[Foguetes verdes]
Rosario Álvarez e Menchu Lamas acadaron o Premio Otero Pedrayo polos seus méritos profesionais, pero tamén por converter o seu facer nunha apertura de camiños aínda a valorar
O PASADO sábado, no acto de entrega do Premio Otero Pedrayo, Fina Casalderrey fixo a loa dos méritos acadados por Rosario Álvarez para merecer dito premio, xunto coa outra gañadora, Menchu Lamas. Como acontece cando Fina Casalderrey, a nosa Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, fala, o mundo cala, e iso hoxe só o acadan as persoas que son quen de acariñar coas palabras.
O silencio que envolveu as súas verbas, convertidas nas mesmas folerpas de neve que caeron aquel día máxico dunha infancia pontevedresa compartida, e das que aquí falou ao recuperar aquel algodón da nenez, fixo que o público estivera ben atento a unhas palabras que ían máis alá de gabar a unha premiada con méritos de sobra para acadalo, senón que tamén serviu para poñer voz a esa demanda felizmente axitada nos últimos tempos sobre a necesidade das mulleres en poñer de relevo o esquecemento que sufriron ao longo do tempo para facerse valer, para visibilizar o seu traballo e a súa posición nun mundo que sempre será menos mundo se despreza o feito pola metade da súa poboación.
Fina Casalderrey dixo que sempre viu a Rosario Álvarez como a muller que ía apartando as silveiras para que moitas outras pasaran por ese camiño con menos espiñas, evitando así deixar sinais na pel das que tantas veces se danan, non só no exterior, senón tamén no interior da persoa. O currículum de Rosario Álvarez, primeira muller presidenta do Consello da Cultura Galega, lingüísta e mestra, sobre todo mestra, regouse dende ben nova coa auga fresca da fonte dos Tornos, a carón da que medrou acubillada na nosa tradición local de lendas, soños e palabras que converteron o seu futuro nunha permanente defensa da nosa lingua e, ao tempo, dunha cidade que ten nela un dos seus grandes motivos persoais dos que gabarse, o que materializou coa concesión en 2020 do Premio Cidade de Pontevedra.
Tamén tivo que apartar moitas silveiras Menchu Lamas, única muller no colectivo Atlántica que nos anos oitenta mudou a visión da arte de Galicia, no seu interior e de cara ao exterior, e que dende entón plantexa unha obra que dende o simbólico e a cor foi quen de construír iso tan complexo para calquera artista como é un universo propio. Outra muller, Rosario Sarmiento, toda unha abandeirada no eido do pensamento artístico de Galicia, alabou e confirmou a súa traxectoria e personalidade, como merecente duns premios que poucas veces redimensionaron o feminino como nesta ocasión. Xa van catro as mulleres que se moven entre estas verbas, catro persoas que son auténticas referencias nos seus ámbitos de traballo, e todo iso nunha Deputación presidida tamén por unha muller, Carmela Silva, a primeira muller en ocupar a presidencia dunha Deputación en Galicia.
O sábado, no salón de plenos da Deputación de Pontevedra, visibilizouse todo un universo feminino de primeiras ocasións, de chegar ao lugar que sempre ocuparon os homes, como se non houbese espazo para ninguén máis. Mulleres que rachan teitos de cristal ou, volvendo a Fina Casalderrey, mulleres que apartan as silvas para que as seguintes mulleres non se manquen. Mulleres como Bibiana Candia, a autora dun dos libros deste ano (non o perdan por favor!) titulado ‘Azucre’, que esta semana gañou o Premio Julio Camba de xornalismo ou Míriam Ferradáns, a poeta de Bon, que tamén vén de acadar o Premio Francisco Fernández del Riego de xornalismo en lingua galega. Mulleres galegas que non deixan de amosar un novo tempo, un tempo con menos espiñas.
Publicado no Diario de Pontevedra 24/12/2021
Ningún comentario:
Publicar un comentario