domingo, 31 de agosto de 2014

Sísifo


Castigado no Hades a subir unha montaña unha e outra vez cargado cunha gran pedra que, unha vez no alto rodaba ata o principio dese traxecto, Sísifo sufriu esa condea que, dende entón, serve para simbolizar aqueles esforzos humanos que derivan nun sen sentido.
Asistimos durante todo o verán (por aquelo de chamalo dalgunha maneira e para entendernos) a que un luns tras outro, polas páxinas deste xornal, desfilen as cifras que medían as cantidades de lixo que voluntarios e membros dese heroico colectivo chamadoVaipolorío, recuperaban nas mañáns dos domingos do cauce do río Gafos. Neste caso, esta acción, nunca valorada como se merece pola sociedade, non se converte nese sen sentido, senón que, pese a ser unha repetición do mito de Sísifo, o que ven a poñer en valor é a necesidade en toda comunidade dun grupo de xente que se sacrifique polos demais para que todo funcione da mellor maneira posible.
Domingo tras domingo, mentres nós facíamos plans para fuxir da cidade e pasar un día na praia, no campo, facendo algunha viaxe ou lacazaneando na cama antes de dar unha volta, eles percorreron ese vieiro de vida que se atopa ás nosas costas para sometelo a un reparador lifting que lle permita amosar a súa mellor faciana ao longo do ano. O Gafos quedou ben xeitoso, ao tempo que esa morea de refugallos reflicte o desprezo de moitos cidadáns polo súa contorna é máis en concreto polo río. Todavía son moitos os que non entenden o valor dun río nunha paisaxe urbana, unha paréntese entre os fumes, os ruidos e o formigón, no que un pode agocharse durante uns minutos para cargar pilas da sempre necesaria natureza e seguila loita diaria. Ese desprezo  exténdese a toda a comunidade cos rodea e que ten nese espazo un dos seus grandes tesouros, mercé a súa recente e plausible recuperación, ao agromar nela como unha canle orgánica da que poder gozar.
Albert Camus facía de Sísifo o espello do home contemporáneo, un heroe absurdo como « o obreiro de hoxe que traballa tódolos días da súa vida nas súas mesmas tarefas e cun destino non menos absurdo». Os nosos heroes dos domingos son, co seu traballo, os que converten en heroes absurdos a todos aqueles que sementan a podremia onde so debería respirarse beleza e saúde. Cando remata o verán o río está preparado para a chegada das estacións máis complexas, non polos efectos meteorolóxicos, senon polo menosprezo do home hacia aquilo polo que debería loitar como parte de seu. Non so a achega de lixo, senón os vertidos incontrolados sementan o seu cauce deses sinónimos da ignorancia hacia nós mesmos.
Os refugallos sólidos, aqueles que se converten en centos de kilos de miseria, conforman cada fin do estío unha columna á entrada do río polo barrio de Campolongo. Se volvemos a mirar cara o valor do simbólico, non puideron atopar mellor símbolo os membros de Vaipolorío para conter toda esa merda como esa forma cilíndrica que, dende ven atrás no tempo, erixiuse como un obxecto de culto, esa unión do ceo e a terra que medra aínda máis cando se afasta dalgunha construcción. Do mesmo xeito que aquelas columnas romanas conmemorativas dos éxitos das campañas militares dos seus emperadores, estas columnas de lixo deixan constancia do éxito do traballo desenvolto neses domingos de verán ao tempo que amosan o fracaso da vida urbana. Aquela urbis dos tempos de Roma abofé que, pese ao progreso, mantén o peor dela, aquelas suciedades que se botaban polas fiestras ás propias rúas, agora, máis educadiños todos nós, metémola baixo a alfombra que adoita ser sempre a natureza. Ela, que so fala ou se queixa instantes antes de morrer, acolle moitas veces nos fondos dos seus ríos, ou nos vertedoiros incontrolados dos nosos montes, todo aquilo que nos sobra e que buscamos o xeito máis sinxelo e cómodo de desfacermos delo.
Esa columna renóvase campaña tras campaña de limpeza mentres os nosos heroes seguen caladiños a loitar contra un destino que os leva unha e outra vez a facer un traballo sen máis recompensa que a de sentirse membros útiles nesta sociedade na que todos eles caeron para beizón nosa.
Pontevedra agasallounos unha vez co premio ‘Cidade de Pontevedra’, hoxe renovo ese agradecemento nun verán máis que ogallá sexa un verán menos para ter un río limpo e san, no que non fagan falla os Sísifos de domingo. 

Publicado en Diario de Pontevedra 30/08/2014
Foto: David Freire

1 comentario:

  1. Eu penso que algo ha de valer o traballo de concienciación e de limpeza que fan os de "Vaipolorío"

    ResponderEliminar