Subir ao tren na estación de Pontevedra e baixarse na nova estación
de Urzáiz en Vigo. Total, 14 minutos. Tempo para acomodarse no asento, consultar
un par de correos no móbil, escribir uns cantos whatsapps e cando queres abrir
un libro xa comezas a albiscar o fin do traxecto.
14 minutos tralos que te das conta da
necesidade que ten este país de estar ben comunicado, de superar as eivas
históricas que lastraron o noso desenvolvemento década tras década, pero sobre
todo, de sentirnos todos ben próximos para ser capaces de xestionar un modelo
de vida común. Poder estar en Vigo dende Pontevedra en 14 minutos, en Compostela en 36 ou na Coruña en 66, amosa a necesidade de
acortar espazos, tempos e distancias entre nós.
Cuestións coma os da dispersión da
poboación, as complexidades orográficas ou a carencia de fortes investimentos
en cuestións relativas á mobilidade xeográfica, máis alá dunha autopista
convertida nunha sangría económica para o cidadán, impediron ou serviron coma
escusa para o normal progreso nas nosas vías de comunicación que tiña que
discurrir en paralelo aos diferentes tempos modernizadores que viviu a nosa
sociedade. Tardar o mesmo tempo en ir da miña casa no barrio da Parda á Peregrina camiñando, que achegarme a Vigo en tren, é o mellor
reflexo do que supón para o día a día das persoas que as comunicacións sexan
áxiles e o mellor xeito de superar esas barreiras invisíbeis que durante tanto
tempo se ergueron entre as nosas vilas.
Diluir as distancias en base a acadar
un menor tempo de traxecto, coas maiores frecuencias e o respecto ao medio,
supón achegar territorios, facer que as relacións humanas estreiten as súas
confianzas e que as económicas, esas que desgrazadamente semellan ser as que
moven o mundo, sexan moito máis intensas. Pero máis alá dos movementos de mercadorías
e cartos, evidentemente irrenunciábeis para calquera sociedade, hai outras
dimámicas nas que a redución das distancias tamén xoga de cara a súa afouteza.
Achegar persoas a persoas mudando o que pode ser un fatigoso percorrido en
coche, con peaxes, combustibel, aparcadoiros, atascos... por unha plácida
viaxe, troca moitas das perspectivas que temos entre nós coma de formar parte
de pequenos reinos suspendidos no aire. Cidades case incomunidas entre si,
cunha ausencia total de empatía entre elas e entre uns cidadáns, cos seus
dirixentes á cabeza, máis decididos a cultivar as miopías localistas que á
construción dunha realidade galega consistente. Moitas veces, abofé que as
máis, faise máis país mellorando vías de comunicación que envolvéndose en bandeiras
que nos tapan por un lado pero nos deixan os pés ao aire.
Co corredor atlántico en boa dirección,
aínda que sempre laiaremos o tempo perdido e as viaxes non feitas, con todo o
que hai detrás diso, agora toca mirar tamén hacia outras realidades que non farían
máis que seguir engrandecendo as nosas posibilidades, como as que poden xurdir
dun interior de Galicia secularmente
aínda máis illado que a canle establecida entre as grandes vilas de Galicia. A
mellora do tránsito cara o interior das provincias de Pontevedra e Coruña, con Lugo e Ourense como destinos finais, non é máis que a culminación dunha
rede viaria e ferroviaria que permitiría albiscar realmente un tempo novo, con
profesionais do ámbito qué sexa establecendo novas relacións entre eles, cativos
coñecendo novas vilas e espazos, estudantes que melloran o acceso á súa
educación, público de actos culturais máis favorábeis á achegarse a eles ou
simplemente o pracer de gozar por parte dos cidadáns do que nos ofrece a nosa
diversidade de vilas e que ante un canso ir e vir prefiran deixarse estar no
seu lugar de orixe.
Eu téñoo moi claro, cada vez que
precise ir a algunha desas vilas fareino sempre en tren, gozando desa maxia,
máis cinematográfica ca real, que sempre envolve unha viaxe sobre raís, de paisaxes
convertidas en fotogramas, de cruces de miradas entre os viaxeiros, de esculcar
condutas alleas, de tempo para pensar mergullado na burbulla tempo-espazo da
viaxe ou de lecturas en pequenas doses, en definitiva, valorando ese tesouro
que temos nas mans que non é máis que a vida. Gústanme os trens e gústanme as
estacións. Poucas cousas hai máis fermosas que ver a unha parella bicándose na
plataforma dunha estación, pero aínda máis cando o progreso fai que ambas
realidades coexistan coas demandas da sociedade actual. Eses 14 minutos son
parte da necesidade de Galicia, da necesidade de todos nós.
Publicado no Diario de Pontevedra 24/10/2015
Fotografía: David Freire
Ningún comentario:
Publicar un comentario