mércores, 27 de abril de 2016

"Necesitamos unha paisaxe propia"

Rue Saint-Antoine nº 170
ENCONTROS NA CREACIÓN. Foron mestre e alumna, e agora son colegas no mundo da escrita. Xesús Constela e Tamara Andrés reúnense na biblioteca do Instituto de Poio para falar sobre o seu contacto no eido da educación e sobre as súas obras literarias recentemente saídas do prelo. Novela e poesía que procuran atopar a súa identidade



UN DÍA calquera na vida dun Instituto. Xesús Constela (Ferrol, 1963), profesor de Inglés, non deixa de pensar na inesquecíbel experiencia vivida o día anterior ao acompañar a un grupo de alumnos do Instituto de Poio, pertencentes a un clube de lectura, ata Catoira, onde alumnos do instituto, integrantes doutro clube de lectura, esperaban aos de Poio na estación do ferrocarril cunha pancarta de benvida nas mans. Cincuenta e un rapaces falando das súas lecturas, pero tamén dos seus desexos de ser escritor. Aínda queda esperanza. Tamara Andrés (Combarro, 1992) aparece polo corredor cun ramo de flores, hoxe despídese das prácticas como profesora de francés no Instituto no que se formou.
Os anos bótanse enrriba e quenes compartiron aulas dende a posición de profesor e de alumna, agora comparten o claustro de profesores, pero tamén, unha das súas paixóns, a escrita. Xesús Constela, xa asentado como unha das voces máis solventes da nosa narrativa chega cunha nova novela baixo o brazo, ‘A rotura das paisaxes’, editada por Xerais, e que será presentada o vindeiro xoves no Museo de Pontevedra; mentres, Tamara Andrés, aínda segue pendurada do seu soño de ser escritora, e o fai firmemente suxeita a un poemario de fortes alicerces na infancia editado por Medulia, ‘Nenaespiraes’. 
Como é a convivencia do escritor co Instituto?
Xesús Constela: Eu teño unha relación de amor odio co centro. O que máis me gusta é o contacto cos adolescentes, xente moito máis nova ca min que me fascina. Ofrécenche unha visión da realidade totalmente distinta a túa.Moitas veces fanche preguntas, non só sobre a asignatura, senón sobre a propia vida que te deixan descolocado e te fan pensar.
Experiencias que serven de nutrintes para o eido literario?
X.C: Claro, claro. son enormemente enriquecedoras. Non é que apareza nun libro reflectida esa situación, pero si esa idea, e te leva a plantexarte cousas que nunca te plantexarías a ti mesmo.E aínda son máis ricas cando saes da rutina do instituto, cando fas actividades fora do centro. Nós, neste instituto viaxamos moito. Nós mesmos, Tamara e eu, coincidimos en diferentes viaxes, ver como responden perfectamente todos os rapaces, que non hai problema algún, e que cando pasan as xeracións aprendes cousas moi distintas porque aínda que visitemos os mesmos sitios os alumnos son diferentes.
Vitrina con libros asinados polos seus autores na biblioteca

Como alumna, Tamara, como cre que influiu ese ambiente do centro en que se decantase pola escrita?
Tamara Andrés: Pois mira, xa que estamos falando de Xesús, el si que introduce a literatura nas aulas, aínda que non fale de literatura.
X. C.: A mín encataríame ser profesor de literatura.
T.A.: Si que é certo que falas de moitas historias, tamén dos teus libros, e iso ao longo eu creo que si cala no alumno. Sempre contas anécdotas. Tes moi claro que o docente no só ensina contidos teóricos en inglés, transmitías a vida desas historias na aula.
X.C: Sabes que pasa, a min encántame viaxar, cando aparece algo nun texto en inglés que a min me suxire algunha cousa fago como unha paréntese e introduzco algunha historia na clase. Date conta que como adultos temos moitas máis experiencia e anécdotas, e ante nós temos uns rapaces de trece ou catorce anos nun centro rural onde non todo o mundo ten moitos recursos e nas súas casas non houbo esa inquedanza por amosarlles cousas, e as veces len temas nos libros que non manexan e pérdense. Por exemplo, hoxe mesmo, púxenlle, porque nos sobraban cinco minutos, e tendo acceso a Youtube nas aulas, agora temos moitas posibilidades, é fascinante, pois púxenlle, ‘The big bang theory’  con Sheldon Cooper, en inglés, subtitulado. Pois quedaron calados completamente, moi interesados, pero un dime porque non nos poñes ‘La que se avecina’, e entón o que quero dicir é que hai que amosarlles que hai máis mundo daquelo que manexan habitualmente.
Como mestre, Xesús, e falando de Tamara, e tamén con outros mestres do claustro, recoñecíase a posibilidade dunha futura escritora?
X.C: Si, ela foi unha alumna que nunca deu ningún problema, sempre moi colaboradora en todo. Ela estudou traducción. sempre foi moi boa en linguas e fora do inglés sempre amosaba inquietudes, preguntaba cousas. Pode ser algo xenético, porque a súa irmá vai polo mesmo camiño.
T.A.: Dende moi nova participei en concursos, e dende ben pequeniña xa escribía poemas moi sinxelos.
X.C: Pero eso non o debes perder nunca, eso son tesouros absolutos. Eu supoño que detrás de todas as cousas que se escriben ou que se pintan, hai unha sensibilidade especial, ese pretender ver algo que ao mellor outros non ven.
Supoño que para un profesor ver cun alumno acada un camiño no mundo da escrita é un orgullo?
X.C: Por suposto. De feito o maior orgullo foi que eu lle presentei o seu primeiro libro ‘A mentalista’ en Pontevedra, e foi algo inesquecíbel, pensar que estaba sucedendo iso. E temos o recordo que comentamos que na cartela diante dela puxéronlle o seu nome e debaixo ‘escritora’.
T.A.: Eu as teño gardadas. Impresionoume, dixen, xa me consideran unha escritora.
X.C.: Pois vaite acostumando, díxenlle. Porque isto non fixo máis que comezar. Eu estou convencido de que detrás de ‘A mentalista’ou ‘Nenaespirais’ virán moitas máis obras, e sobre todo pola súa determinación. Non é iso casual  de dicir ‘mira a nena escribiu un poema’.
T.A.: Eu a raíz diso que preguntas quero dicir que hai moitos rapaces que escriben. Non que o mostren, pero si que o fan. Eu coñezo a moitos e é algo que me chama moito a atención. Nas miñas xeracións non se escribía tanto.
Unha defensa polo tanto da xente nova de hoxe
X.C: Si, é certo que se falan pestes das novas xeracións, pero non é verdade. É verdade o que sae na televisión, ese casos truculentos, e moi espectaculares. Pero iso non é representativo. Eu por exemplo teño entre os meus rapaces, nos cursos de terceiro de ESO nenos con moitos potenciais dende diferentes planos: cultural, coñecementos, lecturas, deportes... Onte en Catoira, eran 51 rapaces e preguntei cantos escribían, e tres, cunha gran determinación dixéronme que eles escribían, e tiñan moi claro o que querían facer.
Tamara Andrés e Xesús Constela na biblioteca do IES Poio
Falando xa máis do literario. A Xesús Constela que é o que máis lle preocupa acadar coa escrita?
Eu teño moi claro que a miña teima é por buscar unha voz propia. E creo que o estou acadando. Quero que alguén colla un texto meu e diga isto é de Xesús Constela, creo que é o mellor, como cando ves un cadro de Van Gogh ou Zurbarán, que enseguida os recoñeces. Eu traballo iso realmente, por exemplo, cos diálogos, que é algo que me gusta moito manexar, nesta novela quixen espilo totalmente con dous personaxes que falan constantemente sen eu meterme polo medio. Quero que o lector sinta as cousas sen que eu lle teña que contar nada. Como si estivese a escoitar unha conversación entre dous personaxes sin que eu interveña. Teño dúas asignaturas pendientes, unha esa, a min non me gustan os autores que un día sacan un libro dun tipo, e outro día doutro; e a outra é que tódalas cousas que escribín están ubicadas nun lugar que nunca se describe, que non ten unha localización concreta e quero que siga así.
Con este libro estou moi contento porque é volver ao principio de todo, ‘As humanas proporcións’, un libro que escribín libre totalmente e despois sempre estás pendentes das vendas, dalgún premio...este non vai para aí, é un exercicio literario puro e duro do que estou moi satisfeito.
E vostede, Tamara, neste momento iniciático cal é a súa maior preocupación?
T.A.: A mon o que máis preocupou era que eu considerábame distinta ao que había na literatura galega en xeral, ou no caso da poesía, á liña que había dentro desa poesía galega, sobre todo nos rapaces coma min. Ahora preocúpame un pouco menos, si o de atopar unha voz poética propia, pero iso creo que é algo que se irá artellando co tempo. Un exercicio a longo prazo.
X.C.: Ainda estou eu niso. Eu sempre o comparo coa pintura que é moito máis visual. Picasso é unha persoa a que recoñeces, ou Miró, pero que comezaron pintando paisaxes, e foron evolucionando. A paisaxe foi por aí. Necesitamos unha paisaxe propia.
No poemario, Tamara, sorpréndeme que sendo tan nova haxa un interese moi claro pola volta á infancia, cando aínda é moi nova
T.A.: Eu son moi nova, pero sei que tiven moitas experiencias distintas que dalgún xeito fixérome madurar moi pronto e quixen voltar a ese inicio. E facelo dende a poesía, como o mellor medio para recuperar esa infancia. Necesitaba da voz poética para facelo.
E vostede, Xesús, inclúe poesía na novela?
X.C.: Si, non o fixera nunca. Escribira poesía, pero noutro plan. Eu envéxolle aos poetas a capacidade para nuns versos explicar o que eu necesito facer en tres páxinas. Os poemas aquí están moi traballados, cun ton surrealista.
A novela é tamén un xogo de realidades literarias?
X.C.: Si, iso vai na liña de procurar unha voz diferente. Hoxe en día na novela hai que experimentar. Nun mundo inmediato, de cousas pequenas, hai que darlle ao lector cousas fragmentarias. Os meus relatos falan todos do mesmo, pero dende diferentes perspectivas alleas á propia novela.
Que é o que máis lle interesa a Xesús Constela do que fai Tamara Andrés?
A capacidade para ver a realidade doutro xeito, sabendo plasmala. Non é unha fotógrafa da realidade, interpretaa.
E a Tamara de Xesús Constela que lle atrae da súa obra?
Dende que o comecei a ler pareceume unha voz diferente dentro da literatura galega. Achega un valor engadido á hora de escribir ao ser unha literatura moi fresca. E ten algo de Amélie  Nothomb, unha autora que me encanta.


Publicado no Diario de Pontevedra 25/04/2016
Fotografías. Gonzalo García


Ningún comentario:

Publicar un comentario