Rue Saint-Antoine nº 170
Cine. A estrea de ‘A Esmorga’ e a inauguración da exposición
CineGalicia 25 no Museo do Gaiás, arredor dos vintecinco anos da estrea de tres
filmes míticos no noso audiovisual: ‘Sempre Xonxa’, ‘Urxa’, e ‘Continental’
lévanos a mirar algúns anos antes, a un tempo cheo de ilusións e atrancos á
hora de establecer os camiños do cine galego.
Se hai unha arte da ilusión esta é o cinema. No seu universo de luces e
sombras xogando sobre unha pantalla establécese unha complexa relación entre os
propósitos dos seus creadores e o produto final. A súa forte compoñente técnica
necesita dunha inversión das que outras maneiras de expresión artística non
precisan. Este tipo de situacións déronse de xeito frecuente nos primeiros
pasos do cinema galego. Dun cine inmerso, tras o final do franquismo, nunha
chea proxectos, ideas e ilusións que moitas veces chocaron coas imposibilidades
da nosa «industria», así como da súa financiación.
Cando do 23 ao 26 de novembro de 1989 no Teatro Fraga de Vigo, nunhas
xornadas co título ‘Cinegalicia’ estrenáronse ‘Sempre Xonxa’, ‘Urxa’ e
‘Continental’, o cine galego podemos dicir que deixou os seus pantalóns curtos
no armario e vestiu con pantalóns longos. Aínda quedaba moito por facer, pero esas
tres longametraxes, producidas en Galicia e dialogadas en galego, convertéronse
nunha especie de trinidade fílmica dun cine que tivo que loitar moito, a través
dos seus profesionais, ata chegar a ese 1989.
Un daqueles protagonistas foi Carlos A. López Piñeiro, codirector xunto a
Alfredo García Pinal dunha delas, ‘Urxa’, pero tamén un dos pioneiros daqueles
proxectos experimentais e amateurs que foron creando a semente para o que
acontecería despois. De feito e coas datas na mans, poderíamos dicir que a primeira
longametraxe en galego foi ‘Malapata’, dirixida entre 1979 e 1980 (aínda que xa
antes en Super-8 mm .
e xunto con Xavier Villaverde, tamén ao fronte da cámara nesta ocasión,
realizaran ‘A semente’) e que pese a non ter distribución comercial si que foi
exhibida en numerosas asociacións culturais e cine-clubes, nunha interesante
iniciativa que levaba as producións do Equipo Imaxe, do que el era o seu
coordinador, ata un público que comezaba así a súa relación co cinema galego.
Mirar dende hoxe a aquela ‘Malapata’ e facelo dende o arrepentimento por
aceptar un proxecto que non partía do propio Equipo Imaxe, senón dun encargo
que, aqueles mozos, desexosos de visibilidade, ante a incipiente chegada da
Televisión de Galicia, aceptaron, non sen un longo debate dentro do grupo. Ao
pouco de comenzar a financiación prometida foi diminuíndo e aínda así aquela
película custou millón e medio de pesetas, unha cantidade irrisoria para unha
rodaxe en 16 mm .
e a súa postproducción (revelado en Madrid, dobraxe en estudos en Barcelona...)
todo iso foi desembocando no fallido do proxecto, pero si que debe ser tido en
conta coma esa aventura para dar o gran salto do cine amateur ao profesional
que viría despois.
Entre as consecuencias desta produción estaría a disolución dese Equipo
Imaxe que, xunto con outros dous, Lupa e Enroba, foron os mantedores dunha
produción visual de curtametraxes nos anos setenta alicerzadas polas Xornadas
de Cine de Ourense. O grupo Lupa composto por xente do teatro como Euloxio
Ruibal ou Roberto Vidal Bolaño; o grupo Enroba liderado por Enrique Rodríguez
Baixeras, e o grupo Imaxe fundado por Carlos A. López Piñeiro xunto a Félix
Casado e Luis Gayol.
‘Malapata’ foi o punto final dese mundo de ilusións entre sombras que
produciron curtametraxes importantes e das que Carlos López Piñeiro si que se
mostra orgulloso como ‘A Illa’ (1976), ‘A ponte da Verea Vella’ (1977),
‘Circos’ (1979) ou ‘Érase unha vez unha fábrica’ (1979). E de feito ‘A illa’
recibiu o Premio á mellor película nas ‘IV Jornadas de Cine Independiente’
celebradas en 1976 pola Universidade Complutense, competindo con directores
como Fernando Trueba, Fernando Colomo ou Iván Zulueta. Además foi a primeira
película galega emitida por televisión, xa que o 15 de agosto de 1976 emitiuse
polo Centro Territorial de TVE en Galicia. «Calquera destas curtametraxes
reflicte de xeito moito máis fidedigno que ‘Malapata’ cal foi a achega máis
específica, distintiva e valorada do Equipo Imaxe á traxectoria do cinema
galego», afirma Carlos A. López Piñeiro.
Estes momentos previos ao ‘boom’ do 89 alentáronse cando se creou en 1988 a primeira Asociación
de Productores de Galicia co propio Carlos A. López Piñeiro na presidencia, ao
que se lle engadiu a presenza na Xunta de Galicia do goberno tripartito no que
nomes coma os de Alfredo Conde ou Antón Louro déronlle o empurrón que precisaba
o audiovisual, xunto coas primeiras inversións dende a estreada Televisión de
Galicia. Foi un punto álxido que se reflectiu nesa colleita de películas e que
poucos anos despois volveu a caer no baleiro, froito dunha discontinuidade nos
apoios ao noso cine que imposibilitou unha produción máis estable no tempo.
Cinema mudo en galego
O paso do tempo, os desencontros e os esforzos físicos e materiais
malograron as ilusións de moitos daqueles pioneiros. O propio Carlos A. López
Piñeiro abandoará de xeito progresivo a súa presenza tras as cámaras para
adicarse a outros campos como a docencia ou a investigación. E é precisamente
dende aí dende onde reivindica un título que debería considerarse como a
primeira longametraxe feita en Galicia e dialogada, aínda que con subtítulos,
en galego. ‘Maruxa’, dirixida por Rey Soto, e estreada o 12-01-1924 no Salón
Royalty de Compostela e que se anunciou cos títulos redactados polo dramaturgo Lugrís
Freire. A película chegou a Pontevedra o 29-03-1924, como recolle o autor no
imprescindible ‘O nacemento dunha cidade. A implantación do cine en
Pontevedra’.
Publicado no Diario de Pontevedra 24/11/2014
Fotografía: Rodaxe de 'Malapata' en Mera. Xavier Villaverde coa cámara e Carlos A. López Piñeiro dando instrucións aos actores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario