luns, 23 de febreiro de 2015

30 anos dunha resurrección

Rue Saint-Antoine nº 170
Performance. O azar, bulideiro e caprichoso, quere que de novo sexa nun 22 de febreiro cando o lume remate coa efímera vida de Ravachol. Xa van trinta anos dun 22 de febreiro de 1985, cando, da noite dos tempos, recuperouse a figura deste papagayo, compañeiro de Perfecto Feijoo, e cuxo óbito converteuse nun irreverente acto de modernidade.



Nos anos vinte do século pasado André Bretón e os seus camaradas surrealistas paseaban os seus cadáveres exquisitos polas rúas de París. Con eles tremeron os alicerces da arte e entendeuse que se daba un paso ben forte na modernidade social e artística. Pero unha década antes, neste afastado da metrópole punto xeográfico, outros homes e mulleres saíron as rúas a perpetrar o que podería calificarse, sen nengún ánimo fachendoso, dunha das primeiras accións surrealistas da historia ao poñerse todo un pobo tralo cadaleito dun paxaro, no que se poñía a desfilar á igrexa, á política, ou ao exército, e dicir, as institucións de referencia participaban dun acto que removía a orde social establecida, e nada hai máis surrealista que iso. Toda unha performance.
A casualidade, ou os caprichosos fíos do destino, farán que hoxe, outro 22 de febreiro, trinta anos despois, volvamos a converter en cinzas ao papagaio que aqueles afoutados pontevedreses resucitaron para darlle outro pulo ao Entroido na rúa.
Eses pontevedreses que quixeron sacar o Entroido a rúa, algúns deles adicados á hostalaría, e afectados pola traxedia da madrileña discoteca Alcalá 20, na que morreron 82 persoas por un incendio, plantexaron en febreiro de 1985 completar a programación coa esquecida figura, daquel papagaio burlón e irreverente que viviu na botica de Perfecto Feijoo chamado Ravachol, en recordo, seguro que polo carácter que nel se adiviñaba, dun coñecido anarquista francés de finais do século XIX, François Ravachol, axusticiado en 1892. Ravachol, o noso, faleceu na fin de semana do 24 e 25 de xaneiro de 1913. A noticia, foi de tal importancia que ocupou un amplo espazo na portada do Diario de Pontevedra o martes 27 de xaneiro, comezando a medrar a bola da súa morte e todo o que viría detrás como unha gran broma que Perfecto Feijoo, axudado por outros ‘cráneos privilexiados’ daquela Pontevedra de principios do século XX quixeron artellar coincidindo co Entroido daquel ano. Velorio, honras fúnebres, desfile, telegramas chegados de numerosos puntos cardinais e unha ‘criminal velada’ no Circo-Teatro, asentaron as bases dunha lenda, que o foi en vida, pero aínda máis trala súa morte.
En 1984 o Entroido de Pontevedra voltaba á rúa, ao lugar que lle corresponde, un espazo que lle fora prohibido durante a Ditadura atopando refuxio nas diferentes sociedades pontevedresas baixo nomes como os de Festa de Febreiro, Festa da Primaveira ou incluso Festa da Camelia. Un ano despois, e ante o éxito acadado, decídese seguir medrando no que é o Entroido na rúa e poder gañar así dous días máis de festa, co conseguinte maior gasto económico e repercusión nos comercios da cidade. O tradicional mércores co que se remata o Entroido pásase ao venres e pénsase en recuperar a figura daquel papagaio que acompañara a don Perfecto Feijoo na súa botica.
O 13 de febreiro de 1985 no concesionario Begano de Coca-Cola en Poio procédese á súa presentación, anunciado como «Loro ilustre de la ciudad de Pontevedra», por parte do concelleiro delegado de Cultural, Rodríguez Pousada e o presidente da ‘Comisión do Carnaval en la calle’, Antonio Reguera. Aquel papagaio, de pouco fuste, todo sexa dito, viña a inaugurar unha nova etapa no Entroido pontevedrés incidindo na súa cualidade de carnaval urbano, culto e intelixente que lle pegaba moi ben á cidade e a súa historia.
 No libro do recordado José Manuel Brea (o primeiro que lle prendeu lume a ese Ravachol en 1985), ‘Vinte anos de entroido na rúa’, lembra como cando se comentou esa posibilidade de resucitar a Ravachol houbo quen dixo que «eso de Ravachol no va a tener éxito». E aí o deixamos. Ese primeiro Ravachol tivo a súa primeira casa mortuoria no Hotel Don Pepe, trasladándose despois á Casa da Luz para o velorio multitudinario. No programa de festas daquel 1985 incluíase un acto a celebrar o día seguinte do enterro, ás doce da mañá, consistente en depositar as cinzas do Ravachol na base dunha árbore que se plantará cada ano nun lugar «aínda por determinar», coa pretensión de crear un paseo do Ravachol, algo que non frutificou.
A primeira edición e, como acontecera o ano anterior coa saída á rúa do Entroido, converteuse nun rotundo éxito. A praza da Verdura xa estaba a rebosar dende as sete da tarde, hora de comezo das exequias fúnebres. A mágoa de tantos só puido ser mitigada en parte coa presenza a cargo da organización de «trinta empanadas, bacallao rebozado e uns garrafóns de viño». Unha hora despois arrincaba o cortexo fúnebre polas rúas dun casco histórico de loito riguroso. Unha cruz de flores e a esquela de Ravachol abrían ese cortexo. Mulleres portando cirios prendidos ‘severamente enloitadas’ e moitos homes tocados con bombín ou chistera formaban parte desa comitiva na que non faltaron as charangas e os grupos festivos, nin o bispo co seu séquito. Na praza da Ferraría, ante o alcalde e os concelleiros, así como outras ‘personalidades’, e trala lectura das letanías, prendeuse a pira que deixou o corpo do Ravachol convertido en cinzas e aos pontevedreses coa impresión de ter saldado unha débeda cun dos seus personaxes máis orixinais, singulares e simbólicos dunha cidade capaz de facer cousas tan marabillosas dende a imaxinación e o sempre necesario puntiño de loucura para saír a rúa a chorar a morte dun papagaio.





Publicación no Diario de Pontevedra 22/02/2015
Fotografía. Acto de presentación do primeiro Ravachol en 1985 (Rafa)

Ningún comentario:

Publicar un comentario