luns, 18 de maio de 2015

Filgueira Valverde e o Diario

Rue Saint-Antoine nº 170
Xornalismo. Dous elementos senlleiros da historia de Pontevedra ao longo do século XX foron o Diario de Pontevedra e a figura de Xosé Filgueira Valverde. En non poucas ocasións ambos viron como se xuntaban as súas traxectorias, sendo constante a presenza de Xosé Filgueira Valverde ao longo das páxinas do rotativo pontevedrés.

Xosé Filgueira acompaña ás autoridades na inauguración
do Diario de Pontevedra na súa segunda etapa (C. Gómez)

Xosé filgueira Valverde e Diario de Pontevedra son dúas caras dunha mesma moeda. Dunha moeda que se chama Pontevedra. Ambos forman parte, como poucas cousas, do que significa a vida dunha cidade, pero sobre todo do latexo diario que toda cidade precisa para marcar o seu ritmo vital. O Diario de Pontevedra naceu só dezasete anos antes que Filgueira Valverde, pero ben cedo, nos anos vinte xa comezaron a coincidir. E así destacamos dúas aparicións súas neses anos felices para o mundo, pero tamén para unha Pontevedra chea de personaxes e institucións que confirmaban o apoxeo cultural e social da cidade do Lérez fronte a outras de Galicia. Ambas aparicións, como non, vencelladas a Pontevedra, e á exaltación de todo aquilo que a engrandecía vencellada a súa tradición ou a súa historia, en definitiva a todo aquilo que precisaba a creación dun corpus de pensamento para facer da cultura parte singular da súa esencia. A primeira é a publicación na portada do Diario de Pontevedra en 1925 dunha longa información sobre unha conferencia súa no Seminario de Estudos Galegos (que el mismo fundou dous anos antes) arredor da Festa dos Maios, e no que Pontevedra ocupa unha parte sobranceira; e a segunda son as tres entregas dun estudo sobre ‘A fonte da Ferraría’, tan ligada á Sociedade Arqueolóxica, a Casto Sampedro e a Castelao,  datado en 1928, o ano no que se recupera a fonte para ubicala no emprazamento actual.
Entre as nefastas consecuencias que a Guerra Civil tivo para Pontevedra consta a desaparición do seu xornal. O Diario de Pontevedra interrumpiría a súa fabricación no ano 1939 e non a recuperaría ata 1963. Demasiados anos sen un xornal que tivese o nome da capital da provincia na súa cabeceira. Con Xosé Filgueira Valverde na alcaldía da cidade dende 1958 amósanse unha serie de intencións, nun principio impulsadas por empresarios da cidade de cara a que o periódico no que debía estar presente o sentir da cidade volvese á rúa. E así en 1962 unha comisión que alentaba esa iniciativa desprazouse ata Madrid, acompañada polo señor Paredes Estévez, propietario dos dereitos sobre o Diario, que se viu respaldada pola presenza do propio alcalde, Filgueira Valverde. Alí entrevistáronse co Director General de Prensa, a quen lle plantexaron a cuestión, e aproveitando a viaxe, abordaron ao ministro de Información e Turismo, Gabriel Arias Salgado, nun pleno nas Cortes. Todo semellaba que se ía a resolver de xeito adecuado pero non foi así e a negativa a autorización fixo que houbese que esperar. Foron só uns meses, xa que o novo ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga, realizou unha visita a Pontevedra, na que nun encontro no Parador e con Filgueira Valverde presente, déuselle a coñecer o proxecto polo que se manifestou ben predisposto. Outro nomeamento, o de outro pontevedrés, Pío Cabanillas, como subsecretario dese ministerio acelerou os trámites e o propio Cabanillas anunciou á delegación pontevedresa a aprobación da concesión.
O 15 de setembro de 1963 volve o Diario de Pontevedra á rúa, uns día antes, o día 7, Manuel Fraga visita as dependencias do xornal e coñece, acompañado das autoridades, entre elas, o alcalde de Pontevedra, a moderna maquinaria que agardaba impaciente a súa entrada en acción.

Ese xornal do día 15 ábrese co saúda do alcalde, co título «La capital recobra su pulso» no que Xosé Filgueira Valverde, dí, entre outras cousas o seguinte: «La plenitud de vida de una capital no la dan sólo sus centros de gobierno y enseñanza, sus bibliotecas, sus bancos, sus edificios o sus equipos deportivos...; para alcanzarla es necesario poseer esa voz propia que solo dan la prensa y la radio en su permanente diálogo con el pueblo». A partir desta data a presenza de Filgueira Valverde será das máis habituais no xornal, tanto como protagonista das informacións dende a alcaldía, o Museo de Pontevedra, o Instituto de Pontevedra, a Coral Polifónica, conferencias, presentacións de libros ou representacións insitucionais; senón tamén publicando nas súas páxinas textos sobre diferentes aspectos da cultura e as tradicións da cidade. Raro era o especial das Festas da Peregrina que non tivese unha colaboración súa, xa dende o ano seguinte a ese renacer do Diario de Pontevedra. Temas como os de o Gremio de Mareantes, o Lérez, os fondos do Museo de Pontevedra, a Basílica de Santa María ou calquera outro aspecto do patrimonio de Pontevedra eran habituais nos seus escritos, que lle daban ao xornal unha achega imborrable do pensamento daquel home ao que nada lle era alleo. Tampouco o xornal da súa cidade.



Publicado no Diario de Pontevedra 17/05/2015



Ningún comentario:

Publicar un comentario