domingo, 4 de xaneiro de 2015

Xira, xira, xira...



Toda forma de vida intelixente a este lado do Lérez é consciente de que só hai tres supostos para que Miguel Anxo Fernández Lores non volva a ser alcalde de Pontevedra neste bielectoral ano 2015. O primeiro deles é que o propio señor Lores entre nunha especie de regresión mental que o leve a ingresar nunha orde relixiosa afastándose do mundanal ruido e rexeitando participar nunhas eleccións; o segundo sería que o Partido Popular tomase en serio a esta cidade e apostase de xeito contundente por gañar a alcaldía da capital da provincia cun candidato, digamos unha Ana Pastor, que transmita aos seus votantes unha solidez ou unhas expectativas que, ata o de agora, non se adiviñan; e a terceira sería que a cola dun cometa impacte contra a superficie terrestre provocando un cataclismo que elimine toda forma de vida do planeta terra, imposibilitando así calquer proceso electoral. Como estas tres opcións a día de hoxe teñen as mesmas posibilidades de que se produzan pois branco e en botella. 
Decembro do ano 2006. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores leva sete anos no seu posto e naquel vello concello que todos agardamos ver de novo á disposición do pobo facía gala das súas dotes como lanzador de buxainas para difundir unha campaña para agasallar eses xoguetes. Oito anos despois e centos de fotografías que amosan esa empatía singular coa xente e as cámaras, o alcalde é o mesmo, pero as buxainas non, as buxainas enchen as nosas prazas, pero uns modelos moi diferentes, feitos con plástico, chegados de México e cheos das cores máis diversas, buxainas ás que se lles move a punta e que hai que lanzar ao revés de como se lanzaban aquelas outras de madeira. Unha moda que moitos dos que xogabamos coas máis vellas nunca pensamos ver nas mans dos nosos fillos. É o claro exemplo dun aparello ben pensado, que se pode adaptar a calquera época e a todo cliente, aínda que este sexa de tempos ben diferentes á que só lle facía falta unha modernización na súa faciana para que siga facendo a súa función. 
Cando se van a cumprir dezaseis anos, que se di ben pronto, dende que Lores empurrou ao Partido Popular da alcaldía de Pontevedra o seu xira, xira, xira, segue a funcionar como o primeiro día, máis pulidiño, tenta este ano poder chegar aos vinte anos como alcalde. Como as buxainas que non pasan de moda, algo tera a auga cando a bendicen, e se a xente lle segue a encher o peto de votos ao alcalde unha e outra vez, e sen ningunha expectativa de cambio, ao contrario, todo parece indicar que aínda serán máis eses votos de apoio, non serei eu quen tente explicarlles o fondo do asunto, o que move os votos e aos votantes, que para iso xa están os politólogos e Adrián Rodríguez, que é o máis parecido que temos nesta casa, e ademais o fai moi ben. Eu só lles podo falar de sensacións, de aires que me chegan pola rúa e de cousas que escoito neste niño de xornalistas no que só parecen ter dúbidas ante eses novos partidos que se van a sumar á festa e o que lle poden rascar aos partidos con representación no concello. Abofé que dende os primeiros días deste ano comenzaremos a ver os movementos duns e doutros e á toma de posicións ante a data do mes de maio. 
Como poden ler levo varias liñas escribindo sen dicir nada e é que na tautoloxía da política case sempre se fala ou escribe sen dicir nada, arrodeando a cerna da cuestión que é se o candidato te cae ben ou non, ou a súa maior ou menor capacidade de empatizar co electorado, e máis cando falamos de eleccións que se resolven á porta da túa casa e non a kilómetros de distancia, que aí xa te empapas de programas e buscas axustar as contas dos anos anteriores, pero desas falaremos un pouco máis adiante, que tamén temos no horizonte eleccións xerais e os astrónomos non anuncian a chegada de ningún cometa neste ano, aínda que sí dun coleta que pode chegar a ter efectos semellantes. E é que no mundo local, e metros cadrados de baldosas aparte, todo responde a outros conceptos moito máis próximos e aos que poden acceder de primeira man non en mítines ou milongas desas que se montan os políticos para encher as campañas electorais, senón cando os vexan ante un desfiuzador de ideas alleas, e nós aí temos ao mellor, chámase, Cota, Rodrigo Cota. TantoMiguel Anxo Fernández Lores, como Jacobo Moreira, Agustín Fernández ouMaría Biempica (que sí, que si o dixo Adrián Rodríguez é que vai, non o dubiden) e os milleiros de tapados que semellan formalizarán as súas candidaturas xa terían que calibrar os seus movementos tácticos e ideolóxicos para cando se senten fronte a el, e se vexan espidos ante alguén que mesmamente foi quen de secuestrar a Mariano Rajoy. Máis tarde ou máis cedo o terán que facer, eles o saben, e vostedes tamén. 
Mariano Rajoy. Del non atopei ningunha imaxe bailando unha buxaina... por aí xa imos mal. Un caso de manual de falla de empatía co electorado. E a el tócalle pasar polas urnas no outono, ao mellor as súas maxestades lle deixan unha buxaina (un trompo!) ao pé da árbore, para que mellore esa proximidade coa xente, aínda que ese problema en Pontevedra non o vai, ter xa que aquí non nos podemos queixar con todo o que nos deixou como legado do seu paso pola presidencia do Goberno e, aínda arriscándome a que algunha pretoriana me rompa esta páxina ante as narices, dende aquela achega lumínica do Marqués de Riestra non se viu unha devoción dun político pola súa cidade coma neste caso. Teñen sorte que estou chegando ao final e non me quedan liñas para contarlles todos os fitos que quedarán para a historia da cidade baixo a súa presidencia... teñen sorte. 
Pasan os anos, pasan as caras e Miguel Anxo Fernández Lores segue facendo xirar a súa buxaina de madeira ou agora de cores, a buxaina xira, xira e xira e Pontevedra xira ao seu arredor. Ou non. Xa o veremos.





Publicado no Diario de Pontevedra 3/01/2014
Fotografía. Gonzalo García

Ningún comentario:

Publicar un comentario