sábado, 23 de abril de 2016

Estar é ser

 «Os cavalos da cavalería é que formam a cavalería. Sem as montadas, os cavaleiros seriam peões. O lugar é que faz a localidade. Estar é ser.»
[‘ABC de Fernando Pessoa’.
Livros d’hoje]



Estar, ser. Dúas das condicións que nos definen como seres humanos. Podemos decidir onde estar, podemos mudar o noso lugar no mundo, plantexarnos, segundo as nosas preferenzas, ou os ditados da vida, o espazo físico dende o que relacionarnos coa nosa contorna. Fronte ao estar o ser ten esa connotación persoal, alude ao noso interior, á construción do eu máis íntimo, a unha acumulación de experiencias que nos van configurando ao longo do tempo como seres humanos.
Raquel Calviño móvese coa súa cámara entre eses dous verbos, entre o estar e o ser. O estar nun lugar para ollar ao ser. O establecemento físico dende o que pescudar, dun xeito silente, como os seres humanos se moven e relacionan co seu hábitat. A nosa protagonista convértese, trala súa cámara, nunha cazadora desas presenzas que inundan as nosas cidades e que extrae do anonimato urbano para convertelas en protagonistas das súas fotografías. Unhas imaxes que teñen a capacidade de conxelar un instante e de facernos partícipes desa mirada, converténdonos, a nós mesmos, en parte desa visión.
Nesta ocasión ese labor céntrase nun dos refuxios favoritos da fotógrafa, a cidade de Oporto, mestura de decadencia e modernidade que se traslada a unhas rúas cheas de vida nas que unha abraiante mixtión de xentes convoca a nosa mirada ante o espectáculo da vida urbana diaria. Unha vida rutinaria que moitas veces nos pasa desapercibida, pero que, cando a fixamos ante nós, acada unha chea de novas significacións, non só polas presenzas, senón tamén polas ausencias, os rastros daqueles que acaban de pasar por alí, os que veñen de deixar unha pegada coa que tamén se constrúe o estar e o ser dos que falaba Fernando Pessoa e que agora Raquel Calviño leva ao estar cunha cámara, ao ser cunha cámara.
Amosar esta exposición no Café Savoy é tamén unha sorte de diálogo coa cidade, non só con Oporto, senón tamén con Pontevedra. Todas as cidades teñen as súas vidas, as súas presenzas pendentes de ser conxeladas. Teñen os seus nenos xogando cun globo laranxa, as súas pombas bicando entre os pés dos camiñantes, parellas falando entre si, xentes que van e veñen como autómatas. Poucos espazos máis acaídos para ver a vida dunha cidade co Savoy, un paraíso para o voyeur que precisa desas fiestras abertas ao gran espectáculo do mundo para gozar de todo aquilo que acontece ao noso arredor. As pegadas dos protagonistas das fotografías lusas de Raquel Calviño están tamén fora do café, atópanse na praza da Ferraría. Só hai que permanecer uns segundiños ante esas xanelas para ver a súa correspondencia local e tamén para, tal e como fixo Raquel Calviño, captar esas existencias, saber estar fronte ao ser. 
O Café Savoy, entre as súas moitas utilidades terapéuticas, ademais de que Juan José Esperón lea este artigo á primeira hora do sábado e o suba ás redes prolongando ese xogo de dentro e fóra, ten o de ser un pequeniño xérmolo de cultura. Exposicións, concertos de jazz, taboleiros de xadrez... ata espontáneas clases de inglés salpican as súas mañás entre biscoito e o arrecendo do café. E libros, por suposto, libros cun pode coller dun andel co que poder completar esa dicotomía entre interior e exterior, libros que hoxe festexan o seu día, que fan do 23 de abril un dos días máis fermosos dun abril que é todo emocións.

Visiten os cafés, paseen pola súa cidade pero entren nunha libraría e merquen un libro. Eses libros, como as fotografías de Raquel Calviño ou as fiestras do Savoy son pasaxes á vida. Carreiros polos que un se move só, coñecéndose a si mesmo, e que lle permiten, ao chegar ao final, saber moito dos demais. Fagan a proba e escollan, deixense aconsellar polos nosos libreiros, que temos moitos e moi bos e xenerosos. Eu déixolles unha recomendación, unha novidade que serve para pechar este artigo sobre unha exposición de fotografías e un café que homenaxean á vida e ás vidas, un escritor de moitas existencias, un escritor de contrastes, un escritor que son moitos escritores, un desasosego implacábel, alguén a quen nunca coñeceremos de todo, Fernando Pessoa, e ao que podemos achegarnos coa edición máis completa dos seus ‘Cuentos’ recén publicada por Páginas de Espuma. Contos para cando estar é ser.


Publicado no Diario de Pontevedra 23/04/2016
Fotografía. Rafa Fariña

Ningún comentario:

Publicar un comentario