luns, 28 de outubro de 2013

Os amenceres da realidade


Recén saídos da Facultade pensaron que o mundo era unha utopía da que eles estaban destiñados a participar na procura da súa interpretación para logo narrala aos seus lectores. O paso da vida deixoulles claro que as utopías esvaecen entre os amenceres da realidade, entre as raiolas dun sol que nos agarima pero que a veces serve para descubrir que o real, o latexo do día a día, non entende de soños ou esperanzas, como tampouco duns ideais que esas raiolas foron quenes de murchar.
Plantexar ese estado de frustración dunha xeración é o que sustenta a esta novela que, cun claro ton autobiográfico, serve, de xeito inteligente, para amosar a atmosfera na que moitos se criaron naqueles tempos da chamada Transición. Paisaxe xeracional que os marcou ao entenderse como un sumidoiro polo que botar a podremia das décadas do franquismo ao tempo que se abría a fiestra á claridade dun novo tempo que fixo agromar neles un espírito de renovación que chegaron a converter en bandeira.
Manuel Veiga, xornalista e escritor, valla a redundancia, amosa aquí, baixo unha engaiolante estrutura, o seu maxín para achegarse aos feitos que marcaron o seu devir no mundo da prensa, no que xa amosa unha sobranceira bagaxe. Non lle vai á zaga no eido da escrita con diferentes novelas, moitas delas merecedoras de diferentes recoñecementos, pero quizais sexa con ‘Os xornalistas utópicos’ coa que Manuel Veiga acada a que din é a súa mellor obra, por vencellar de xeito brilante ambos territorios, tantas veces comúns, da prensa e a literatura, e sobre todo por como o fai, o que supón sempre a parte máis interesante na aposta de calquera autor. Ademais, o propio pano que se levanta parece simbolizar o peche dunha especie de etapa na súa carreira, un axuste de contas coa profesión, pero sobre todo cun tempo no que para ben ou para mal desenvolveu a súa vida.
Arrinca o libro cos plantexamentos do xornalista sobre o medio, as experiencias e a desconfianza no xornalismo, máis aínda con aquelo que o rodea para ir desfiando a madeixa na que buscar nos tempos universitarios a cerna da profesión, a ilusión que agromaba nun xoven nun tempo efervescente e cheo de esperanzas. Amizades, proxectos, lecturas ou medos vanse sucedendo neste percorrido vital a cabalo de dúas paixóns que, ben se nota, son as que moven ao autor.
As súas numerosas lecturas flanquean todo este itinerario e o fan seducindo a un lector que ante ese torrente de datos e sensacións non pode deixar de coller un caderno para apuntar nomes e títulos dos que poder ter o proveito que sacou o propio Manuel Veiga cando se achegou a eles.
Está claro que non son bos tempos para o xornalismo e moito do interese dese debate que se pode suscitar arredor del está aquí presente. Esa é tamén a forza do libro ao ser quen de contextualizar dentro dunha novela moito do que se move tras esa discusión. Ao pasar moitas horas nunha redacción un non pode desprenderse das sensacións que latexan nesa primeira parte do libro: horas de traballo, cafés, peches, despidos, éticas, liortas, o que é noticia e o que non, xubilacións a destempo, desacougos… acadan unha inmediatez que se transmiten alonxándose dos clichés do xénero e o achegan á experiencia persoal que tan ben lle fai ao conxunto do libro.

‘Os xornalistas utópicos’ é un libro sobre o xornalismo, pero no que emerxe en cada páxina a forza da vida, a comprensión, de que todo suma ao cabo dos anos, o bo e o malo. Do mesmo xeito que nós tamén sumaremos coa súa lectura a partir da vida doutro, admitindo tamén que non hai xa lugar para a utopía.

Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 27/10/2013

Ningún comentario:

Publicar un comentario