A
madrileña editorial Lata de sal propón, dentro da súa colección Vintage, unha
edición de pequeno formato do clásico ‘Alicia no país das marabillas’,
traducido ao galego. Unha xoia que nos traslada a ese soño cheo de imaxinación
proposto por Lewis Carroll para goce duns lectores que non deixan de medrar
POUCOS
relatos máis fascinantes para o lector como ‘Alicia no país das marabillas’.
Unha desas narracións que se quedan pegadas a alma lectora de cada un dos que
se enfrontan por primeira vez a ese texto. O soño desa Alicia é o
soño de moitos dos que gustan da lectura, daqueles que soñan con outros mundos
abraiantes, con vivir aventuras fascinantes, con atoparse con personaxes
inesquecíbeis e todo iso mantendo unha forte compoñente de inxenuidade.
Un
nunca se cansa de ler as andanzas desa rapaza e así cada nova edición ou
adaptación que se publica do texto escrito por Lewis Carroll é unha boa nova e
unha beizón para os lectores. Máis aínda cando ese material, e este é un dos
máis acaídos para este tipo de edicións, tanto no referido ao relato como ás
súas ilustracións, amósanse en soportes novedosos e moi atraíntes, que non fan
máis que afondar nesa situación de admiración do ideado polo escritor e polas
ilustracións, tamén xa míticas, feitas por John Tenniel, e que aquí amósanse
coloreadas, compoñendo un dos imaxinarios sobre o escrito máis suxerentes da
historia da literatura.
Esta
nova edición chega da man dun deses milagres que o mundo das editoriais nos
achegou nos últimos tempos, nos que pese ao laios sobre a situación do sector,
xurdiron diferentes editoriais que plantexaron camiños novedosos e que
procuraban o seu oco nun eido tan complexo. Lata de sal é unha editorial
madrileña que cuida ata o extremo os seus produtos, e para iso non hai máis que
ver esta edición que semella ter mordido un anaquiño desas setas que tomaba Alicia para
mudar o seu tamaño, xa que mide 9,5x12,2 centímetros, cunhas preciosas tapas
vermellas, como o vestido da propia Alicia, e que nesta edición recupera
ese deseño único de John Tenniel co ese vestido vermello. Un libro non máis
grande que a palma da man, unha xoia que gardar e tamén que acariñar, porque
este libro é un deses libros aos que gusta pasarlles a man por riba e gozar
tanto do seu interior como do propio obxecto en que se converte este exemplar.
Nas
páxinas recupérase a primeira edición orixinal a cor, feita a prezo de bolsillo
en 1907, artellando así un percorrido polos espazos e os encontros máis
senlleiros da imaxinación de Lewis Carroll. Non falla nin o descenso á toba,
nin o mar de bágoas, nin a casa dese coello branco que sempre chega tarde, nin
o té co sombreireiro e a lebre, nin o gato Cheshire, nin a eiruga azul
fumando nunha pipa ou a raíña corta cabezas. Todo iso está dentro dese
pequeniño soño de tamaño, pero fondo, moi fondo nas súas pretensións, capaces
de levarnos outra vez a ese mundo de ilusións.
E se
é moi de alabar este tipo de edicións tamén o é a aposta por facelo en
diferentes linguas: castelán, catalán e galego. Así é como as dúas coleccións
da editorial, unha delas adicada a libros vencellados con gatos, (a quen lle
gusten estes animais gozarán cada un deles pola diversidade con que se pode
afrontar esta literatura), e outra liña é a da publicación de libros clásicos
readaptados a formatos moi suxerentes e diferentes entre si.
Un
deses clásicos é este ‘Alicia no país das marabillas’, non se resistan e
volten a caer por esa toba para entrar nun dos relatos máis engaiolantes da
literatura, apoiense nesas imáxenes e solten a súa imaxinación para acompañar a
esa rapaza que é un pouco de cada un de nós, xa que ese tipo de narracións son
as que nos acubillaron dende pequenos e ás que nunca deberíamos renunciar. Lata
de Sal con esta achega deixa nas nosas mans un anaquiño da nosa infancia, pero
tamén unha xoia coa que gozar e continuar marabillándonos cunha obra que é quen
de reiventarse edición tras edición.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo. 17/04/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario