Un dos grandes carballos da nosa
cultura. Parte senlleira dunha paisaxe humana e humanizada de cuxas pólas aínda
hoxe abrollan os rebentos que non deixan de facer de Galicia unha terra de seu,
un fogar dende o que artellar un discurso de saudade e afouteza ante a
liberdade universal. Un deses gromos é este libro imprescindible xa para quen
queira afundirse na identidade de Ramón
Otero Pedrayo, remexer nas súas raíces pero sobre todo percorrer esas pólas
feitas troncos nas que, ao longo do século XX, non foron poucos os que se
colgaron delas non só para facer o seu propio discurso, senón para nutrirse
dunha xigantesca figura que chegou a moitos dos terreos precisos para que unha
terra desenvolvese o seu potencial social, cultural e humano. Unhas raíces
chantadas firmemente nesa Casa Grande de
Trasalba fortaleza de galeguidade que a carón da Casa Museo de Rosalía de Castro compoñen os pés graníticos de dous
séculos de galeguidade, a do XIX do Rexurdimento e a do XX desa xeración Nós
que encarnou a necesidade dun pobo desperto e renovado dende o zume nutricio da
cultura dun país, sen medos ao exterior e sobre todo, xuntando ombreiro con ombreiro
con calquera outra realidade nacional.
Atinou a Editorial Galaxia, da que el mesmo foi fundador en 1950, con este
volumen, sobre todo polo plantexamento do mesmo ao facer de ‘Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía
(1888-1976)’ unha leira ben arada, chea de regos que amosan por onde levou,
co seu forte carácter e as ideas ben clariñas, sen sucumbir en ningún momento a
cousas que lle podían favorecer en tempos complexos, pero que significarían
torcer eses regos, e aquí todo está ben dereitiño. E se había que refuxiarse en
Trasalba a esperar que todo mudase, agochábase un nese templo no que aínda
hoxe, grazas ao labor da Fundación que leva o seu nome, mantense vivo ese
espírito seu.
A obra, posta en marcha dende a Fundación Otero Pedrayo, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, coordinada dende a
editorial e construída e redactada por Patricia
Arias e Alfonso Monxardín,
permite artellar ese itinerario vital no que se recolle moito do que foi a
Galicia cultural do século XX, dende as Irmandades
da Fala, o Seminario de Estudos
Galegos, a Xeración Nós, o
estímulo da República, as esperanzas do Estatuto de Autonomía, a miseria da
Guerra, o exilio interior, a conexión coa emigración de Bos Aires, Castelao, o
alento do galeguismo baixo a noite de pedra, a docencia e as penurias
económicas. En definitiva, toda unha paisaxe envolta nun corpachón e unha mente
chea de cousas por facer, aínda que os anos se fosen xuntando un enriba dos
outros. E todo ese devir o libro amósao dun xeito distendido sen caer no
aburrimento ou en profundidades recelosas para o lector que ademais non deixa
de gozar coa cantidade de material que acompaña aos textos, documentación
abondosa e unha chea de fotografías nas que non só recoñecemos ao protagonista
do libro, senón tamén a todo un país que tivo en diferentes actores aos
protagonistas dun escenario que non sempre era o mellor para contar nun libro.
Pero foron eles, precisamemente eles, con seus fíos tecidos entre as vilas
galegas nas que aínda mandaba máis a pedra co cemento, ou cruzando o Atlántico,
os que compuxeron e lle deron forma a un país necesitado de latexar a un
ritmo diferente ao que se lle quería impoñer.
O libro está cheo de momentos que
reflicten a importancia do personaxe, xa non só pola súa extensísima obra que recollía
auga de manciais como os da novela, o relato breve, o ensaio, a investigación
histórica, a xeografía, o xornalismo literario, as guías de viaxes, a crítica
de arte, as cartas ou a poesía... senón polo que arrastraba a súa figura ao
entrar en contacto con xentes e institucións. Once anos estivo privado de
impartir clases en Ourense,
expedientado trala Guerra Civil, nunca solicitou o seu reingreso no corpo de
profesores, «nunca pedira que lle quitasen o traballo, así que no pensaba pedir
que llo devolvesen». O seu amigo Filgueira
Valverde que foi na súa axuda en varias ocasións, nunha delas ofertoulle a
Cátedra vacante de Historia que había en Pontevedra, só pedíndolle que
escribise unha carta privada solicitando o posto, sen ser necesaria unha solicitude
oficial. Otero Pedrayo respostou: «Pois ista man miña tén gota, reúma e
perlesía para lle escribir ao Ministro (...)». Emocionante tamén o seu
rencontro co seu ‘irmán Daniel’ en Bos
Aires, en 1947, aquel Castelao do que se despediu sabendo que xa o non o
voltaría a ver máis, aquel Castelao que «non se atreve a ver saír barcos para
Galicia e que non perdeu o humor, pero que cree co enterrarán en Bos Aires». Os
fitos arredor da lingua que ese si que era o zume que o percorría por dentro.
Fixo o primeiro discurso público en lingua galega despois da Guerra, en 1949,
co gallo do centenario do nacemento de Valentín
Lamas Carvajal. Na súa xubilación, en 1958, da Universidade, levou o galego
á súa conferencia de despedida e tamén á Catedral de Santiago de Compostela que, nos actos de celebración do seu 80
cumpleanos, en 1968, viu como alí se oficiaba a primeira misa en galego. e que
no seu leito de morte, na visita dun ministro de Educación díxolle aquilo de:
«Salve el griego, señor ministro, salve el griego».
Publicado en Diario de Pontevedra 15/08/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario