domingo, 13 de marzo de 2011

Loito



Todo aconteceu un 5 de febreiro de 1913. Unha língua negra percorría Pontevedra. A xente ateigaba as beirarrúas entre o Recreo de Artesanos e o Circo-Teatro. Entre choros e berros cheos de dor, aquela multitude esperaba con fraqueza nas súas pernas o paso do finado, daquel plumífero xoguetón que horas antes pasara a mellor vida. Aínda que a súa, nesta Pontevedra de comezos do século XX, tampouco é que fose mala. Aquel paxariño converteuse nunha estrela na cidade, dende a botica do seu dono Perfecto Feijoo. Ata ela chegou do Pazo de Montero Ríos, onde ás fillas do político se lles arrepiaba o corpo cada vez que Ravachol abría a boca, perdón o pico, tras pasar unha tempada na parada de carruaxes do actual Gran Garaxe, o que abofé non se pode considerar a mellor universidade. A carón da Peregrina, Ravachol fedellaba cos clientes do boticario, vacilaba cos participantes daquela famosa tertulia, metíase cos políticos ós que rápidamente identificaba e protagonizaba algún que outro suceso entre o Convento de San Francisco e o Santuario da Peregrina, ata onde gustaba achegarse para asustar ó personal. Non foi aquel entroido de 1913 un entroido normal, aquel paxaro mobilizou a toda unha cidade que protagonizou un dos episodios máis intelixentes da época e que hoxe recordamos, porque aquí, no Oeste, cando a lenda se converte en realidade, publicamos a lenda.



Publicado en Diario de Pontevedra 12-03-2011
Fotografía Javier Cervera-Mercadillo

Ningún comentario:

Publicar un comentario