martes, 15 de marzo de 2011

A arte da mentira

Dentro das actividades do Salón do libro de Pontevedra sempre ten cabida unha exposición que se desenvolve na Galería Sargadelos de Pontevedra, como complemento  á desbordante imaxinación que enche o Pazo da Cultura de Pontevedra. Nesta ocasión, na que o Salón se adica á mentira, son Lucía García e Hugo Aldatz quenes, baixo o nome de ‘The green family’, amosan o seu traballo plástico, onde a imaxinación tamén ten moito que dicir para xerar toda unha chea de mundos onde non todo é o que parece e no que o engano se impón a todo. 


Non é moi habitual que un conxunto de pezas, ‘a priori’ tan sinxelas, provoquen no espectador tantas sensacións. O que xorde como unha especie de xogo, unha festa de miradas, experiencias e coqueteos co espectador, vai incidir nun dos aspectos que a historia da arte máis salientou desde a man e a mente dos seus creadores: o do engano, a falsa percepción da realidade, as apariencias difusas, en definitiva, o sentido lúdico da arte.
Fanse chamar 'The green family', e baixo ese apelativo Lucía García e Hugo Aldatz presentan 'Nunca tal vira'. Baixo esta denominación os artistas xogan desde unha forte carga irónica a plantexar e desenvolver diferentes olladas do noso mundo. Espazos que, xurdidos da súa imaxinación, da modificación de lugares, posicións, puntos de vista ou extraendo elementos fóra do seu contexto, crean novos mundos que se van expandindo nas paredes da galería. Desde ese perfil urbano, un collage cheo de intelixencia e bo facer, ata esa parella de cadros, tan verdes eles, tan relucintes, nos que se amorea céspede no interior duns baños, todo é sorpresa, todo é dialogo entre o real e o soñado, unha loita desde o surreal que finalmente conquire sorprendentes resultados.
Xunto a estas obras vanse despregando as restantes pezas dun crebacabezas na configuración dun universo singular e engaiolante, chamando a atención as perspectivas obtidas sobre as beirarrúas polas que se verque o contido dun café, ou un monopatín atravesa a gran velocidade. O certo é que cada unha das pezas obriga ó espectador a estar máis tempo do que é habitual ante as obras dunha exposición, debido a esa factura de sorpresa que amosan todas elas e que fala destes dous mozos como de dous habilidosos artistas, pero tamén de dous trampóns que fan da arte troula, da creación engano, e que nun Salón do Libro como o deste ano, adicado á mentira, encaixan á perfección nunha programación que non deixa de acadar éxitos, xa non só nos participantes, senón na resposta do público. Un público que gusta do engano.


Publicado en Diario de Pontevedra 13-03-2011
Fotografía Rafa Fariña

Ningún comentario:

Publicar un comentario