As nosas rúas e prazas foron sempre motivo de inspiración para os nosos devanceiros, agora, no Pazo da Cultura e ata o 28 de agosto, reflexiónase sobre o feito da cidade como lugar da memoria e ámbito no da nosa existencia común
Facer da cidade memoria. Converter os escenarios que nos acompañaron ó longo da nosa existencia común como sociedade en motivo de admiración é o obxectivo final desta mostra que durante os vindeiros meses ocupará o espazo de exposicións do Pazo da Cultura. A cidade como motivo pero tamén como argumento nese guión que é a vida na cidade, e neste caso na nosa querida Pontevedra. Ata alí deberiamos ir todos a render culto ás nosas rúas, prazas, edificios, paseos, parques.... porque todos eses espazos son xa parte de nós. A comisaria da mostra, Silvia García, ten feito diferentes traballos para amosar o valor do espazo público e a súa implicación co cidadán, e eses traballos cristalizan nesta mostra onde todos podemos visualizar esa condición da cidade. Por un lado de elemento vivo, un mutante que ó longo do tempo vaise transformando no que nós mesmos queremos, e por outro como marco para o desenvolvemento da vida en común. Poucas cidades hai nas que ó longo do tempo a vida na rúa fose tan senlleiro como nesta Pontevedra, máis aínda que poñemos en relación este aspecto co de ser unha vila atlántica sometida a unhas condicións metereolóxicas que a ninguén se lle escapan. Esto para nada fixo dubidar ós pontevedreses para converter as rúas en espazo de vida, nunha prolongación do seu ámbito familiar. Quen non ten no seu álbum familiar unha imaxe posando na Ferrería, nas Palmeiras ou en calquera outro recuncho da cidade. Esta cuestión afectiva é a que nos recibe o principiar o percorrido pola mostra. Un amplo espazo onde vemos como esas imaxes xurden dos álbumes das familias para proxectarse nunha parede, ou como a fotografía, no seu soporte clásico é parte da memoria dos veciños a través dunha recollida de imaxes pertencentes a familias de Pontevedra.
Pero a dimensión da cidade tamén é outra, é a do seu urbanismo ou a das súas modificacións como elemento vivo ó longo do tempo. Así, unha escolma de fotografías tanto do Concello de Pontevedra como do Museo de Pontevedra sitúannos ante ese pasado que a inicios do século XX configurou moito da nosa identidade actual: novas rúas, novas construcións, vida nas prazas a través de actividades mercantís, en definitiva, o plantexamento dunha Pontevedra na que convivía o pasado con aquel presente de modernidade. Ó seu carón, atopamos o gran medio de representación da cidade nas primeiras décadas do século XX, a postal, recompilatorio de ámbitos urbanos que permitían achegar a cidade a tódolos currunchos do planeta, non esquezamos a importante diáspora galega que, a causa da emigración ou da fuxida tras a Guerra Civil, estaba espallada polo mundo. Pero a cidade é para vivir, e a través dunha serie de imaxes, moitas delas saídas do propio arquivo do Diario de Pontevedra, vemos algúns deses escenarios: a praza da Ferrería convertida nun parque de seguridade vial, as festas do Santiaguiño do Burgo, as revisións automobilísticas na praza de España... e así un conxunto de imaxes que falan da integración da cidade no noso devir común.
A partir de aquí entramos noutra parte da exposición, a interpretación que dela se fai dende os postulados da nosa arte actual. Reflexións sobre a cidade como espazo de traballo artístico, como motivo e como sustento para unha obra que deixa de lado a memoria para converterse en obxecto de inspiración. Miriam Cartagena, Marta Fariña, Christian García Bello, Lucía García Rey, Estudio mmasa, Begoña Paz, Sheila Pazos ou Marta Cerviño achégannos as súas propostas para ver a vila con outros ollos, tan suxerentes que son quen de incentivar a nosa mirada en novas direccións urbanas. Agora quédanos o sustento da memoria, ese ó que nos conduce esta exposición necesaria para comprender o valor da cidade na nosa vida, o moito que lle debemos, e o moito que somos.
Publicado en Diario de Pontevedra 29/05/2011
Fotografía David Freire
Ningún comentario:
Publicar un comentario