O achado dos
orixinais do álbum Nós, feito por Castelao entre 1916 e 1918,
marca a exposición 'Meu Pontevedra' no Museo de Pontevedra, e propón
a revisión dunha obra clave no seu devir artístico.
É INCRÍBEL como a
vida arredor de certos personaxes, que un pode considerar xa
suficientemente analizados ou estudados, permite aínda certas
descubertas que non fan máis que afondar no seu talento e nas súas
capacidades. A exposición que dende esta semana se amosa no Museo de
Pontevedra titulada Meu Pontevedra, arredor do íntimo e alongado
vencello da súa cidade de acollida e á que sempre levou no seu
corazón, está chea destas descubertas, de pezas descoñecidas, de
datos anovados e correxidos e, sobre todo, dese abeizoado achado, nas
mans dun particular, dos orixinais do álbum Nós, dos que non se
tiña coñecemento da súa pervivencia no tempo, alén dalgunhas
atribucións maledicentes.
Todos estes fitos
arredor dunha exposición só poden falar ben dos seus comisarios,
Ángeles Tilve e Xosé Manuel Castaño, mergullados nunha tarefa
titánica, como é a de contextualizar Pontevedra na vida e obra de
Castelao e tamén á inversa, a análise dun Castelao apegado ás
pedras e á sociedade pontevedresa na que el mesmo xogou unha sorte
de papel revolucionario dende diferentes frontes culturais,
artísticas e sociais. O descubrimento do álbum Nós ponnos ante un
deses fitos da nosa arte, xa que a importancia da colección de
estampas ven dada polo significado que ten dentro do conxunto da obra
creativa de Castelao. O álbum Nós, feito, como o propio autor fai
constar entre 1916 e 1918, supón un xiro total na súa relación coa
arte ao substituir un feito puramente plástico polo emprego da arte
como manifesto reivindicativo ou político da situación de Galicia.
Castelao dende estes momentos deixará de lado o seu labor como
artista de seu, isto é, deixa de participar en exposicións e
incluso abandoará a súa faceta como pintor de grandes lenzos,
reducindo o contido pictórico ao tempo que amplían as compoñentes
reivindicativas da súa obras.
Deterse ante o medio
cento de debuxos que compoñen o álbum amósanos, por unha banda,
todo un alarde das aptitudes para o debuxo de Castelao, e por outra,
a capacidade para inxerir unha sorprendente forza a partir dunhas
poucas liñas. Os seus rostros, a composición das esceas, as
relacións entre as figuras, a súa esquematización déixanos ante
un discurso dun vigor arrepiante e que se ve alimentado polas frases
que acompañan ás imaxes. Textos que amosan o asoballamento dos máis
febles, as inxustizas, as miserias dunha vida que facían de Galicia
un lugar no que comezaba a prender a faísca do asoballamento fronte
a outras rexións. O álbum Nós amosa unha vida propia, non só como
unha obra artística ou como un manifesto, senón como un traballo
que, dende a súa magnificencia, ía arrastrando diferentes
secuencias ao seu arredor. A súa primeira exposición pública será
en 1920 na Coruña; en Pontevedra, a cidade na que se artellou,
exhibirase en 1922; e en 1924 farao na Casa de Galicia de Madrid que,
en tempos de Primo de Rivera, conlevou a censura de textos, como no
que se falaba da Revolución de Irlanda que podía plantexar algunha
equivalencia coa situación de Galicia fronte a España. As estampas
imprímense grazas ao apoio económico de varios pontevedreses e aos
contactos doutro, Francisco Javier Sánchez Cantón, quen acadou a
posibilidade de que foran impresas na prestixiosa Hauser y Menet de
Madrid. A abundante correspondencia que completa a exposición do
álbum Nós entre Castelao e Sánchez Cantón evidencia a importancia
desa amizade levada no tempo máis aló do que se tiña pensado e
afasta a lenda escura de que fora o propio Sánchez Cantón quen
ocultara uns orixinais que o abraiaron cando chegaron a Madrid. Do
mesmo xeito que nos acontece a nós vendo uns orixinais nos que se
atopan veladuras imposibéis de ser reproducidas, así como certas
augadas, ou a gradación de planos, ou as liñas de cor que forman
parte desta feliz descuberta.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 3/07/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario