UN GOBERNO que frea a expansión do eucalipto no seu territorio.
Un Goberno que impedirá a plantación de eucaliptos ata o ano 2030. Un Goberno
que tentará substituír a que se converteu na maior especie da súa superficie
forestal por especies como o piñeiro, a sobreira ou o carballo. Ese Goberno non
é o galego. É o Goberno de Portugal. Que fermoso tería sido (que tamén o é,
pero bueno) este primeiro parágrafo se non me referira ao país veciño e si ao
noso. Pero non, aquí seguimos asistindo a unha cada vez maior superficie
forestal adicada á que algúns concellos, como o de Poio, co apoio unánime de
toda a Corporación, xa teñen calificado como especie invasora,
mentres outros moitos miran cara outro lado. Certo é que o tema das palabras e
as declaracións queda moi ben nos artigos, pero o que se precisa son medidas
reguladoras adicadas á protección do noso patrimonio forestal, e refírome,
claro está, ás especies autóctonas propias da nosa terra, construtoras da nosa
paisaxe e da nosa identidade común.
A masiva presenza do eucalipto, tan dependente da especulación
económica do bosque, deixa de lado outro tipo de riqueza contida nas nosas
fragas ou nas superficies de cultivo que están sendo progresivamente
abandonadas polos agricultores, co perigo de verse invadidas polo eucalipto. A
ausencia de confianza no que o noso patrimonio natural pode ofrecer á sociedade
está detrás desta falla de medidas que fagan recuperar moito do que xa se
perdeu en favor desta colonización, que levou a que, dende 1980, en Galicia se
pasara dunha superficie de 141.000 hectáreas ás 248.168 hectáreas de
eucaliptais só nas provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra, o que vén
significar case unha cuarta parte da superficie arborada da comunidade. Outros
datos amplían esa superficie a máis de 370.000 hectáreas. En definitiva,
demasiados eucaliptos para unha terra que dispón dunha variedade de árbores
abraiante capaz de compoñer escenarios prodixiosos afastados da uniformidade
que esta especie achega ás nosas paisaxes. Esta perda da biodiversidade incide
tamén nun maior risco de incendios forestais, na seca dos acuíferos e na
progresiva erosión dos montes, converténdose así o eucalipto nunha
contaminación forestal coa que esta sociedade debería loitar dende tódolos
frentes posíbeis para deter o seu avance, tal e como vén de facer Portugal a
partir das decisións do seu Goberno en base a unha demanda da sociedade.
Recupero unhas palabras do prestixioso naturista Joaquín Araújo,
autor de numerosos libros sobre bosques, que foron pronunciadas en Pontevedra
nunhas xornadas sobre montes veciñais: "O eucalipto é unha metáfora da
suciedade social". Nesa metáfora andamos hoxe, ruborizados tamén cando
escoitamos como dende certos púlpitos as industrias que consomen este tipo de
árbores (é a única xustificación para a súa permanencia) dan leccións de
xestión da natureza, de sustentabilidade, de investimentos en aparentes
cuestións ecolóxicas ou noutros sectores cidadáns empregados como cortina de
fume ante os seus feitos, cando elas mesmas son a orixe da perversidade do
sistema, ao facer do consumo desa madeira o motor económico que esmaga moitas
das nosas capacidades de desenvolvemento. Iniciativas privadas que deberían ter
o seu freo dende a xestión pública preocupada, ou así debería ser, por loitar
por un dos nosos maiores tesouros, eses bosques que levan aquí moitos máis anos
que nós e que merecen o noso respecto e compromiso. Aí teñen o éxito que supuxo
o freo ás intencións para deforestar a Fraga de Catasós, en Lalín, e colocar
entre os seus carballos e castiñeiros centenarios unha liña de alta tensión.
Unha situación que semellaba irreversíbel, pero a loita veciñal e o posterior
apoio das autoridades locais impuxéronse aos intereses especulativos. Outro
exemplo, a corta por parte da Deputación de Pontevedra dos 333 eucaliptos
presentes no recinto do Castelo de Soutomaior, entendida como "un grave
perigo medioambiental". Exemplos que deberían terse en conta no resto de
Galicia para frear ese eucaliptizar ao que semella que estamos abocados.
A principios de ano falábase de que a
Xunta de Galicia, en pleno proceso de desenvolvemento da Lei de Montes,
ultimaba un decreto que por vez primeira prohibiría en Galicia as plantacións
de eucaliptos en determinadas zonas, pero fuxindo dunha prohibición en todo o
territorio ou en calquera circunstancia. Isto é un pasiño, que aínda nin se
chegou a dar e que, comparado co pulo de Portugal na súa Estratégia Nacional
para a Floresta, fala do pouco interese por resolver esta gravísima situación
dun país nun claro deterioro medioambiental.
Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 10/05/2017
Fotografía: Javier Cervera-Mercadillo
A verdade sobre o "decrero anti-eucaliptos" da Xunta. O dito, bágoas de crocodilo...
ResponderEliminarhttp://adega.gal/novas.php?id=596&idioma=gl&sec=116