A posta en valor
da fotografía de Baldomero Pestana converte a súa obra nunha
referencia visual do século XX, sobre todo no retrato de certos
ambientes culturais e sociais de Bos Aires, Lima ou París. Unha
mostra na Cidade da Cultura pon ante nós todo o seu talento.
Poucas situacións na
vida máis fermosas ca da descuberta. O achádego dunha actividade,
obra ou realización cun non coñecía pero que de súpeto aparece
para quedar xa para sempre no noso imaxinario e formar parte de nós.
Isto é o que acontece, polo menos para quen isto escribe, con
Baldomero Pestana (Castroverde, Lugo, 1917-Bascuas, Lugo, 2015) ao
acadar as imaxes de Baldomero Pestana o converterse unha das máis
interesantes propostas da fotografía, que ademias serviron para
deixar constancia de aspectos como a cultura ou a sociedade dos
espazos físicos polos que se moveu.
Este proxecto, levado
adiante dende a Cidade da Cultura e o Instituto Cervantes, e do que
podemos gozar aínda en Compostela ata o 2 de setembro, permite un
amplo enfrontamento co seu traballo, e o recoñecemento do bo
quefacer dos comisarios Chus Villar e Juan Bonillo que, dende a
mostra e o fermoso catálogo que a acompaña, revelan a lúcida
mirada deste fotógrafo que se moveu nun triángulo urbano bulideiro
e cosmpolito como o foron en tempos Bos Aires, Lima e París.
Neses espazos rexistrou
a moitos dos protagonistas da gran literatura sudamericana que
chegaron a ser amigos seus. Todas esas fotografías destilan un forte
magnetismo e o seu creador foi quen de pechar nelas a vitalidade
creativa de xente como Borges, Vargas Llosa, García Marquez, Carlos
Fuentes ou Bryce Echenique por salientar algúns dos retratados,
quizais os máis coñecidos. Eses fíos de amizade levaron a
Baldomero Pestana a un trueque con cada un dos escritores dunha
fotografía, elexida por eles, mentres que ao fotógrafo lle
correspondían cunha desas fotografías da serie adicada cun
autógrafo. Unha espectacular colección que pode ter moi poucas
comparacións no mundo da fotografía e que sería a envexa de
calquera mitómano das letras.
Pero xunto a isto, que
pode funcionar como o máis vistoso e engaiolante do seu traballo,
atopámonos tamén toda unha serie de imaxes que falan do que ten que
facer un fotógrafo alí onde pouse a súa mirada, como é a
captación da vida, o facer dun anaco de realidade unha obra de arte.
E non hai máis que mirar as imaxes que Baldomero Pestana captou en
Bos Aires ou en Lima para darse conta da súa consistencia como
fotógrafo. A realidade, a verdade das súas fotografías son un
documento marabilloso para achegarnos a esar grandes urbes
sudamericanas, pero é que esa verdade é a que soubo tamén
capturar, nunha paisaxe humana e xestual, dende os seus famosos
retratados.
Nenos xogando nun
parque de Bos Aires, a xente camiñando, os ambientes musicais todo
iso xera un ambiente de luces e sombras enfrontadas dunha prodixiosa
escenografía. Miradas emocionantes como as que logra acadar
achegando o obxectivo da súa cámara aos máis desfavorecidos nas
rúas do Perú, así como das poblacións indíxenas propiciando
ademais un rexistro etnográfico de gran forza ao engadirlle ao
aspecto artístico un fondo respecto por eles.
A finais da década do
sesenta Baldomero Pestana instálase en París. Traballa na
fotografía de obras de arte para catálogos e tamén comeza a
desenvolver outra das súas paixóns, o debuxo. Na capital francesa,
plétorica de forzas e emocións, encóntrase con moitos dos seus
amigos escritores, agora si cunha crecente sona no mundo das letras,
aquela que comezaron a forxar cando posaban ante o fotografo lucense
sendo apenas uns descoñecidos. París é un marabilloso escenario
que sumar aos dos países latinoamericanos e así o fai o noso
protagonista. As rúas de París, os cafés ou a música de jazz, que
tanto lle fascinaba, pasarán a ocupar outra boa serie de
fotografías, pero tamén o serán protagonistas cidades como Madrid
ou Lugo en diferentes momentos ata o seu pasamento. Unha noticia que
foi referida por unha das revistas nas que colaborou definíndoo como
‘o fotógrafo que non se daba importancia’. Así foi, pero el
sempre foi consciente da calidade artística da súa mirada e de que
con cada un dos seus disparos a fotografía de Baldomero Pestana
convertíase nun documento artístico e documental de primeiro orde.
Agora podemos gozalo e descubrilo, asegúrolles que xa nunca
esquecerán a un fotógrafo importante.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 22/07/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario