venres, 28 de outubro de 2016

A arte ilóxica


A retrospectiva sobre a obra de Txomin Badiola no Palacio Velázquez de Madrid amosa a súa anovadora concepción da escultura que, xurdida dende o seu Bilbao natal, e refundada dende a obra de Oteiza, estendéuse pola península como un feito de transgresión.


A PROPOSTA do Museo Reina Sofía de percorrer a obra de Txomin Badiola (Bilbao, 1957) dende os anos oitenta ata hoxe vainos a permitir resituar o papel da escultura dentro da arte actual, e tamén replantexar moitos dos postulados artísticos que, xurdidos dun grupo de experimentación fortemente vencellado ao seu territorio natal, foise extendendo polo eido artístico como un permanente desafío ao establecido, unha análise das formas que rachaba con moitos paradigmas establecidos dende diferentes propostas artísticas para constituirse nun proceso de hibridación de elementos e intereses visuais e conceptuais que singularizan o seu traballo.
Un espazo tan complexo como o do Palacio de Velázquez, no Retiro madrileño, será o escenario no que Txomin Badiola reformule a súa obra que certamente ten moito de escenografía, de impacto formulado arredor dunha exuberante ilóxica do obxecto, desa escultura entendida como un todo e como parte dun proceso sempre en permanente proceso de dúbida que non fai máis que prolongar esas incertezas ao espectador dende a dialéctica de desmontar aquilo que se percibe como visible. Nesa praxe da mala forma (permítaseme a expresión), ou cando menos da forma en continua discusión é na que se inxire todo un debate sobre a propia obra de arte a través dun diálogo plantexado entre as súas propias obras, escollidas por diferentes artistas do seu círculo que decidiron qué traballos poderían formar parte da mostra. Xérase deste xeito unha exposición que desterra calquera liña cronolóxica, pese a súa pretendida conformación biográfica ou autobiográfica, e propón unha lea de referencias que se van cruzando entre si, con saltos no tempo, con pescudas arredor da súa orixe e co permanente debate sobre as súas diferentes formulacións visuais.
Esa confrontación entre artistas é moi importante dentro do proceso teórico da arte para Txomin Badiola, «Non hai máis autoridade moral que a de outro artista», era a provocadora frase coa que nun principio pensou titular o artista a exposición e que lle revela a Bea Espejo nunha entrevista no ‘Cultural’, coa que buscaba reflectir ese momento de humildade e de reflexión do artista no seu estudo na procura da súa liña propia, afastándose de imposicións sociais ou modas temporais que pervirtan a súa linguaxe. O titulo finalmente mudou e quedouse en ‘Otro Family Plot’, aludindo ao nome dunha peza esencial na súa traxectoria ‘Family Plot’ e que centra a exposición, pero tamén referencia a esa familia que o rodea xunto á familia artística que xa vemos é decisiva na configuración desta exposición antolóxica.
En Txomin Badiola, e na súa obra, dase esa condición enriquecedora que xorde da súa teorización artística como profesor da Facultade de Belas Artes de Bilbao, na que el mesmo se formou, tamén como autor da catalogación da obra de Jorge Oteiza-fundamental en moitos dos postulados do seu traballo- e como comisario de diferentes exposicións. Compoñentes que lle outorgan á mostra o valor engadido dese proceso reflexivo que vai máis alá da individualidade do artista e penetra no que poden ser as propias condicións da escultura.
Obras fotográficas, debuxos, pezas escultóricas ou instalacións multimedia, producidas dende aqueles anos oitenta, nos que comezou case todo neste país, exhibiranse ata o 26 de febreiro nun percorrido que nos porá diante dunha das reflexións sobre o artista (en senso amplo) e a súa obra máis interesantes e particulares das últimas décadas. Un xeito de enfrontarse cara a cara a un proceso rupturista e rexenerador onde todo xorde dunha arte ilóxica, allea a calquera delimitación previa das súas posibilidades e sempre pendente de formar parte da liberdade creativa e da defensa do eu fronte á sociedade e as súa capacidade para restrinxila.




Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 2/10/2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario