Rue Saint-Antoine nº170
Pintura. Ata o
vindeiro venres 24 de febreiro teñen a oportunidade de enchoupar os
pés nesta exposición cuxas pezas están feitas con lodo. Con ese
fluxo da natureza que fai do cruce entre auga e terra un material
anfibio que Nilo Arias (Lugo, 1970) emprega para facer unha nova
natureza entre o orgánico e a conformación de suxerentes paisaxes.
Co Tambre como paleta
polo que pasar os pinceis, Nilo Arias emprega os lodos que o tempo e
as correntes pousan a carón dese río coruñés para facer deles
materia pictórica, o elemento dende o que darlle sentido ao seu
proxecto creativo sempre tan pegado á natureza. En Pontevedra aínda
lembramos as suás intervencións no propio Lérez, nun río no que
as súas subidas e baixadas de mareas servíronlle a Nilo Arias para
facer dúas intervencións artísticas no encontro ‘Fluíndo no
Lérez’, ámbalas dúas moi destacadas. Agora esa natureza
recóllese e sérvelle de novo reto a este creador ao ter que conter
nun espazo pechado, como a sala de exposicións do Pazo das Mendoza,
o seu vencello artístico coa natureza. Para iso Nilo Arias volve ao
río, a esa corrente eterna, sempre igual, pero sempre diferente, e a
súa pegada a través do seu primeiro contacto coa terra da ribeira
coa que forma os lodos. Nilo Arias recolle eses diferentes lodos para
convertelos noutro fluir, neste caso sobre un soporte, para conter
esa natureza, para darlle, e esta é a maxia da arte, a capacidade de
facer natureza nun espazo plano e facelo a partir dela mesma. Dende
esa intención achegámonos a unha mostra que si algo é é
sorprendente, sobre todo polos matices que pode amosar ese material
con tanta complexidade para traballar con el, xa que ao verse
mesturado de auga, tende a buscar o seu propio camiño, o seu fluír
nesas superficies
Dous conxuntos de pezas
pechan esas intencións, un máis de mancha, de condensación de
materia que busca acadar un sentido máis orgánico en todo este
proceso; e outro, máis ‘tradicional’ por empregar unha palabra
coa que nos entendamos, xa que traballar con este material é de todo
menos tradicional. Neste conxunto de pezas Nilo Arias é quen de
reflectir paisaxes da natureza, como se eses vieiros sobre a
superficie compuxesen unha paisaxe de ribeira, co seu río, as súas
árbores e ata a perspectiva. Abraiante! Semella como se a auga do
lodo tivese vida propia, plantexase o seu propio devir dentro do
cadro. E o certo é que ambas direccións conflúen certamente ben,
amósanse como camiños en direccións contrarias ao principio, pero
íntimamente vencellados ao final. E é que todo o conxunto ten tamén
unha certa tendencia ao ascetismo, a unha pureza na plasmación do
representado que tamén non deixa de sorprender pola complexidade
para fixar os materiais pero que, unha vez no papel, semellan ten un
punto zen, unha orientalizante reflexión sobre as cousas e a nosa
contorna.
Todo este devir do
natural na recreación da natureza amosa outra compoñente que xorde
ao levar un intre vendo as pezas, relacionándose con elas, pousando
a mirada sobre eses terreos, nunca mellor dito. Refírome ao desafío
que moitas destas obras lle propoñen ao noso cerebro a través da
vista, xa que hai algo de xogo psicolóxico coa proposición de
imaxes e as que un pode recrear no cerebro. Pezas nas que só durante
un tempo, coa mirada fixa sobre elas, semellan querer evidenciar o
seu segrego, aquilo que reflicten, como se a mancha fora un engano e
ao cabo duns segundos as nosas neuronas fosen quen de atopar a chave
para abrir o noso maxín.
Baixo o comisariado de
Fran Porto, Nilo Arias artella unha exposición non habitual, pero
que reconforta ao visitante, por atoparse fronte a un territorio cheo
de pureza, sen as contaminacións que semellan abondar tanto no mundo
da arte como unha distración que moitas veces forma parte da propia
obra indo na súa contra. Como se unha linguaxe sinxela e directa non
fora quen de emocionar ao espectador. Aquí non se precisa engano
algún, ‘Comerás o pan ata que volvas á terra’, nome que se lle
pon a esta exposición, é unha sedimentación de ideas, unha
deconstrución da realidade para suxerir outra ao noso carón que nos
adentra na natureza nun espazo pechado pero que á vez faise
natureza. Un lugar común a todos nós, un lugar no que pecharnos
como se propón nestas pezas que ritualizan un formato, un rectángulo
en cuxos catro lados poderíamos situar a natureza, o ser humano, a
terra e a auga. Compoñentes telúricos dunha realidade á que a arte
sempre estivo vencellada, aínda que poucas veces dun xeito tan
íntimo como o que aquí se nos propón, cando a terra e a auga son
materiais, cando a natureza e principio e final e cando o ser humano
é quen de completar o significado da obra de arte que, neste caso,
xorde da inspiración de Nilo Arias, sempre apegado a unha natureza
acolledora e na que aínda hai moitas inspiracións dende as que
traballar e dende ás que voltar á terra.
Publicado no Diario de Pontevedra 20/02/2017
Fotografía David Freire
Ningún comentario:
Publicar un comentario