sábado, 30 de decembro de 2023

O paraíso de Atxaga

 

[Ramonismo 179]

Medo, amor e morte actúan como tres parcas nun libro híbrido de experiencias e vida entre presente e pasado



A EDITORA Kalandraka incorpora ao seu vizoso catálogo un novo libro de Bernardo Atxaga (Premio Nacional das Letras Españolas 2019) que se une a títulos emblemáticos do autor vasco como ‘Obabakoak’ ou ‘Sete casas en Francia’, nun proceso de tradución e incorporación ao noso sistema cultural que non pode ser máis feliz polas súas bondades literarias. Se aqueles títulos viñeron a nosa lingua da mán de Ramón Nicolás, desta vez é Isaac Xubín, experto traductor de éuscaro, quen afronta a tarefa de envorcar ao galego ‘Exteriores do paraíso’, que Kalandraka edita, tamén en castelán, dentro do seu recente selo Cuatro lunas.

‘Exteriores do paraíso’ fía unha serie de textos de diversa pelaxe que entre todos reflicten esa liberdade literaria que caracteriza ao seu autor. Unha exploración de formas e contidos que, desta vez, transitan polo conto, a poesía, a escrita de memorias ou mesmo a literatura de viaxe. Unha hibridación que comeza afastándonos dese Paraíso bíblico, despois da primeira gripe de Adán, e que nos abre así todo un universo vital, de emocións, alegrías e tristuras, e que, de manterse en pé aquel Paraíso, non sabemos como sería a vida de todos nós.

A partir desta brincadeira, nos textos de Bernardo Atxaga atopamos esa mestura tan necesaria e que nos reflicte tan ben, que xorde dunha escrita que se suxeita ao que acontece nun contexto humano moi determinado, nun ámbito de tipo rural, no que a oralidade, os mitos, a necesidade de ilustrar ás persoas a través de toda unha serie de relatos cun fondo contido didáctico de claro aproveitamento para a vida, enchoupan unhas narracións nas que de fondo asoman as grandes temáticas humanas: o amor, a morte ou o medo como presenzas eternas, mesmo dende aquela primeira parella que pobou o mundo.

Dous relatos inician o libro, o xa referido á expulsión do Paraíso e o seguinte, no que a natureza acada a relevancia que merece, máis aínda nun contexto como no que vivimos, no que non son poucas as ameazas pola nosa parte cara uns ecosistemas ao que se lles vai mal a nós tamén nos irá mal. Bernardo Atxaga recorre a ese termómetro da nosa contorna natural como son os insectos, neste caso abellas para, como ten feito tantas veces o noso Manuel Rivas (el adoita referirse aos vagalumes), calibrar as repercusións das nosas accións na natureza.

Tras eses textos, Bernardo Atxaga embárcase nunha viaxe por diferentes localidades de Francia para cumprir coas obrigas dun programa de ‘Encontros literarios’ que levan a escrita de diferentes autores a distintos ámbitos. Desta vez Bernardo Atxaga lerá os seus textos ou recitará as súas poesías en recintos tan especiais como dous cárceres, un castelo e unha aldea gala. Toda unha experiencia vital que o autor comparte con todos nós e que lle permite, a partir dos seus propios escritos, establecer novos fíos con lectores non sempre atentos ou interesados polo que el di, pero tamén co pasado, cunha memoria que precisa, co paso dos anos, buscar espazos nos que fixar uns recordos que comezan a esvaecer. Nesas lembranzas podemos atopar novos paraísos, contextos de felicidade que levan a un cura a gozar dun paraíso á porta da súa casa, compartindo unha celebración cos seus fieis e veciños; como paraíso tamén pode ser o que acontece no interior dun cárcere francés ao que se achega para ler poesía ante as caras, ou de satisfacción ou de indiferenza, dos reclusos que asisten a ese recital.

Escribe Bernardo Atxaga o derradeiro dos seus relatos narrando o accidentado devir dunha conferencia sobre a Literatura Vasca que tivo lugar na prisión de Martutene, unha delirante, mesmo surrealista historia, que finaliza case como un resumo de todo o que se agocha neste libro: «Así rematou aquela charla, polos sucos da realidade, sen os adornos aos que é propensa a imaxinación». Realidade e imaxinación, polo tanto, como fíos cos que establecer unha conexión entre o autor e os seus lectores, entre a terra e a natureza, xa que todo aquilo que xorde da inspiración convértese no complemento perfecto para suturar esas fendas ás que a realidade, tan áspera as máis das veces, non é quen de chegar.

Adentrarse nun libro de Bernardo Atxaga ten sempre moito de reconciliación co ser humano, unha excesiva confianza do autor cunha humanidade que non adoita estar á altura, pero que nestes textos sempre amosa, axudado por un humor que xorde da tenrura do cotiá, unha posibilidade de reconciliación. ‘Exteriores do paraíso’, amosa varios deses camiños para atopar ese acougo cómplice co que somos, ou mellor aínda, co que deberiamos ser

 

Publicado na Revista. Diario de Pontevedra 2/12/2023 

Ningún comentario:

Publicar un comentario