mércores, 5 de abril de 2017

Un cadro que é un mundo

Rue Saint-Antoine nº 170
Pintura. Agasallada o sábado na súa vila natal de Viveiro, Maruja Mallo, a muller á que a Real Academia Galega de Belas Artes adica todo un ano de actividades, conformou, ao longo da súa vida, unha traxectoria que sitúa a súa pintura no máis alto da nosa arte. O Museo de Pontevedra custodia un único cadro seu, pero un cadro que é todo un mundo.


Hai cadros que xustifican a visita a un Museo, cadros que lle dan sentido a toda unha colección, cadros sen os que a súa presencia converteríase en eivas para coñecer a nosa pintura. Con só colocarse uns segundos fronte ao cadro de Maruja Mallo (Viveiro, 1902-Madrid, 1995), ‘Cabeza de negra’ que colga dunha das paredes do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, un pouco bota de menos a presenza de máis pezas da artista galega, e entende como un único cadro pode reflectir toda a pintura dunha artista. Esa mirada de muller que te suxeita pola lapela e case te ergue do chan ponte fronte a unha artista que, a estas alturas da súa traxectoria, en 1946, estaba en pleno apoxeo da súa pintura e que se atopaba en Sudamérica tras fuxir da Guerra Civil descubrindo un novo mundo que pintar, un novo territorio de razas, cores e texturas cos que darlle un novo pulo a unha pintura que viña de facer dos esqueletes e cementerios o chanzo posterior as verbenas, isto é, o tránsito da ledicia que se esgotaba cos felices anos vinte e as sombras que comezaban a intuírse na atmosfera política e social de España.
O 9 de febreiro de 1937 Maruja Mallo chega ao porto de Bos Aires procedente de Lisboa, no comezo dun longo exilio que rematará en 1961. Un mundo quedaba na península, o do horror e a morte de moitos dos seus amigos cos que compuxo unha das paisaxes creativas máis importantes de España, a dunha modernidade e unha vangarda que loitaba por achegarse á Europa, por quitarlle a este país esa cobertura rancia que o condeou durante tanto tempo ao atraso. Ela, muller, fixo de Madrid un campo aberto para explorar a súa liberdade persoal. Estudante de Belas Artes, amante de poetas como Alberti ou Miguel Hernández, trangresora, desafiante, enérxica. A ela se achegaron Ramón Gómez de la Serna e Ortega e Gasset admirados polo seu talento e o seu xeito de medirse con aquela España. Pois todo iso quedou nun baúl baixo as bombas e a fame e ela chegou a un territorio calmo que deseguida a conquistou grazas ao ambiente cultural de Bos Aires, a presencia de Pablo Neruda ao cal foi a visitar para mergullarse en poesía e en algas, pero tamén unha luminosidade e unha terra cunha forza da natureza e da sensualidade dos corpos nunca vista antes.
A súa pintura dos anos corenta e cincuenta abandona aquela realidade social previa e mergúllase en motivos naturais, cunchas, estrelas de mar ou rostros de indíxenas dende un punto de vista de fonda raigame xeométrica, claramente debedora doutro pintor sudamericano que xa coñecera en Europa, Torres García. Esa vitalidade do novo territorio trasládase a unhas pinturas cheas de beleza, de proporción, de harmonía e equilibrio. Entre 1941 e 1944 pasa os veráns en Punta del Este, pinta as súas famosas máscaras. Un paso previo aos seus retratos de mulleres realizados entre 1946 e 1951, toda unha toma de conciencia en feminino da muller e os potenciais do que eran unhas novas etnias para ela que se podían entender como novas facianas para un novo mundo. Figuras de fronte ou de perfil que fuxen da súa condición de retrato para entenderse como facianas dunha raza.
O 5 de maio de 2000 aparece anotado no libro ‘75 obras para 75 anos’ do Museo de Pontevedra como a data de entrada nos fondos do Museo de Pontevedra desta ‘Cabeza de negra’, que se firma en 1946 e cunhas medidas de 56,5x46,5 cm. Un óleo sobre lenzo que formou parte dunha compra efectuada na viguesa Galería Montenegro xunto coa ‘Señora do abanico’ de Isaac Díaz Pardo e da que se sabe que pasou por terras mexicanas antes de chegar a Galicia. O cadro, con toda esa forza magnética que xorde da súa mirada, da textura da súa pel, dos grosos beizos vermellos, estivo dende a súa chegada e ata a posta en funcionamento do edificio que o acollle no despacho do director do Museo, Carlos Valle Pérez, quen cada día tiña diante súa unha peza extraordinaria coa que medirse xornada tras xornada e que agora é un baleiro insustiuíbel, que só se pode minguar co a visita ao seu lugar na sala de exposicións dentro do discurso pictórico das vangardas artísticas.
A importancia desta peza queda ben en evidencia ao ser a imaxe escollida para as capas do monumental catálogo que en 2009 reflectiu unha das mellores exposicións sobre a súa obra, a realizada pola Fundación CaixaGalicia en Vigo. Este ano, no que a Real Academia Galega de Belas Artes a elexiu para honrala, poñerse ante esta ‘Cabeza de negra’ é enfrontarse a todo un mundo, físico, pero tamén pictórico.

Algas e Neruda
Maruja Mallo e Neruda retomaron o seu contacto fronte ao Pacífico que chegaba aos pés da Isla Negra: «É posible que as fotografías de Mallo e Neruda na costa se sacaran cerca da casa deste en Isla Negra, na provincia de Valparaíso. Probablemente Maruja aloxouse na casa de Pablo e Delia del Carril, a súa esposa, as tirara, xa que ambas coñecíanse das ‘festas salvaxes’ de Madrid». (‘Maruja Mallo’. S. Mangini).


Publicado no Diario de Pontevedra 3/04/2017



Ningún comentario:

Publicar un comentario