domingo, 7 de decembro de 2014

Combate literario


Se cada libro que asina Xabier López é unha sorte de combate literario coas súas intencións narrativas e o resultado final, neste libro ese combate convértese no motor da súa escrita. Preocúpalle a Xabier López non facer libros semellantes, gusta de hibridar xéneros, de facer que voces diferentes participen da súa proposta para compoñer libros que xoguen cos límites da novela. Límites que el mesmo é quen de debuxar.
‘Olympia ring, 1934’ e unha vicisitude máis daquel xornalista pontevedrés, «obeso e sentimental», metido a investigador que alicerzou o xénero negro galego en ‘A vida que nos mata’ (2003), de nome Sebastián Faraldo. Vive na praza da Leña e traballa nun xornal local  coas obrigadas tensións co seu director. Nesta nova aparición debe partir a Barcelona, a unha Barcelona moi concreta, a do outono de 1934 que ven de ver como se frustrou a proclamación do seu Estatuto mentres a atención mundial miraba cara esa cidade na que se ían enfrontar polo título mundial dos pesos pluma Josep Gironés e Freddie Miller. Nesa velada, nos combates previos a disputa polo título, un deles o protagonizará un boxeador que vai dende Pontevedra, alcumado ‘O Camión’. Un suceso fará que se desenrolen os acontecementos e obriguen a Sebastian Faraldo a tirar dalgúns fíos soltos que atopa cando se achega aos feitos.
O que se move arredor desa noite puxilística mestúrase co ambiente político e histórico daquela Barcelona, compoñendo, Xabier López, unha narración forxada en elementos propios do xénero negro: o mundo de boxeo, a escuridade, os baixos fondos, o crimen, os personaxes solitarios, as apostas ... cun pano histórico que fai que a novela no se quede só nunha obra de xénero, senón que explora eses novos límites dos que antes falamos. A obra non fuxe, nin debe facelo, desa chea de imáxenes que o cinema acuñou ao longo da historia. É inevitable e ademais completa a proposta narrativa do autor o adaptar esa escrita ao mundo da imaxe co Hollywood clásico forxou nas súas películas relacionadas con este mundo.
Boxeo, xornalismo, investigación, historia... son ingredientes para una obra chea de aristas coa que se goza coa súa lectura, e na que un descobre moitas das situacións históricas que se viviron naquela Barcelona, pero tamén, e sen perder o fío da súa Pontevedra, da que partiu Sebastián Faraldo, pero na que deixou a un deses secundarios imprescindibles neste tipo de novelas. Personaxes que enchen estas páxinas de sombras, pero tamén de luces, que loitan entre si para compoñer unha paisaxe que deseguida atrapa ao lector dende o evidente ou dende o que non o é tanto.  A nós tócanos deixarnos levar por este combate máis aló do literario.




Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 7/12/2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario