luns, 21 de febreiro de 2022

Pinturas de premio e resistencia

 

[Foguetes verdes]

Unha exposición na sala Manuel Moldes da Facultade de Belas Artes amosa as pinturas premiadas ao longo dos anos no certame dos premios de pintura da Universidade de Vigo



BAIXO o título de ‘A complexidade do rectángulo’ reflíctese, dunha maneira ben intelixente, o que supón para todo artista enfrontarse a esa superficie que o desafía a cada instante, a ese espazo límite no que todo pode acontecer, onde o éxito ou o fracaso axustan as súas posibilidades para pousar nese territorio a interpretación da realidade que escolle cada un dos seus autores.

Esa complexidade é a que valoraron os diferentes xurados que, ao longo de dezaoito edicións, outorgaron o Premio de Creación Artística da Universidade de Vigo e dos que aquí se fixo unha representativa escolla que converte a pintura non só nunha pintura de premio, senón tamén nunha pintura de resitencia. Se algo caracteriza aos estudos de Belas Artes é a súa diversidade formativa e como as novas xeracións poden satisfacer as súas inquedanzas creativas dende diferentes xéneros e propostas, moitos deles moito más interesantes para as novas fornadas que a ancestral pintura. Falamos, por exemplo, de performances, vídeocreacións, instalacións, banda deseñada, fotografía... e así acontece tamén con moitas outras canles de expresión que alí se ensinan tan válidas como a propia pintura, pero que a foron marxinando nos últimos tempos. Vémolo cada ano nas exposicións que recollen os traballos de mestrado ou de alumnos da facultade no seu remate de estudos e que amosan en Pontevedra traballos nos que a pintura estivo bastante ausente ata hai un par de edicións onde semella reverdecer os seus laureis, de aí que esta mostra ten tamén o valor de nomear a todos eses resistentes que seguiron a confiar na vella pintura como a maneira de traducir o mundo, o seu mundo.

En total son catorce as obras escollidas. Catorce pezas que se moven nunha cronoloxía que vai dende a premiada na primeira edición en 2002, ‘De fresa’, de Nieves Sierra Martínez, ata a última de 2021, ‘Saudade’, de Blanca Nieves. Entre elas os nomes de diferentes autores e autoras premiadas, os de Rebeca Lar, Alexandre Melluso, Victor Hugo Costas, Marta González, María Montserrat Gay, Marcos Covelo, María Peña, Gonzalo José Rey, Sheela Tato, Salvador Figueira, Arturo Reboiras e Itziar Ezquieta. Ollos e almas que miraron cara o mundo a través da pintura e das súas posibilidades expresivas. Así é como percorremos esta mostra dende a súa diversidade, que non é máis que o éxito do ensino dos seus mestres á hora de plantexar toda unha serie de camiños que escoller polos seus alumnos. Non só realismo e abstracción, como grandes espectros da creación pictórica, senón que entre eles o traballo cos materiais, o tratamento das superficies, os seus significantes e significados convócannos fronte esa posibilidade do artista para sintetizar as súas inquedanzas ante o que o rodea.

Estas pinturas da resistencia sitúannos ante catorce miradas que van tamén non só na dirección da obra do creador xa asentado, senón que tódas elas forman parte do proceso de aprendizaxe e maduración daqueles que elixiron a creatividade como o seu futuro. Unha valente aposta que, ao mellor hoxe, co tempo pasado dende as primeiras edicións ata os nosos días, xa se converteu noutra cousa, adicando as súas vidas a outras opcións profesionais, abofé que máis fiables, nunha sociedade pouco atenta ás humanidades e todo o que as rodea, pero que como aposta seguirá dentro deles como un espazo de resistencia íntimo que foi o que os levou a estudar Belas Artes, a plantexarse a vida arredor da obra de arte e, entre cuxos plantexamentos, figura esa incerteza que nomea a esta exposición, a de resolver a tensión da complexidade do rectángulo.

 

 


Publicado no Diario de Pontevedra 17/02/2022

Fotografía: Unha visitante na exposición na Sala Manuel Moldes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Javier Cervera-Mercadillo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario