martes, 11 de abril de 2017

A emoción da palabra sobre a pedra

Rue Saint-Antoine nº 170
Literatura. O Festival Internacional de Poesía Pontepoética sumou, ás súas habituais emocións, o son da poesía xogando coa pedra. O cómo a palabra acariña o paso do tempo e cómo os privilexiados asistentes sentiron a pel tremer cando esas palabras se fundiron co pouso da historia, nun recinto con infindas posibilidades aínda por explorar.


FORON OS POETAS. Foron eles os que unha vez máis conmoveron ás pedras, os que converteron o silencio en alborozo, os que dende a capacidade inquebrantábel da palabra beliscaron a pel dos que se achegaron ás ruinas de San Domingos para gozar dun deses eventos que quedarán na lembranza, cando a poesía abriu as fiestras do tempo.
Cando en agosto de 2008 Carlos Oroza deixou a súa chamánica pegada entre esas mesmas pedras con un recital inesquecíbel, a poesía descubriu o potencial desta arquitectura para aumentar as emocións antes escritas. Un altavoz co que o tempo nos agasallou pero ao que aínda non se lle sacou toda a súa rendabilidade como escenario para diferentes manifestacións culturais. Foron os poetas os que dentro da primeira xornada do Festival de Poesía Pontepoética sentiron o acubillo dun espazo máxico, inesperado e sorprendente. Nese berce da historia as diferentes linguas que alí soaron, dende o galego ao islandés, pasando polo español, catalán ou polaco, arrolaron entre sartegos e oxivas os seus versos para medirse co mundo. Case nada, pero aí é onde se mide a poesía, dende o eu cara a súa contorna, entendida sempre como desculpa para mirar máis aló. Porque a poesía tende á expansión, a abranguer moito máis do que ten ao seu arredor.
Cando os poetas da primeira xornada de Pontepoética se puxeron ante o micrófono, abriron os seus poemarios e comezaron a recitar, escenario e palabra formaron un todo que deixa o listón moi alto de cara a sucesivas edicións deste festival que da man do Concello de Pontevedra e o Ateneo de Pontevedra convértese nun milagre da palabra que agroma primavera tras primavera. Beizóns a Yolanda Castaño por argallar algo tan fermoso, parabéns a todos os que puxan por un festival xa consolidado e grazas aos que permitiron abrir estas ruinas do Museo de Pontevedra, para acubillar a poesía. Para facela inzar entre os silencios da historia e para que un poeta arxentino sentise a presenza dos seus antepasados a través da emoción ou para que unha nai tente o que é a sucesiva separación dun fillo dende o mesmo parto.
Tanto Andrés Neuman como Berta Dávila fixeron das súas poesías unha única voz da experiencia, unha redimensión da súa intimidade exposta ante os demais a través dese fío arame que todo o soporta como é a palabra. A polaca Grazyna Wojcieszko colleu o relevo para enfrontarmos a outra sonoridade, a un eco diferente entre a pedra pero no que tamén se percibía esa intencionalidade por achegarse ao que nos rodea. Antón Lopo, fixo resoar aquelas voces de Carlos Oroza que quedaron penduradas desas pedras. A súa interpretación, o carácter performático do seu traballo, sitúao nesa poesía que xorde da oralidade, do mutante da memoria que fuxe do papel para cinguirse á vida. Mireia Calafell, Cesáreo Sánchez e Sijón, puxeron o remate a unha xornada inaugural que xa sempre quedará fixada na nosa mente como a do día no que a poesía, como enredadeira, agromou por un chan e unhas paredes das que penso non vai querer fuxir máis.
Pero a poesía seguiu e o Teatro Principal converteuse de novo na cova na que seguir ondeando esa bandeira que case semella unha bandeira pirata, polo que ten de desafío á sociedade. Facer poesía hoxe é aventurarse ante o imprevisíbel, moverse por mares embravecidos non sempre correspondidos, pero Pontevedra sempre foi bo porto de abrigo, e agora, dende Pontepoética, converteuse en porto da poesía no que cada primavera abarloan os máis fermosos navíos e que dende este ano ten  na súa causa as pedras dominicas, resistentes a tremores de terra, tamén ao desprezo do home que case as derruba, pero agora si respectadas como parte de nós mesmos. Ogallá cheguen moitos máis recitais, ogallá haxa máis concertos que fagan que palabra e música invadan ese espazo único para convidar ao público a enchouparse de cultura. Pontepoética acadou un chanzo máis, un elo nunha cadea de palabras e emocións á que agora hai que sumarlle a pedra, a nosa pedra.



Publicado no Diario de Pontevedra 10/04/2017
Fotografía. Rafa Fariña

Ningún comentario:

Publicar un comentario