martes, 14 de decembro de 2021

Containers

 

[Foguetes verdes]

A cidade como observación permanente é a cerna da mostra de Manuel Quintana Martelo no MARCO de Vigo, nunha continua interrogación sobre as posibilidades da pintura



PERCORRER a exposición de Manuel Quintana Martelo no MARCO de Vigo supón entender cal é a máxima de todo pintor, que non é outra que afrontar o desafío que, de xeito permanente, a realidade pon ante os seus ollos. Un simple contedor, deses que atopamos todos os días polas nosas rúas, e aos que apenas lles prestamos atención, pode converterse nun exercicio inesgotable no que forma, luz ou cor, por citar algúns elementos da pintura, ofrecen todo un espectáculo para o espectador.

Dende que accedemos á mostra atopamos esa sensación de complicidade cun contexto urbano do que somos parte e que ofrece infinidade de lecturas sobre o que somos. O extenuante exercicio do apuntamento, a sinalización de horas e lugares, a repetición, unha e outra vez, ata dar co resultado que se busca, enfróntanos ao pintor ante a súa función de compoñer dende o seu pictoricismo, unha nova realidade, a desas formas caprichosas, a desas luces que se modifican de xeito permanente, a da constante interrogación do que acontece ao noso arredor e cómo esas formas son cada minuto diferentes, aínda que semellen ser as mesmas.

Aquel primeiro contedor que na madrileña rúa Marqués de Cubas convocou a Quintana Martelo foi o comezo dun desafío que chega ata hoxe, case dez anos despois. O realismo da pintura deste autor abandoaba de xeito decidido o estudio e recuperaba aquela vida da urbe que xa rexistrara na súa estadía en Nova York, nos anos noventa, co mobiliario urbano e as inesquecibles cabinas de teléfono. Aquel contedor contiña, ademais dun reto explícito convertido nunha epifanía creativa no que o feito de pintar imponse incluso á propia pintura como resultado, outros elementos que son frecuentes na preocupación do autor como un universo cun toque Pop, o feito de suliñar o plano por riba da ilusoria ventá pictórica e a condición de coverterse nun diario íntimo do real.

O comisario da mostra, Juan Manuel Bonet, o que fora director do Museo Reina Sofía e unha das referencias da crítica e o pensamento artístico nas últimas décadas, suliña, entre as diferentes bondades da obra de Quintana Martelo, a capacidade para dende a súa arte «descubrir un novo aspecto da cidade», e iso é xustamente o que todo pintor ten que facer, ou polo menos tentar acadar, o atopar novas miradas para o público, convertendo cada cadro non só nun desafío propio, senón en parte desa experiencia compartida que é a visión dun cadro polo espectador.

Todos estes contedores son un síntoma do noso tempo. Dese concepto de cidade en permanente estado de cambio, de edificios que medran, doutros que desaparecen, de rúas que se modifican, de espazos dunha urbe viva que nos reflicte. Este peón urbano convertido en pintor afrontou con todas estas obras unha esgotadora misión á que se viu requerido pola propia pintura que, como acontece en toda a súa obra, vólvese case fotografía por esa condición de rexistro do inmediato, de acollemento do real, con independencia da variedade de formatos e técnicas que aquí son tamén parte do desafío da realidade.

 

 


 

Publicado no Diario de Pontevedra 10/12/2021


Ningún comentario:

Publicar un comentario