A
Fundación Mapfre exhibe a mostra ‘Los fauves. La pasión por el color’, na que
se recolle o nacemento e desenvolvemento dun movemento artístico que con tan só
dous anos de vida deixou unha fonda pegada na historia da pintura a través do
continuo berro da cor.
DOUS
ANOS tan só serviron para facer da cor un xeito de expresión da realidade como
nunca antes se vira. Entre 1905 e 1907 un grupo de pintores explotaron a vida
que os rodeaba cunha febril paleta de cores que reinterpretaba un mundo cheo de
novas miradas, de dúbidas, pero tamén de respostas inmersas no sempre convulso
cambio de século.
A
Fundación Mapfre na súa sede do madrileño Paseo de Recoletos mergúllase neses
dous anos para achegarnos como xorde ese movemento, que xa se iniciara na
última década do secúlo XIX arredor dun grupo de pintores formados no taller de
Gustave Moreau. Henri Matisse, Albert Marquet, Henri Manguin, Georges Roualt,
Charles Camoin e Jean Puy comezaron a experimentar unha nova realidade a través
da pureza da cor e o seu exultante emprego. Ese senso de amizade grupal foi moi
importante á hora da configuración deste movemento, algo non moi habitual na
historia da pintura, e tamén fomentou novas creacións a través dos retratos que
se fixeron entre eles e que centran un dos capítulos desta mostra.
En
1905 o Salón do Outono de París foi, como xa sucedera noutras edicións cos
pintores impresionistas, un balbordo arredor daqueles cadros que semellaban
conter lume no seu interior. O público e a crítica alporizábase ante esas
paisaxes con cores irreais pero ante os que o espírito do espectador víase
excitado dun xeito pouco usual. Así quedaron bautizados como ‘fauves’, é dicir,
feras, uns salvaxes co pincel que arriscaron todo a esa radicalidade dos tons.
A aqueles nomes xa citados engadíanselle dous dos máis interesantes pintores
deste movemento incorporados un ano antes, André Derain e Maurice Vlaminck, que
lle deron o empurrón definitivo a todos eles para afianzarse nese xeito de
pintar, para seren pintores libres e sen máis ataduras co seu maxín e uns
pinceis que botaban lume, como vemos nos cadros que enchen as dúas plantas da
sede da Fundación coa habitual calidade da montaxe á que acostuman nesta
institución.
Deterse
ante as vistas de Londres que fixo Derain para renovar as famosas paisaxes que
alí tamén pintou Monet, ou facelo ante a vida parisina recreada por Marquet ou
fronte as paisaxes rurais de Chatou realizadas por Vlaminck, son suficiente
motivo para gozar desta exposición como dunha epifanía pictórica. Pinceladas e
cores sen ataduras de liñas o u formas, simplemente ceibes nunha superficie do
cadro entendida como un territorio de experimientación, pero tamén de expiación
íntima dunhas visións que deixaban de ser as que tiña todo o mundo que
participaba delas para converterse na visión que delas tiña o pintor. Un acto
subxectivo que acadaba un chanzo máis nas conquistas impresionistas impulsadas
dende a cor como gran protagonista. Como todo lume este tamén estaba condeado a
súa extinción e, como afirmou o gran pintor do cubismo que tamén coqueteou co
fauvismo, Georges Braque, «durou o que duran as cousas novas».
Un
movemento tan fulgurante tiña no factor tempo un inimigo que o condeaba a
medida que este medraba á súa extinción. Aquelas feras foron aplacando almas e
pinceis e se sentiron máis cómodos a carón doutros mestres como Cézanne e os
seus progresos no relativo ás solucións formais e do debuxo. A liña irá
domesticando ás cores e apreciarase neles a dulcificación da paleta que aquí se
recolle moi ben en diferentes cadros de bañistas-recuperando un tradicional
motivo cezanniano- e de paisaxes con formulacións híbridas entre as pesquisas
de Cézanne e o inminente cubismo.
De
tódolos xeito o feito xa queda aí, e non hai máis que achegarse ante un cadro
de Vlaminck para entender a capacidade da cor e da pincelada para emocionar,
para xerar unha ledicia na mirada que te afasta do real para inxerirte no máis
marabilloso que pode existir na arte, a singular mirada dun creador e a súa
capacidade para traducir o noso mundo ao seu xeito.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso 13/11/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario