Rue Saint-Antoine nº 170
Arte.
A relación do artista co territorio, a esculca da natureza dende unha mirada
creativa é a aposta da exposición ‘Pegadas na terra’ que, ao acubillo do
Culturgal, manterá vida propia alén deste evento. Aberta ata o 8 de xaneiro
estas son as pegadas que unha natureza pletórica é quen de suxerir aos nosos
creadores xerando unha nova natureza.
Camiñamos
entre a natureza. Camiñamos por unha sala de exposicións. Unha mímese que se
acada dende o maxín dunha escolma de artistas que, mérito dos comisarios, Paula
Cabaleiro e Antón Sobral, acada xerar ese ámbito de conexión entre o exterior e
o interior, entre unha natureza que vai máis alá de ser inspiración para ser
motivo e cerna do traballo de cada un deles. De cada un de uns artistas que fan
desa natureza o seu taller, converténdoa nunha lectura de si mesmos dende unhas
propostas que xorden da experiencia, do contacto do material e dunha
organicidade que son quen de converter e transformar nunhas obras de arte que
son anacos de natureza, anacos de arte.
Eses
anacos son os que nos falan da terra, da súa necesidade cada vez máis forte
para facerse berro, para ese grito do desacougo que un atopa nas fotografías de
Carla Andrade na condensación da inmensidade; pero tamén na dor de Neves Seara
e os restos do lume e que Edu Valiña explicita nunha fotografía impactante, a
dun toxo fincado na boca, a dor que se agocha no silencio. Desagradecidos como
somos con esa nai eterna que cada vez mutilamos de xeito máis vergoñento, xa
non só no seu propio sentir, senón tamén no noso. Nin para nós mesmos sombos
bos. Todas estas miradas converten esas paisaxes en territorio de cadanseu
artista, espazos para a reflexión case sempre dende o obxecto, dende o rescate
do material empregado como forza telúrica que nas obras de Lemuel Quiroga,
Maribel Longueira ou María Álvarez ten algo de elemento terapéutico, de arte
para cauterizar a ferida. A dela e a nosa.
Fran
Herbello emprega a esa natureza como material de traballo, enredadeira da
memoria que se fai retrato. Roi Domínguez disecciona o territorio e Alberto
Pena compón a súa pintura dende a dinámica ceo e terra, o sentido lúdico da
natureza ven da man de Román Corbato e Miguel Benjumea. Xoan Cerviño converte
en poemas esa natureza, mentres Reme Remedios e Alberto Bidarra reflicten nun
vídeo a experiencia do real entre o ser humano e a natureza alicerzada na súa
memoria, nesa sorte de crisálida que nos propón Bibi Martín. Natureza que se
fai topografía no espazo que Xurxo Oro converte nas nosas catro provincias coa
súa terra ennegrecida ou cos seus outros habitantes alén de nós, nunha
reflexión que da man de Jorge G. Valenciano pecha nunhas caixiñas nas que
atopamos moitas das especies que nos acompañan neste devir. Tamén Christian
Villamide propón o seu propio territorio a través dunha serie de pezas que
falan do relevo da fisonomía da montaña, pero tamén dese proceso de degradación
ao que a sometemos.
Cada
artista, coa súa dinámica de traballo, co seu xeito de achegarse a esas pegadas
resumidas nun inspirador conxunto que, no Pazo da Cultura de Pontevedra, é a
conformación dunha nova paisaxe, dunha natureza reinterpretada e que, estaremos
todos de acordo, é incapaz de achegarse á orixinal en canto a súa
autenticidade, beleza ou capacidade de suxestión, pero si que o que nos propón
é unha capacidade de autorreflexión arredor de nós mesmos que a inocencia da
primeira non pode amosar. O artista constrúe a súa pegada para que forme parte
de nós mesmos, para que a teñamos sempre presente como un neón luminoso que nos
sinale o noso propio fracaso como especie e como hóspede insolidario.
Acheguémonos,
polo tanto, a estes diálogos do home e a natureza, formemos parte da reflexión
que se nos propón e que sen nós non tería moito sentido. Certo é que se algunha
identidade ten a arte que se fai na natureza e a partir dela é a súa condición
de efémera, unha terapia pasadía, un achegamento ao real dende o pensamento
para balizar esa nova realidade que se converte en arte, algo que os dezaoito
creadores que aquí participan propician para mérito seu e dun proxecto
necesario como medio feiticeiro para dende o aquilo máis puro que hai en nós, o
noso contacto coa natureza, artellar un discurso plástico.
Son
as ‘Pegadas na terra’ as nosas propias pegadas, o feito notarial de que home e
natureza esíxense ambos como parte dunha mesma identidade agora reconvertida en
arte.
Publicado no Diario de Pontevedra 5/12/2016
Fotografías: Gonzalo García
Ningún comentario:
Publicar un comentario