Na portada deste libro de Fran Alonso, o debuxante Antonio Seijas
presenta a un home que tapa os oídos sentado na súa cama e cunhas luces
xenerando un espazo de inestabilidade. É a noite, con todo o que supón para o
ser humano. Ámbito da escuridade, de sons que xurden dos lugares máis
insospeitados, de medos que a nosa mente é quen de redimensionar á diferencia
do que acontece durante o día. Un lugar no que medra o desacougo e onde podemos
ser presa fácil para o medo, esa anguria que abre camiños de difícil
percorrido.
Unha desas presas é o protagonista deste libro no que Fran Alonso sitúa
arredor dun mozo periodista recén chegado a Madrid unha trama tan sorprendente
coma axitada para un lector que, dende o primeiro momento, vese arrebatado por
unha historia na que vas caendo como nunha espiral abisal na que todo se vai
escurecendo a medida que se suceden as páxinas, a medida que ese home sinte a
súa soedade como un ferro ardendo atizado por un lume que xurde das palabras e
os sons que escoita ao outro lado da parede do piso no que tenta vivir.
Intervir ou non ante os diferentes acontecementos que ocorren será o gran
desasosego dese home e o que nos levará a un final abrupto no que, lonxe de
finiquitar o relato, o autor deixa na mente do lector unha chea de derivas
sobre as que se volve aínda que o libro xa esté no andel.
Esa permanencia máis aló das súas páxinas fala da súa gran virtude, como
é a de ser quen de xerar unha atmósfera cada vez máis angustiosa, cada vez máis
chea de dúbidas e incertezas na que se van pousando situacións límite para o
ser humano, ese ser solitario e con poucos fíos coa sociedade, pese aos
intentos dos que o rodean por integralo nela. Esa resistencia, esa victoria
sucesiva do descoñecido e case sobrenatural sobre a vida cotiá, é a que se
impón na realidade do protagonista, consolidando esa sensación que tan ben lle
acae ao relato
De fondas connotacións kafkianas Fran Alonso artella de xeito eficaz a
literalidade da vida deste periodista que chega a Madrid na procura dun
traballo, e no que esa dicotomía entre o exterior e o interior do seu piso, fai
que a súa vida non sexa a mesma. O libro ademais deixa no aire esa sensación de
inconexión entre os habitantes das cidades, tan pegados vivimos que moitas
veces o que acontece ao outro lado dunha parede parece estar moi afastado de
nós, cando son apenas uns centímetros os que nos distancian das situacións máis
insospeitadas. Se gustan da literatura inquedante e queren deixarse levar pola
pegada do existencialismo, deixense rodear por este silencio que na noite o
envolve todo para actuar como un altofalante da sinrazón do ser humano.
Publicado no Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra 22/06/2014
Ilustración de Antonio Seijas. Autor tamén da capa do libro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario