Un sumatorio preside o
estudo de Manuel Moldes. Misterio+Luz= Pintura. Un sagrado
frontispicio que semella lembrarlle constantemente ao creador cal é
o segredo desa disciplina artística. Percorrer a exposición que
baixo o título de ‘Pontevedra Suite’ se amosa no Museo de
Pontevedra é converter esa operación noutra que sume ao pintor coa
pintura para así obter como resultado Pontevedra. E é que ese é o
pano de fondo que suxeita unha espectacular mostra que xira arredor
deses fíos invisíbeis cos que as cidades envolven aos seus
habitantes. A proposta, dende o plantexamento dos comisarios, Ángel
Cerviño e Alberto González Alegre, é unha feliz achega a un tempo
moi determinado na produción de Manuel Moldes. Catro anos na década
dos oitenta nos que baixo unha produción febril o pintor acubillouse
baixo os monfortinos da Ferraría, o estanque das Palmeiras ou ao
longo do río Lérez, isto é, fixo de Pontevedra o berce dunha
pintura que, xunto coa doutros colegas, fixo estourar toda unha
tradición creativa demasiado vencellada ao pasado.
Pontevedra emerxe deste
xeito como o lugar no que estar, pero tamén o lugar no que sentir, o
espazo da memoria fornecido co camiñar diario, co trato coa
veciñanza e, sobre todo, a mantenza dun tempo que esmorece ante o
que se entende como unha presunta evolución da sociedade. Pontevedra
é capital, pero tamén é pobo, e dese híbrido xorde un ámbito
singular, no que personaxes, historias e imaxes redimensionan un
espazo físico nun parnaso mítico. Aí é cara onde nos sinala
Moldes cos seus pinceis na evocación dun Macondo ás orelas do Lérez
no que mergullarnos cadro a cadro, nunha sucesión de fragmentos
pictóricos fronte aos que un estremece polo que neles se contén,
que non é nin máis nin menos que a propia cidade de Pontevedra.
Símbolos, facianas, recunchos, lendas, mitos...todo conflúe nuns
lenzos que dende a figuración configuran un itinerario que fai
tremer o corpo a quen leva un rato ante unhas pezas nas que se sente
a esta cidade como parte de cada un.
Poucas veces unha vila
pode atoparse reflectida dun xeito tan intenso como nas tres salas
dun Museo de Pontevedra que con exposicións como esta incrementan
tamén a súa condición de espazo lexendario no eido cultural da
cidade. Todas esas figuras actúan como tótems que balizan unha
vida. Seres que xorden do maxín dun pintor que xerou unha nova
realidade no seu estudo, alí onde se albiscaba o misterio, alí onde
se estudaba a luz, alí onde se paría a pintura. Cada cadro un
mundo, e todos estes mundos xuntos son un universo entre pontes e
carballos, entres coitelos, cuncas e moletes. Entre cidades que
durmen e outras que traballan, entre avós e equipos de fútbol
invencíbeis, entre heroicos canteiros, camelias e naos, e entre todo
iso temos as miradas, as miradas da cidade que mira á súa xente.
E se falamos de miradas
nesta exposición poucas agochan tanto sobre Moldes como as súas
mozas. ‘As mozas de Pontevedra’ son o equilibrio xusto que
precisaba unha nova pintura. O apego a súa propia tradición dende a
modernidade picassiana inxerida nun espazo local no que facer
convivir o panteísmo do rural de carballos, arquitecturas e vales
xunto á Galicia urbana, a das mulleres que se amosan fronte ao
público, sen temores, xestionando os seus propios corpos ante as
miradas do espectador. O monfortino, a muller vestida de galega coa
pose do monumento dos Heroes de Ponte Sampaio, o león que pecha a
Alameda ou as camelias, resitúan toda esa pintura no ámbito local,
nun espazo xa universalizado. Miralas a elas é mirar a toda unha
sociedade, á muller doente, á inspiración, o traballo, o desexo, o
cotiá. Mulleres que miran tamén a ese rapaz dos recados que se
converteu en pintor, nun soñador de historias que foron antes
sementadas ao longo de moitos séculos e ás que honra coa súa
recuperación como sustrato común dunha identidade que agora é toda
unha declaración de amor. A Bella Helenes e Teucro bailando xuntos
baixo os sons dun cincel picando na pedra, os ecos dos goles de
Pasarón, o murmurio da corrente do Lérez, os foguetes dunhas festas
de A Peregrina que xa están a piques de comezar e que non pensaron
ter mellor complemento que este agasallo de historias feitas pintura
dunha cidade incomparábel.
Publicado no Diario de Pontevedra 9/08/2017. (A exposición 'Pontevedra suite' poderá verse no Museo de Pontevedra ata o 17 de setembro)
Ningún comentario:
Publicar un comentario