Mozas comendo xeados en Pontevedra (Rafa Vázquez. Arquivo Gráfico Museo de Pontevedra |
As
cidades tamén se poden pechar nun libro. Pontevedra
non tivo excesivo éxito como marco dunha novela, como parte esencial dun relato
literario ao que sacarlle o partido que todo escenario pode ofrecer. Se
deixamos a un lado a enorme ‘La
saga/fuga de J.B.’, non é sinxelo lembrar un texto de ficción no que a
singularidade de Pontevedra se encerre entre as súas páxinas.
Algo
que é dificil de entender, cando ao longo da historia esta cidade tivo momentos
históricos e unha acumulación de personaxes que a converten nun ámbito idóneo
para moitos tipos de relatos. Pero as veces acontece que as esperas son boas
cando o que nos atopamos ao final dese tempo baleiro acada unha excelencia que
te fai esquecer o tempo perdido, e algo diso sucede ao ler a última novela de Xosé Monteagudo, ‘Todo canto fomos’. Unha desas novelas de longo alento, un texto de
fondo percorrido no que conflúen unha serie de historias persoais que emerxen
da historia de Pontevedra, das historias das súas xentes, pero tamén das súas
rúas e prazas e deses espazos públicos, como os cafés, nos que se desenvolve,
non a gran historia, pero si o relato íntimo dunha sociedade a través dos
contactos humanos, dos amores, das traizóns, das penas, das risas, dos soños ou
das esperanzas.
Como
gran novela o texto mergúllase en diferentes tempos e xeografías, salta o Atlántico para falar da emigración e
deténse, antes de afrontar as décadas seguintes, neses fascinantes anos vinte
de Pontevedra esnaquizados co levantamento militar que deu lugar á Guerra Civil e á represión, moi dura
nesta terra e na que o libro detense nunha das súas partes para conferirlle á
literatura unha faciana de homenaxe, pero sobre todo de memoria, dunha
necesaria memoria que nunca convén esquecer. O certo é que se algún elemento
suxeita o conxunto da novela é a memoria, a lembranza motivada a partir dun
argumento que arrinca ao atopar un escritor, entre o legado da súa nai finada,
unha serie de escritos que explican os feitos que rodearon a súa vida.
Desenvolver ese nobelo é a obriga dese fillo que deixa as súas exitosas novelas
de detectives para facer a novela que quizais nunca se atreveu a facer, a novela
que lle debe a súa nai, a novela que se debe a si mesmo. Ese itinerario
creativo conflúe na propia cerna da novela como xénero, cuestión que tamén
axita Xosé Monteagudo para alentar unha reflexión sobre o que pode constituírse
como unha novela e como se vai conformando dende unha escolma de relatos que se
fían por ese fío invisíbel que as veces pega as vidas da xente. Algo tamén
plantexado de xeito recente por outros escritores, como Xabier López ou Xesús
Constela, ao artellar un relato global a partir de diferentes historias
aparentemente afastadas entre si.
‘Todos
canto fomos’ é un itinerario por esa articulación da novela, cunha estructura
que amosa un longo traballo de hibridación dos seus relatos que se espallan,
non só nas súas palabras, senón tamén nas localizacións: Mogor, Sanxenxo, O Grove... amosando unha fonda
documentación sobre sectores laborais, como a pesca ou as peles, nos que se
amosa a capacidade descriptiva do autor sobre estas materias. Pero nestas
cincocentas páxinas hai moito máis. Xosé Monteagudo reivindica a necesidade e
ata o amor por elementos como a lectura, que importante son as librarías
no relato! ou o valor da educación, e a educación en igualdade home/muller, en
tempos nos que non era nada sinxelo, facendo deles folgos para o
desenvolvemento humano, ou simplemente para acadar unha paz interior en loita
cos acontecementos. Toda unha vida que bule en Pontevedra arredor de nomes como
os de Castelao, Alexandro Bóveda ou Losada
Diéguez; de fitos como as Irmandades
da Fala ou o Partido Galeguista;
de situacións vividas no Café Méndez
Núñez, no Recreo de Artesanos,
polos Karepas ou no Baile do Casino e, como non, no Diario de Pontevedra, pulos esenciais
da paisaxe local.
Xosé
Monteagudo sérvese de Pontevedra para xerar unha atmosfera, pero tamén nos
agasalla aos pontevedreses cunha novela espectacular, artellada arredor da nosa
cidade como elemento nutricio e esencial nas vidas dos seus protagonistas que,
como pezas dun crebacabezas, acadan unha novela inesquecíbel. Unha novela que merece
esta cidade e unha cidade que merece esta novela.
Pechado nun libro I. Publicado no Diario de Pontevedra 2/07/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario