xoves, 3 de agosto de 2017

Dous libros


Chegaron xuntos da man. Metidos no mesmo paquetiño procedente da editorial Xerais como un máis dos seus abeizoados envíos. Eran dous libros que se presentaron ante min en xuño de 2016. Non fixeron moito ruido e pousáronse xunto ao meu ordenador sen reclamar a súa lectura. As veces penso nos libros como en compañeiros dunha vida na que eles mesmos son os que reclaman os seus tempos de lectura. O deles aínda non chegara.
Galería de saldos’ de Diego Giráldez e ‘ O espello do mundo’ de Ramón Nicolás, acubilláronse nos andeis da miña biblioteca case sen darme conta. Un día, sen máis, decidiron liscar do xornal e buscar un fogar. Chegaron á miña casa xunto a moitos outros libros e fixéronse un oco, de novo sen buscar o protagonismo, como se soubesen que a súa lectura podía esperar, que as súas palabras e as súas historias non ían fuxir de entre as súas capas, e é que a literatura e a maxia dos libros se contra algo é quen de loitar é contra o tempo, resistirse ao seu paso e non asustarse ante o camiñar dos días.
Pasou un ano e aqueles dous libros comezaron a bulir. Unha especie de vibración chegábame dende aquel andel no que os dous seguían xuntos un ano despois. Un ulular de sereas fíxome, durante varias veces, mirar cara aqueles dous libros que agora si querían que os lese. Collínos do seu lugar e fóronse achegando a min. Eu víaos felices, sabían que en canto rematara os libros que tiña pendentes de ler por traballo, chegaría a súa quenda e o faría en tempo de lecer. Nun verán que ía ser o seu.
Tocaba ir ata Madrid. Dous días cheos de músicas, ledicias, complicidades e caricias que comezaron subido a un avión con ‘Galería de saldos’, un libro de relatos escrito por un colega Licenciado en Historia da Arte. Naquel avión pensei de novo en cómo o destino daquel libro chegara ás miñas mans, un destino que non era outro que facer mellor aquela viaxe, entreterme durante as case dúas horas de ida e volta e tamén descubrir a escrita de Diego Giráldez. Xa ven que tiña moito que facer aquel libro a tantos miles de metros de altura e sen data de caducidade. Os libros forman parte das nosas vidas e a súa lectura intégrase nos nosos momentos de xeito antolladizo, pero un pode enguedellar dende o recordo cada lectura cun instante concreto das nosas vidas.
Volvamos a eses relatos de Diego Giráldez. Irónicos, retranqueiros, tamén cun puntiño de amargura que é como se escribe a vida. Dende o sorriso e a mágoa, dende a luz e a sombra. E así cada un deles, orixinalmente escritos e vencellados a unha obra de arte móvese por eses territorios nos que nos movemos os seres humanos e que por moito que os vexamos dende ás alturas, como parte dun formigueiro, non deixa de pertencer ao que nós mesmos somos.
Pasaron varios días e xa en terra, o sol fíxose un oco nos días de xullo empurrándonos á praia e alí foi onde ‘O espello do mundo’ de Ramón Nicolás cumpriría o seu contrato con este lector. E o certo é que despois da súa lectura un está completamente seguro de que este libro escribiuse para que Ramón Rozas o lera nunha praia da ría de Pontevedra. Nin nun día de outono nin nun de inverno, nin sentado nunha cadeira no salón mentres a chuvia golpea os cristais dunha fiestra, senón sobre a area e fronte ao mar. Alí ese espello que creou o meu admirado mestre na crítica literaria, Ramón Nicolás, brillaba como en ningún outro sitio e a súa enigmática historia sobre freiras, conventos e segredos rachaba anos de esquecemento e de descoñecemento para alumear aquilo para o que a literatura está sempre obrigada, xunto a outras cuestións, que é entreter. O libro pasou nun suspiro e un pensa en tantos meses xunto a el para logo pasar todo nun par de xornadas. Pero ambas foron inesquecíbeis como aquela dobre viaxe en avión, como ingredientes dun verán de 2017 no que dous libros pasaron xa a formar parte da miña vida.
Os dous voltaron aos andeis. Agora noutro lugar, xa que como se fosen enredadeiras os libros buscan o lugar axeitado dentro do seu hábitat en cada momento das súas vidas. Hai andeis por editoriais, outros por autores, outros por temáticas, outros polos libros aos que un regresa unha e outra vez, outro dos libros que se aman... en definitiva, un marabilloso microcosmos feito de libros sen o que un fogar non se podería entender. Aínda que xa pasou un ano dende a súa publicación botarse a ler ‘Galería de saldos’ ou ‘O espello do mundo’ é unha recomendación que lles fago nestes días de verán, dun verán no que eses dous libros quixeron que eu os lese en diferentes situacións, tempo despois da súa publicación, o que me serviu para comprobar que os libros teñen vida propia e que só hai que fixarse neles cun pouco de amor para tentar comprender das súas necesidades.



Publicado no Diario de Pontevedra 2/08/2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario