O pasamento de Emmanuelle Riva deixa ao cinema e á escena francesa sen un dos seus grandes rostros. Unha faciana que quedará para sempre instalada no noso imaxinario cinematográfico por dous papeis separados por máis de medio século de distancia e o inesgotable amor
HIROSHIMA, mon amour foi a presentación cinematográfica dunha muller descoñecida no cine, ao que chegou, sen experiencia algunha, dun cartel de teatro, do que quedara enfeitizado Alain Resnais. Era o ano 1959, ano no que uns mozos franceses puxeron patas arriba a narrativa do cinema e dende esa ruptura a faciana de Emmanuelle Riva engaiolou a moitos espectadores.
Un shock semellante tivo lugar 53 anos despois cando Michael Haneke recuperou ese rostro esquecido das pantallas, só con algunha invertención esporádica, aínda que moi activo no teatro francés, para protagonizar Amor. De novo, como acontecera con aquela historia de amor entre a directora dun documental e un arquitecto xaponés, voltaba a ser o amor o fío argumental e o motor interpretativo, neste caso, nun matrimonio ancián. Unha película de impacto, na que esa dor pola enfermidade dela, e o sufrimento, expresados dende unha fondura dramática chea de veracidade, a cargo non só dela, senón de outro mito do cinema francés, Jean-Louis Trintignac, estremecen ao espectador que arrastra durante varias xornadas o acontecido na pantalla.
Abofé que algo semellante ao que moitos daqueles outros espectadores sentiron con Hiroshima mon amour, cando a Nouvelle Vague estableceu un novo camiño para contar historias, para rachar un discurso lineal que dende Hollywood inundaba as pantallas de todo o mundo pero ao que un grupo de xóvenes turcos puxo en discusión. Emmanuel Riva aproveita esa nova linguaxe para expresar as feridas do amor a través do tempo, tamén dende a memoria, unha das teimas na produción de Alain Resnais. Dúas cidades e dous recordos a partir do relato da escritora Margarite Duras, elexida como guionista polo director, pero que no paso á pantalla tivo a Emmanuelle Riva como unha protagonista incomparable e ata sorpredente pola súa falla de experiencia. A cómplice inesperada para que a película fora un éxito converténdose Emmanuelle Riva nun deses rostros xa sobranceiros do cinema francés e que cando os ves semellan resumir todo o seu cine como Simone Signoret, Anouk Aimee ou Jean Seberg. Pero Emmanuele Riva xogou á contra. Afastouse de moitos papeis que ela consideraba non tiñan a calidade suficiente pero que logo se revelaron como importantes para as actrices que os aceptaron. Algo que fixo moita sombra na súa carreira, refuxiándose progresivamente no teatro no que estivo sobre as táboas ata fai uns poucos anos no Théâtre de l’Atelier, en Montmartre, cun texto, outra brincadeira do destino, de Margarite Duras. Pero non deixou de lado o cinema e nos últimos meses traballou ata en tres filmes, o que viña a reflectir os ecos que soaron ata o seu pasamento do traballo realizado con Michael Haneke. Un personaxe que se pega á pel e co que un sufre, pero que tamén se marabilla pola magnitude da interpretación, por cómo unha actriz pode co seu corpo e cou seu rostro dar cabida a tal cantidade de sentimentos, a exhibilos nun traballo artístico no que se fundamenta gran parte do resultado da película que podería ter caido nun sentimentalismo que fose na súa contra. Pero tanto o director como os actores saben parar a tempo e converter ese tempo nunha vivenda nun combate entre eles mesmos e o tempo, sempre o tempo.
A súa interpretación foi unha das sensacións do ano desa película que gañou a Palma de Oro en Cannes —Hiroshima mon amour tamén estivera nominada a ese premio— o Oscar á mellor película estranxeira, estando a propia actriz nominada como mellor actriz, competindo con Jennifer Lawrence, a gañadora, ou Naomi Watts. Actrices dun novo tempo cos que se mediu ombreiro con ombreiro esta muller que trala súa morte deixa un baleiro cuberto polas súas interpretacións, e sobre todo por eses dous fitos fílmicos alicerzados dende un amor polo que o tempo semella non pasar e que como poucas veces se contén no rostro de Emmanuelle Riva.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 5/02/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario