no que se abrirán outras fendas, pero neste caso para agromar un talento ao que suxeitarnos como unha árbore chea de vida, e por suposto, vidas.


Publicado no Diario de Pontevedra e Progreso de Lugo 11/05/2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario