xoves, 31 de marzo de 2016

O desexo de ser pintor


Cando Castelao chega a Pontevedra en 1916 xa levaba once anos signficándose dentro do eido artístico, buscando un territorio plástico no que desenvolver o que el entendou que sería a súa actividade máis senlleira, a de creador.
A partir do tempo daquela primeira obra asinada por el, ainda que co nome de Daniel Rodríguez C., arrinca esta mostra que nos plantexa o primeiro itinerario artístico dun creador que comezou un labor que evolucionou ata servir de plataforma de expresión para visualizar as súas arelas políticas e ideolóxicas. A cristalización desa idea de que a arte pode servir como xeito de concienciación dun pobo comeza a desenvolverse en Pontevedra coa realización do Álbum Nós en 1916, expoñéndose por vez primeira en 1920. Ese paréntese da súa vida, o que vai entre 1905 e 1920, é o que se acolle nas paredes do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, especialmente engalanadas para a ocasión nunha montaxe que honra a quen tanto fixo por Pontevedra e tamén polo propio Museo, agora fiel custodio de gran parte do seu legado.
Este tempo amosa varios elementos que serán cruciais ao longo da súa traxectoria artística. O primeiro deles, a súa grandeza como debuxante, a capacidade de artellar todo o andamio da obra de arte a partir do seu dominio do debuxo. Absolutamente maxistral nos seus apuntamentos, cheos de sinxeleza e gracilidade, esa valía permítelle converterse nun gran caricaturista e nun fantástico ilustrador. De todos estes territorios temos boa conta na mostra, debuxos aos que un se achega dende a fascinación do pequeno, e cómo unha pequena ilustración ou escena pode ter a mesma forza cun gran lenzo. En moitas destas obras comezamos a recoñecer elementos formais que serán tamén recurrentes ao longo da súa obra: os cruceiros, os piñeiros, as romerías, os valados de pedra, as construcións tradicionais, os personaxes. Achegas á unha paisaxe que serven para empatizar co espectador, para facelo tremer a partir desa familiaridade coa contorna. Toda esa dimensión aumenta en canto pasamos ao lenzo, o cuadrilátero no que se mide o pintor, o que desexa ser pintor, como Castelao o desexou dende novo, cando se afasta da súa carreira de mediciña e decide que a arte era o lugar axeitado para moverse polo mundo, algo que recolle moi ben o cartaz que nos presenta a exposición cunha imaxe do propio Castelao coma un Velázquez, o orgullo do pintor fronte á modelo, mirando ao espectador, dinamitando as dimensións do cadro, en definitiva, sentíndose artista.
Neses lenzos, nos que aquí, como nunha sorte de milagre artístico, atopámonos con toda a súa produción en gran formato, temos a súa real dimensión como pintor. O que parte do debuxo como alicerce da obra, o que compón o cadro nunha sucesión de planos que van do protagonismo dos seus personaxes principais ata o fondo no que a paisaxe o envolve todo. Os seus ‘Cadros de cegos’, ‘O emigrante’ ou ‘O regreso do Indiano’, amosan o seu coñecemento da historia da pintura, as súas visitas ao Museo do Prado, a súa admiración pola pintura flamenca, o detalle, o punto de vista alto sobre os fondos verdes. Puro Patinir. Pura pintura.


Publicado no Diario de Pontevedra 31/03/2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario