luns, 30 de setembro de 2013

Novos valores. Novas esperanzas

Dende esta semana e ata o 27 de outubro o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolle as trinta e oito pezas que conforman este ano a exposición  de Novos Valores. Unha cita que acode ano tras ano a presentar artistas e esperanzas de cara a un futuro onde a arte sexa o proxecto vital de moitos creadores, así como o reflexo dunha sociedade que sempre debe estar atenta ás inquedanzas dos seus artistas, así como á maneira que teñen de achegarse a radiografiar este tempo no que eles e nós estamos inmersos.

 ‘Creciendo entre sueños’ é o título da peza merecedora do segundo premio deste certamen firmada por Ana Mª González García. Un título que nos fala do que realmente se atopa tras esta convocatoria tan relevante a nivel galego, unha cita fixa dende hai moitos anos e que serve de empurrón para moitos creadores. Falamos de medrar entre soños, entre miradas perdidas ao traballo que un mesmo é quen de acadar na procura desa ilusionante conquista dun futuro no que poder dicir que eu son artista.
Cada unha das pezas seleccionadas podería chamarse así, ‘Crecendo entre soños’, xa que os soños se atopan moitas veces tras esas horas de taller, tras as miradas á realidade reinterpretadas polo maxín de cada un deles. Presenciamos así trinta e oito traballos que toman forma dende diferentes disciplinas artísticas. Son as formas que nos falan das experiencias de todos eles e de como senten o feito creativo.
Dende a delicadeza do trazo de María Maquieira ata a poética de Vanessa Díaz, pasando pola fantasía de Miguel Ángel Aguilera, a contundencia pictórica de Arantxa Pardo, o tempo de Aitor Víctor Fernández, a sensualidade de Mª Isabel Alonso ou a beleza proposta por Manuela Elisabet Rodríguez... todas elas son parte desa diversidade que flúe por este tipo de convocatorias. Unha dispersión de sensacións que emerxen nunha mostra que valora moitas compoñentes que engadir ao mero feito creativo.
Unhas veces con máis ou menos fortuna por parte de creadores e xurado, o único certo é que abrir as portas a ese futuro de esperanzas é a grande aposta de Novos Valores. Non hai moita máis proba que facer para valorar a súa relevancia nos últimos tempos que abrir algún catálogo ou achegarse a algún currículum dos actuais referentes da arte na nosa rexión para comprobar como neles sempre consta, cheo de orgullo, o certamen de Novos Valores.

Dende esa presenza é dende a que hai que seguir apostando por esta cita, pola súa potenciación ano tras ano como experiencia e respaldo a aqueles que queren que sone o seu nome de xeito firme nese mundo tan complexo como é o artístico. Baixo o eficaz comisariado de Natalia Fraguas achegámonos a eses nomes que nos sonan por primeira vez, pero tamén a outros que xa apareceron noutras convocatorias e que seguen mantendo o facho da ilusión e desa esperanza por converterse en creadores relevantes. Percorremos todas estas estacións, unhas gústannos máis que outras, pero en todas elas reside ese xerme de futuro. Formas e xestos que traducen o que acontece ao noso arredor dende diferentes poéticas ou percepcións, dende linguaxes diversas pero todas cheas de suxerentes miradas das que podemos ser cómplices. Eso é o que queren os participantes, que sexamos os seus cómplices, que nos deixemos levar por como eles se deixan levar pola realidade. Nunca como nesta cita é máis necesaria a nosa presenza como respaldo ao seu traballo, pero tamén a ese futuro de novas esperanzas construído polos ‘Novos Valores’ de hoxe.





Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 29/09/2013
Imágenes (Rafa Fariña):
!º Premio Antía Barba
2º Premio Ana Mª González
Obra de Arantza Pardo

Ningún comentario:

Publicar un comentario