Alí
estaban, a carón daqueles contedores nos que as bolsas de lixo asomaban polas
súas tapas ao solpor. Repousaban aínda co corazón morno, latexando de xeito
cada vez máis feble á espera da súa destrución definitiva. Alguén os deixara
alí, fóra daqueles cadaleitos verdes nun acto último de arrepentimento da súa
acción, sabendo que a aqueles libros aínda se lles podía conceder unha
derradeira oportunidade.
Poucas
cousas me doen máis que ver libros arroxados ao lixo, historias que se van a un
vertedoiro onde xa nunca poderán cumprir a súa saudable función de facer feliz
a algún lector. Xa son varias as veces nas que me atopo ante diferentes
contedores libros que aínda están repletos de vida, libros que poden seguir
enchendo de ledicia, sabedoría e cultura aos seus donos. Fai ben pouco atopei,
dun xeito similar a este último achádego, máis de vinte tomos dunha antiga
enciclopedia de pintores. Un tesouro que alguén desbotou e que agora é meu.
Desta
vez a cousa é distinta, as ilustracións das obras dalgúns dos mellores pintores
da Historia da Arte víanse substituídas por textos sobranceiros das nosas
letras. Doeume ademáis de xeito particular que todos os libros desbotados
estaban escritos en galego e que todos debían ser lecturas obrigadas dalgún rapaz
que probablemente necesitase espazo no seu cuarto para colocar as súas novas
leas tecnolóxicas. Como se só os libros na nosa língua foran prescindibles.
Unha mágoa. Alí estaban o noso Principiño, ‘Memorias dun neno labrego’, do
benquerido Xosé Neira Vilas;
pero tamén ‘O señor das moscas’ de William
Golding, que tanto lle gusta a outro dos damnificados nesta
masacre, Xabier P. DoCampo,
quen ten entre as vítimas ‘A chave das noces’; pero é que tamén estaban ‘A
perla’ de Steinbeck,
S.O.S. de Pepe Carballude,
‘O vaso de prata’ de Antonio Marí
ou a que é consideraba a primeira novela galega do século XIX, ‘Maxina’, de Marcial Valladares.
Acaso estes títulos non merecen unha nova vida? Pois a van ter, dígovolo eu.
Dende fai uns días están a carón dos libros da miña libraría, abofé que eles os
coidarán e agasallarán como merecen todos os que chegan a un novo fogar, por
moi amarelas que teñan as súas páxinas ou por enriba das enrrugas das súas
portadas. Só decirlle a M.V.B., que é quen asinou algúns
destes exemplares, como mostra da súa propiedade, que se desfixo de lecturas
que forman parte da súa vida, para ben ou para mal, e que dentro dalgúns anos
sentirá a necesidade de voltar a eles, ao que se lle engade o ter a capacidade
de ler en galego, algo que é una cobizosa riqueza envexable por moitos.
É probable que a M.V.B. o día de hoxe lle tire dun pé, que non lle
importe saber quen foi Xosé María Díaz Castro , pero do que si debería sentirse
orgulloso é de poder ler unha língua tan fermosa e que forma parte dun sistema
cultural que, aínda que menosprezado por algúns, ten cada vez máis pulo e é
quen de facerse sentir cada vez con máis forza. E se non me cren fagan un
repasiño rápido a este derradeiro ano no que, por exemplo, un poeta noso, Manuel Álvarez Torneiro, acadou o Premio Nacional de Poesía, sendo a primeira vez
que o consegue un libro en galego. Pero tamén neste ano asistimos ao nacemento
dun medio impreso como foi a Revista Luzes, un fito nestes tempos mediáticos,
que procura a reflexión e o análise, dentro dunha imaxe moi coidada. E de
libros, como non falar de libros. Ai! M.V. B. se colleras o novo libro de Agustín Fernández Paz ‘A viaxe de Gagarín’, abofé que ata ti o ías meter
debaixo da almofada para sentilo sempre preto, en vez de chantalo a carón dun
contedor. Ou ‘A illa de todas as illas’ de Xabier P. DoCampo, si, ese mesmo
ao que lle tiraches un libro. Pero é que aínda hai máis, libros como ‘Cadeas’
de Xabier López, ‘O derradeiro libro de Emma Olsen’ de Berta Dávila,
‘A luz da colleita’ de Anxos Sumai, e xa non te digo máis nomes non vaia a ser que
teñas un mareo. Cinco libros que de seu xa xustifican a boa saúde da nosa
literatura e a afouteza dos nosos libros, alicerzados por unhas letras que hoxe
están de festa. Non se achanten coma fixo M.V.B. collan algún destes libros e
lean. Bo día das Letras Galegas!
Publicado no Diario de Pontevedra 17/05/2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario