sábado, 6 de novembro de 2021

Moldes. Vieiros da pintura

 

[Foguetes verdes]

A inauguración dunha sala co nome do pintor Manuel Moldes na Facultade de Belas Artes e varios encontros arredor da súa obra recuperan unha inesquecible presenza da nosa cidade



NON É habitual nin sinxelo que ao pouco tempo do pasamento dun pintor a súa pegada emerxa con forza dende diferentes situacións. O vindeiro 3 de decembro cumpriranse catro anos do seu pasamento e camiñamos cara esa data con non poucas boas noticias arredor da mantenza do seu recordo e valorización da súa pintura, unha das máis identificadoras da nosa terra e, de xeito moi especial, coa cidade de Pontevedra.

Á configuración dunha Fundación que ocupará, esperamos que xa de xeito moi próximo no tempo, o último andar do edificio da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal, case que enfronte ao seu estudio, sumouse nos últimos días a apertura dunha sala de exposicións co seu nome na súa benquerida Facultade de Belas Artes. Nela exerceu de profesor moito máis alá que nas súas aulas, tamén dende un contacto directo moi especial cos seus alumnos e que de forma tan intensa deixaron patente a mágoa pola súa perda nas horas seguintes á súa morte. Nesa sala atopamos, ata o 15 de decembro, a mostra ‘Vieiros na memoria’ na que, baixo o intelixente comisariado de Sara Donoso, amósanse unha serie de obras que coinciden no tempo co seu ingreso no claustro de docentes dese centro académico. Pezas nas que liña e debuxo, as súa materia como docente, están moi presentes e evidencian esa conexión permanente coa pintura, pero tamén coa propia vida a través dunha cidade coa que os seus links foron permanentes. Pegadas que podemos rastrexar nunha obra chea de referencias a súa paisaxe cotiá, a física, a dun territorio urbano pegado á súa alma, pero tamén a dunha memoria que medraba co paso dos anos sedimentándose nas súas pezas. Xunto a iso as conexións que se recollen en todas estas obras son tamén un fío directo con todos eses alumnos que, promoción tras promoción, renovaron o seu compromiso coa educación de aí que esta sala e estas pezas renoven ese elo que será eterno entre o pintor pontevedrés e o seu alumnado.

A estas boas novas sumámoslles os encontros que terán lugar na próxima semana arredor deses vieiros da pintura que situaron a Manuel Moldes nun lugar privilexiado da nosa plástica. O vindeiro martes, na mesma facultade, ‘Arredor de Manuel Moldes’ servirá para, da man de Sara Donoso, Miguel Fernández-Cid e quen esto escribe movérmonos por eses vieiros que estarán sempre abertos para novos percorridos, para novas interpretacións e análises dunha obra inesgotable nas súas posibilidades. Do mesmo xeito o xoves será no Consello da Cultura de Galicia onde co título de ‘Moldes na memoria’, Mariano Hernández de Ossorno, Carlos López Bernárdez e Luis Francisco Pérez enfrontaranse á esa obra dende as súas diferentes perspectivas profesionais vencelladas á cultura.

Se a pintura, a boa pintura, ten sempre unha compoñente de misterio continuar na súa comprensión é unha obriga de toda sociedade, máis aínda da que mire polos seus. Sempre M.

 


Publicado en Diario de Pontevedra 5/11/2021


Ningún comentario:

Publicar un comentario