venres, 4 de febreiro de 2022

Veciños, veciños, roubaron o Corpo Santo!

           

Saga/Fuga

 


AMENCE en Pontevedra, que non é pouco, como diría o inesquecible e nunca continxente José Luis Cuerda. A cidade despexa o seu loito nocturno e comeza a amosar unha beleza á que, por estar acostumados, semella non sermos quen de apreciala como se merece.

Camiñar por Pontevedra e a súa contorna cando se abre o día é un espectáculo que non deixa de abraiar. Ver a Ría de Pontevedra dende a Chamusca, camiñar polas marismas de Alba cunha xeada de conto, ver como o sol acariña a Illa das Esculturas, escoitar o decorrer da auga polo río dos Gafos, camiñar polas vizosas terras de Tomeza... unha listaxe interminable que onte, nun deses paseos, acadou unha das súas cimas cando ao entrar pola rúa Xan Guillerme a Basílica de Santa María erguíase ao fondo como un monumental fito de pedra, recortando a súa figura de séculos salgados sobre un ceo vermello a piques de estourar. En poucos minutos o mundo das sombras quedou esmagado polo novo día e non puiden máis que berrar o comezo da novela de Gonzalo Torrente Ballester, ‘La saga/fuga de J.B.’ que, ademais de nomear esta sección local, é a gran novela de Pontevedra, e, con poucas dúbidas, unha das mellores novelas do século XX.

«Veciños, veciños, roubaron o Corpo Santo!», exclamei, mentres un dos obreiros que descargaban os seus materiais de traballo, nunha das moitas e plausibles rehabilitacións de vivendas que teñen lugar nesa rúa, miraba cara min como se fose un tolo, ou aquel Muruáis que ía pola Moureira asustando aos veciños. Só se botaba de menos o «impertinente» son das campás e unha velliña de negro que, como a Tía Benita dos Carallos, completasen a inesperada escena coa que arrincou o día.

Sigo o meu camiñar cun sorriso nos beizos, ensimismado como a levitante cidade da novela e ollando cara un ceo que é puro lume. Paso xusto a carón da que fora vivenda do escritor ferrolán e que elixiu Pontevedra como o seu paraíso persoal, como así o afirmou sempre, el que viviu en tantas cidades. E, como cada vez que dirixo a mirada ao seu piso, alí onde xurdiu esta obra e se forneceu todo ese imaxinario local que abrolla no texto, volvo a sentir, coa mirada posta na realidade da súa rúa, ese botar en falla unha placa que lembre a súa presenza, ou unha escultura que deixe constancia da inspiración local á que moitos consideran como a mellor novela en castelán e coa que só podería competir con ela o mesmo ‘Quixote’ tal e como afirmou o mesmiño Nobel José Saramago.

Segue sumido no esquecemento, que é o peor no que pode caer calquera colectivo, o de non lembrar aos seus, máis aínda cando nos deron tanto como Torrente Ballester ou, por citar outro exemplo, o noso poeta Luis Amado Carballo, cuxa vivenda de Benito Corbal sinálase pobremente cun azulexo que pouca honra lle fai aos seus versos pontevedreses. O pasado día 27 de xaneiro cumpriuse o aniversario do pasamento do autor de ‘Los Gozos y las sombras’ en 1999. Xa van vintetrés anos e aínda non fomos quen de devolverlle un pouquiño da eternidade coa que el nos agasallou. Neste 2002 cúmprese o cincuenta aniversario da publicación de ‘La saga/fuga de J.B.’ na Editorial Destino, o libro adicado, entre outros, «A mis amigos de Marín y Pontevedra», polo que poucos anos semellan mellores para pechar esa ferida da nosa responsabilidade ca este, e deixar constancia nas nosas rúas, convertidas nos últimos anos nun espléndido libro do que somos, a través dalgún tipo de acción, do respecto da tribu polo froito literario do vate galego.

Dirixo os meus pasos á Ponte do Burgo e o espello do Lérez permanece aínda tinxido dese vermello que comeza a desaparecer ameazado polo ceo gris que nos acompañou ao longo da xornada. Unha rapaza saca o seu móbil, como fixera eu tan só uns minutos antes fronte á Basílica, para apresar esas cores que esvaran pola pedra e a auga. Ao mesmo tempo uns operarios colocan unha serie de paneis informativos sobre o novo deseño do escudo da cidade que se presentou onte en sociedade. Nel, de novo, a pedra e a auga, o que somos e o que nos rodea, nunha simbiose eterna que, como poucas, nos explica, e que xa soubo ver Torrente Ballester nunha novela de ríos, néboas e pedras míticas que flotan nun aire que nos envolve nun soño eterno do que as veces espertamos para darnos conta, tal e como se dera o escritor, do paraíso no que vivimos. Unha cidade de lendas e palabras escritas con pedra e auga pola que camiñar coa boca aberta.

 

 


Publicado en Diario de Pontevedra 4/02/2022

Ningún comentario:

Publicar un comentario