A recente
concesión do Premio Nacional da Crítica a ‘Extraordinario’, de
Antón Lopo, alenta de novo a mirada a un texto engaiolante, no que a
ironía e o humor enguedéllanse cunha trama persoal e familiar que
vai do descubrimento da identidade ao conflito co fogar
A enerxía creativa de
Antón Lopo non deixa de xerar produtos que, aínda non sendo moi
enxeñoso, pódense calificar de extraordinarios. Se a ese milagre
poético que segue a agromar na nosa paisaxe literaria, ‘Chan da
Pólvora, da que é o seu director editorial, sumámoslle a concesión
o pasado ano do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey ao poemario
‘Corpo’. Agora tócalle a súa prosa reivindicar as súas ben
coñecidas e variadas cualidades literarias. Esa prosa chéganos da
man deste texto editado por Galaxia e que vén de recibir o
importante Premio Nacional da Crítica a unha obra en galego.
‘Extraordinario’
que tamén acadou con anterioridade o Premio Narrativa Breve Repsol
2018, parte de elementos xa coñecidos e que están detrás do
quefacer creativo de Antón Lopo, como a procura da liberdade do eu,
a conquista da identidade sexual e como iso se sitúa no centro dunha
sociedade que aínda amosa moitas resistencias fronte as
reivindicacións corporais. A partir de aí o pulo da novela xorde en
como esa situación intégrase nun contexto máis xeral de revisión
da propia vida do protagonista que, ao carón da súa nai enferma, da
que estivo afastado durante un longo tempo, inicia unha viaxe cara o
seu interior para a revisión da infancia e a xuventude. Complexos
espazos de descubrimento e de encaixe das diferentes pulsións
adolescentes e corporais no ámbito familiar, escolar ou de amizades.
Deseguida o escritor
consegue que o lector se adentre na historia, a chegada de Óscar ao
hospital para acompañar a súa nai desencadea unha acción no que o
ámbito familiar revélase como un ecosistema imprevisíbel para cada
un de nós. A familia é unha arañeira pola que todos nos movemos de
diferente maneira fronte as conductas do seus compoñentes. Afectos
ou tensións que condicionan moito do que somos e que aquí
plantéxanse como o aglutinante dese proceso de procura da liberdade
que Óscar, dende o seu proceso de crecemento físico e mental, e que
arrinca ben cedo polas constantes tensións coa súa nai. A
marabillosa caracterización dos personaxes que rodean ao
protagonista convértese nun dos alicerces desta novela que ten esa
capacidade dos bos libros de facerche a pregunta de: e vendo isto que
pasa contigo? É o certo é que o lector non pode deixar de pensar no
seu propio caso, en como son as súas relacións co seu contexto
familiar e como tamén é o protagonista doutro relato máis íntimo
e persoal
A eficacia do autor á
hora de plantexar a narración lévanos tamén ao esbozo do sorriso,
e así non poucos fragmentos do libro fannos botar unha boa risada.
Inocencias da infancia, picardías adolescentes son eses elementos
que lle serven a Antón Lopo para desengraxar momentos nos que se nos
fala de cuestións realmente serias sobre como nos comportamos as
persoas en certas situacións, e sometidos a diferentes cuestións
sociais que adoitamos priorizar sobre os nosos propios desexos ou
sobre o arame dos afectos. E é que esa é a palabra clave de todo
este relato, os afectos, a súa mantenza ao longo do tempo, a súa
perversión dentro do núcleo do fogar, as contaminacións
externas... todo é que de modificalos, de anulalos e ata de
transformalos en diferentes sentimentos que van a ir apegándose
sobre a nosa pel como tatuaxes que mirar cando a vida nos leva por
territorios afastados dese núcleo, desa arañeira, á que cada certo
tempo vémonos obrigados a voltar.
Antón Lopo e
‘Extraordinario’ propoñen esa revisión de nós mesmos dende
unha afouteza literaria e dunha historia da que non é fácil saír
indemne. A vida é un complexo taboleiro no que botar os dados a
xirar e as veces, a escrita é un bo compás para movernos por el.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo. 5/05/2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario