mércores, 30 de novembro de 2016

Sombras fronte ao banco

Rue Saint-Antoine nº 107
Fotografía. Como cada mes de novembro a Fundación Cuña-Casasbellas enche os días deste mes de outono de iniciativas arredor do pensamento, da poesía e da plástica. Así, este ano, a súa programación de recitais poéticos complétase coa exposición do fotógrafo Roberto Gómez que propón dúas series de imaxes cheas de interese.


Novembro é o mes desta Fundación que dende o nome dos grandes Manuel Cuña Novás e Jorge Cuña Casasbellas traballa dende eses dous alicerces para construir un espazo de reflexión e solidaridade cultural co home como principio irrenunciábel. Un mes que enche de recitais e iniciativas culturais en lembranza desas dúas figuras pero que dende o verso se achega a outros moitos nomes a partir dos que establecer eses chanzos para reforzar o noso pensamento. Un deses proxectos ven da man da fotografía e extenderase ata o 17 de decembro tempo no que poderemos achegarnos, na sede pontevedresa da Fundación, na rúa Gerardo Álvarez Limeses, á fotografía de Roberto Gómez, unha feliz descuberta dun traballo que sobre todo valora a mirada.
A partir de dúas series de imaxes Roberto Gómez propón un achegamento a súa mirada, que pretende ser tamén a nosa. Dúas propostas moi diferentes se falamos do formal pero que acurtan esa distancia pola importancia que se lle presta ao xeito de mirar, a facer dese acto non casual, senón dirixido, un xeito de relacionarnos coa realidade.
A primeira delas é un elegante xogo compositivo, unha arquitectura dos obxectos que poéticamente invaden o espazo compoñendo unha nova realidade. Sombras e luces que reflicten como a nosa mirada se pode educar dende o tratamento da beleza, como se pode facer dun espazo unha reinterpretación de liñas e obxectos que reclaman un potencial plástico que engaiola ao fotógrafo que da a sensación de abstraerse horas e horas compoñendo estes territorios imaxinados para capturalos coa súa cámara e poñelos así ante a nosa mirada para que lle continuemos o xogo, para que a nosa complicidade teña, neste mergullo estético, unha profundidade como a que tiveron moitos dos artistas das vangardas, sobre todo as vangardas soviéticas do século XX, nas que o Constructivismo definiu unha nova estética na que a composición tiña unha importancia fundamental.
Fronte a esa mirada máis do estético atopámonos con outra serie de fotografías nas que a mirada recupera a idea do ‘voyeur’, nas que fai desa mirada un xeito de apropiarse dunha realidade que se integra así no seu proxecto artístico. Un banco ante o que Roberto Gómez se asoma cada día é o que centra esta segunda serie de imáxenes plantéxanse como diferentes fotogramas dunha historia ou historias en cor, xa que cada ‘tira’ desas fotografías serve para compoñer unha realidade diferente, a de aquelas persoas que fan dese banco un instante da súa vida. Persoas anónimas, das que non sabemos nada, simplemente que ocupan ese banco durante uns instantes e que o converten en parte momentánea da súa existencia, pero tamén como un cruce desas existencias. Xentes que coinciden nese fragmento de tempo, rapaces ou maiores que se achegan durante o tempo que están no banco, aínda que logo non pase nada entre eles. É unha lectura do cotiá, daquilo ao que non lle concedemos importancia e que, sucedendo ao noso arredor, desprezamos. Pero o fotógrafo si que repara nese momento, servíndolle de motivo, servíndolle de reflexión sobre aquilo que acontece no seu estudo mentres el está tan preocupado na súa composición ‘constructivista’, nesa outra mirada perfectamente meditada e pensada en función dunha fotografía que se pretende, mentres que no exterior, a través desa fiestra, é a propia vida a que xenera a súa composición sen aceptar interferencias.
Temos, polo tanto, un contraste que Roberto Gómez nos achega para que coñezamos o seu traballo, para que sexamos partícipes desas dúas formas de mirar que un mesmo fotógrafo pode obter da realidade, facendo desta exposición un lugar intermedio entre o íntimo e o público, entre o que acontece no estudio dun artista e ese outro mundo que no exterior semella ás veces non importarlle ao artista. Colocarnos nese punto de equilibrio é a gran virtude de Roberto Gómez e da súas imáxenes, parte non só dun proxecto persoal, senón agora tamén desa permanente proposta da Fundación Cuña-Casasbellas para reflectir o noso mundo e o ámbito da creación dende unhas claves fondamente humanistas. Non perdan a oportunidade e achéguense a ese espazo intermedio, a un lugar entre a sombra e un banco de rúa. Entre o artista e a realidade. Entre o creador e o home.


Publicado no Diario de Pontevedra 28/11/2016

1 comentario:

  1. Thanks for sharing, nice post! Post really provice useful information!

    Giaonhan247 chuyên dịch vụ mua hàng mỹ từ dịch vụ order hàng mỹ hay nhận mua nước hoa pháp từ website nổi tiếng hàng đầu nước Mỹ mua hàng ebay ship về VN uy tín, giá rẻ.

    ResponderEliminar