venres, 21 de abril de 2017

As batallas das Ardenas

Un instante da Amstel Gold Race
Xa sei que esta é unha mala semana para non falar de fútbol, para seguir enchendo o ego e a vaidade das superpotencias do balón ante as que se axeonlla todo o orbe deportivo, dende seguidores ata os medios de comunicación. Pero é que en abril, e de xeito máis concreto nesta semana, cando se corren as tres carreiras das Ardenas, outro deporte vive unha das súas semanas máis descomunais, amosando, unha vez máis, como o ciclismo é unha disclipina diferente a calquera outra.
Abril é o mes das clásicas do Norte de Europa, carreiras dun día que cruzan territorios onde o ciclismo é unha especie de relixión, nas que os días de carreira convértense nunha festa deportiva, pero tamén social, e nas que, sobre todo, idolátrase ao corredor como parte dun deporte cheo de dureza, esforzos e sacrificios como poucos. Os cartos e as mareantes, e tantas veces vergoñosas, cifras económicas que se moven noutros deportes quedan á beira da estrada, pero tamén das corredoiras, dos tramos de pavés ou de pendentes de máis dun vinte por cento de desnivel. E é que estes territorios convértense nun ingrediente diferenciador destas carreiras dun só día. Distancias de máis de douscentos quilómetros de lonxitude que se corren a unha velocidade de vertixe sobre superficies do máis diversas e que fan que o espectáculo medre ao tempo que o fan a dureza e a complexidade das mesmas. Ver aos corredores pasando polas marxes dunha corredoira, tentando esquivar os cantos de pedra que forman a estrada e as herbas que medran nas cunetas, é parte das estampas que definen estas carreiras, ás que as veces e de xeito bastante frecuente se lles engade outra convidada, a lama. Entón, as facianas e os corpos dos ciclistas ao remate das mesmas deixan imaxes que doen só con velas e que poñen aos guapiños do fútbol, sempre preocupados das cámaras, en moi mal lugar. 
Para os que non pasamos do ciclismo nunha sala de spinning e vendo como rematamos tras 45 minutos de exercicio, só imaxinar o que se debe pasar ao longo das seis horas e media que necesitou o pasado domingo o gañador da Amstel Gold Race, Philippe Gilbert, para cubrir os 246 quilómetros da primera das tres probas que se disputan nas Ardenas ao longo deste mes, xa fai tremer o corpo. Hoxe toca a segunda, a Flecha Valona, onde reina o español Alejandro Valverde ao vencer xa en catro edicións e presentarse como favorito para acadar un quinto triunfo. Estamos ante carreiras que son monumentos do ciclismo, algunhas delas con máis de cen anos de historia e historias, porque se algo xorde nestas probas son as historias que se lle van apegando a cada unha delas ata convertelas en percorridos míticos. Catro delas xa son coñecidas así, como Monumentos, como a única que se celebra fóra desa xeografía, a Milán-San Remo, ou o Tour de Flandes, a París-Roubaix e a Lieja-Bastoña-Lieja. Esta última proba, que se celebrará o vindeiro domingo, pecha o Tríptico das Ardenas. Tres carreiras que sitúan o ciclismo no cume do deporte e ás que esta semana lles toca competir coa atención máxima que se lle presta ás eliminatorias da Champions ou o Clásico Real Madrid-Barcelona, que se xogará o domingo coa Liga en xogo. Dous deportes aos que o calendario quixo poñer a carón e nos que a loita mediática xa se da por perdida por parte dos ciclistas, pero no que o valor que se contén na pureza do deporte manterase irredutíbel polas estradas dunhas Ardenas ás que a historia converteu nun dos escenarios máis sanguentos da Segunda Guerra Mundial e que agora asisten a outro tipo de batallas, de estratexias dende os coches dos directores ciclistas, pero sobre todo, de deportistas acoplados ás súas máquinas compoñendo un todo movido por unhas pernas de ferro e un corazón a proba de bombas. Un esforzo extremo que nos reconcilia co deporte, cun deporte que, tras sufrir momentos moi duros por culpa dos tramposos que ían precisamente contra toda esa historia de décadas de suor, suxéitase ao seu fiel compromiso coa súa longa crónica de dureza para reivindicarse.
Ao longo destes días ten ben con que facelo, tres carreiras de máis de 200 quilómetros, cheas de muros con brutais porcentaxes de desnivel e co desexo máximo dos seus participantes por gañar, co que iso implica en canto a velocidades e loitas entre todos eles. Gañar algunha destas probas é pasar a formar parte da historia, poñer o seu nome ao lado dos máis grandes do ciclismo, como Merckx, Hinault, Boonen, Cancellara ou Gilbert. Especialistas de onte e de hoxe neste tipo de probas e cuns ingresos moi inferiores aos dos grandes futbolistas, un desequilibrio que ninguén máis cós afeccionados pode chegar a corrixir. Lémbrense deles esta semana!


Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 21/04/2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario